por Francisco Rodríguez, en Sermos Galiza:
Teño contacto cos xornais desde moi noviño. A miña afección ao cinema levoume a, con menos de dez anos, procurar información sobre as estreas cinematográficas en Madrid, que se producirían máis tarde en Ferrol, a través dos anuncios propagandísticos que aparecían na prensa madrileña, primeiro, e logo na ferrolá. Folleaba, pois, xornais de Madrid atrasados e de Ferrol ao día, nos anos cincuenta, franquismo pleno. Nunca fun un afervoado do fútbol, mais inevitabelmente detectei o importante espazo informativo que ocupaban entón os partidos das equipas de primeira, e mesmo, a nivel local, os de segunda división. Como os detecto hoxe, aínda sen querer...Entón como hoxe, unha información abafante e desproporcionada, tanto en relación con outros temas vitais, como en relación con outros deportes. Porén nunca, nos meus case sesenta anos de contacto con xornais impresos, vin despregue semellante ao feito polo xornal de máis tiraxe da Galiza co gallo do ascenso do Deportivo a primeira división.
Seguramente non foi menor o feito polo decano da prensa española da cidade olívica co do Celta. Ningún acontecemento, suceso, accidente, efeméride, cerimonia, triunfo ou fracaso humano, actividade política, científica, económica ou cultural, alegría ou tristeza colectiva, de ámbito universal, non digamos galego xa, mereceron endexamais as 22 páxinas destinadas a informar, glosar, parafrasear e ilustrar sobre o ascenso devandito...
De súpeto o país pareceu pasar á primeira división en todo, obviándose e esquecéndose calquera cuita, preocupación ou relativización que se derivase da crise económica, do empobrecemento social, da impotencia política, da deformación cultural...Todo zumegaba felicidade e harmonía por obra e gracia dun milagre inesperado. Galicia, en primeira, era a pílula editorial...
Cavilei na frecuencia con que se denigraba, merecida ou inmerecidamente, a política e aos denominados políticos en moitas páxinas da prensa escrita diaria; abanei entre os dous pólos da súa antitética e mareante esquizofrenia verbo da Galiza, un día o mellor do mellor, e ao seguinte, un desastre; lembrei como se editorializa moitas veces con demagoxia contra o gasto público e a falta de transparencia das administracións, para favorecer a privatización máis salvaxe. Sentín a noxenta combinación dun lacrimóxeno sentimentalismo galego coa defensa da máis agresiva política de españolización. Sorrín perante a presuntuosa ostentación de estar mesmo por enriba dos que mandan, mentres é evidente que se serve, de forma sinuosa, ao partido no goberno. Resoaron na miña cabeza leas localistas, entre galos do curral, guindando armas do calibre da ruína financeira, a mala xestión e mesmo as débedas á facenda pública, do clube, agora desaparecidas.....Parece existir no poder unha coincidencia total. Alimentemos até o delirio o entusiasmo popular pola vitoria. É a mellor maneira de elevarnos desde a miseria, nunca mellor dito, ás alturas, a grande posibilidade de contribuír a esquecer todo o que vai mal para a maioría. No franquismo había unha tendencia en todos os críticos do réxime, por moi superficiais que fosen, a desacreditalo polo uso que facía deste deporte, como opio do pobo, unha forma de droga colectiva. Nisto os tempos non mudaron, mais ben perfeccionáronse...O impacto informativo que levei, após follear, incrédulo, 22 páxinas, foi tal que me fixo pensar que, de caer sobre nós unha bomba atómica, os superviventes galegos, caso de contaren coa rotativa en uso, non chegarían a tal extremo de abafante delirio...
Entre a visión dalgunhas fotos do reportaxe, por unha parte, e asexos televisivos, pola outra, comprobei que os símbolos que se axitaban nas gradas eran plurais, con presenza de bandeiras do país, con ou sen estrela. En contraste, non vin ningunha portada polos xogadores, técnicos ou directivos do Deportivo, cando festexaban o triunfo no campo. Alguén informoume, desconsolado, de que un xogador, de nacionalidade portuguesa, portaba a do seu país (aínda menos mal que non foi a española!!), outro asturiano, a súa ( que pasada!!)...E nós que pagamos e nos entusiasmamos, nada de nada!! Velaí a máis grave deficiencia, aceptando mesmo que poida haber proveito para a nosa conciencia colectiva e a nosa autoestima. destes triunfos deportivos. Postos a tomar droga, non é o mesmo que nos axude a exercer como o que somos, galegos e galegas de nación, incluídos os símbolos e o idioma, que a levitar no confusionismo localista e no complexo madrileñista de españois impostados. Por iso non me é indiferente que teñan bo suceso os esforzos dos deportivistas que están empeñados en que o Clube respecte e asuma o nome orixinal e legal da cidade, A Coruña, e que o noso idioma sexa o de uso normal a todos os efectos...E non esquezan tampouco o sintomático que é, neste como noutros deportes ou actividades artísticas ou científicas, contar con canteira propia...
Ningún comentario:
Publicar un comentario