Todo o que reflexionara durante máis de cinco minutos no asunto da normalización sabe o o primeiro chanzo que hai que pisar é o da identidade. An Alfaya explícanolo moi ben neste artigo d´A Nosa Terra:
Non é o mesmo ser galego que sentirse galego. Ser galego vén sendo aquel que nace nun territorio chamado Galicia, aínda que logo non implique necesariamente que utilice o idioma galego como vehículo de comunicación. Porén, dáse o caso de quen nacendo ou non en terra galega, chega a sentir a lingua como propia, incorporándoa ao seu contorno cotián como xeito de expresión verbal ou escrita. Daquela, sentirse galego dános unha clave de identidade, mais tampouco impele a levar tatuado un código de barras na fronte, senón que agroma do íntimo e logo emerxe cara ao universal. Sentir a lingua galega supón aprehendela cos cinco sentidos. Obríganos a defendela dos envites alleos coa razón e co corazón, tal coma se na tarefa nos fose a vida de quen amamos por enriba de nós mesmos, porque coa súa morte esmorece a nosa ilusión polo presente e a nosa esperanza polo futuro da nosa Cultura. Porén, se un pon os ollos, as orellas, o nariz, a lingua e a pel nas palabras autóctonas, de súpeto espertan os recendos, os sabores, as cores, as texturas e a musicalidade dos vocábulos, é dicir, os motores da degustación lingüística. Porque as nosas palabras son seres orgánicos, e coma tales nacen, medran, nútrense, desenvólvense, e tamén murchan ou desaparecen se caen no limbo do esquecemento dos transmisores e dos oíntes. Co desuso corren o risco de mudar en pura arqueoloxía, de transformarse en obxectos de museo conservados en formol, gardados en urnas de cristal, fosilizados, dispostos para ser analizados e espertar a curiosidade das xeracións vindeiras. Os medios de comunicación, os poderes públicos e o conxunto da cidadanía deben entender que protexer o galego é un deber e un dereito dende calquera parcela ou sector social. Educadores, creadores, administracións e demais, piares dunha ecuación de primeiro grao cunha soa incógnita por resolver, están abocados a camiñar da man na busca da solución, que non pasa pola liorta, senón polo diálogo. Os enfrontamentos das capas sociais, as promesas electoralistas, a escasa argumentación e os desatinos políticos, así como o abandono da nosa lingua condúcenos a escurecela e a facela prisioneira na gaiola do pensamento, sen posibilidade de fitar a luz, sentenciándoa nun xuízo sen lei á pena de morte. Calquera lingua supón un banzo na gran pirámide do que convén preservar e cultivar como patrimonio da humanidade, e o galego está cando menos ao mesmo nivel das outras. Porque non hai concepto ou sentimento que non poida expresarse en galego, e o mundo pode ser entendido, sentido e amado dende o celme, dende a raíz, dende o berce. As palabras recenden, cheiran, feden e olen tamén en galego. As palabras abrasan, abrazan, amansan e acarician, tamén en galego. As palabras degústanse, mastíganse, deglútense e saboréanse, tamén en galego. As palabras pronúncianse, escóitanse e soletréanse, tamén en galego. As palabras escríbense, debúxanse, perfílanse e coloréanse, tamén en galego. Porque ser ou non ser Galego cos cinco sentidos depende tan só do emprego dun: do sentidiño común.
Ningún comentario:
Publicar un comentario