Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 14 de setembro de 2011

Falar bretón hoxe. Basta de nos xustificar!

Por Arzhur, en Terra e Tempo:

Para que serve falar bretón? Un mozo de fala bretoa responde a esta pregunta deixando claro que unha lingua non ten por que ser útil.

Falar bretón non é sempre froito dunha elección persoal. No meu caso, decidiron por min cando tiña dous anos ao me matricularen nunha escola Diwan onde se practica a inmersión lingüística. Por desgraza, non puiden seguir neste centro e dez anos máis tarde tiven que pasar a unha escola pública da rede bilingüe Div Yezh. A dicir a verdade, non aprendín o bretón: digamos que o vivín. Vivino a cotío durante máis de quince anos, cunha indiferenza máis aciaga do que cabería supor. Ao falar e ouvir unha lingua como o bretón todos os días, acabas por perder de vista o importante e tamén o fráxil que é. Deixou de me importar e así abandonei a lingua que medrara comigo e que me forxara a min. 

A lingua que foxe

Porén, máis tarde ou máis cedo acabas caendo do burro. Decátaste de que che falta soltura naquelas poucas ocasións cando toca conversar en bretón: as palabras envurúllanse e esvaecen, engulidas polo francés que xa se tornou omnipresente. A lingua comeza a arredarse, fuxindo da boca que 'esqueceu' darlle vida. Vai esmorecendo a desenvoltura de antes e xa non queda outra que recoñecer -non sen bastante vergoña- que falabas mellor o bretón aos seis anos. As únicas opcións son a resignación ou o rescate. Así que decidín volver lanzarme ao bretón, recuperar o tempo perdido para reencontrarme coa lingua e, sobre todo, para non esquecela nunca máis.

Desde este momento, a miúdo véxome obrigado a xustificar esta miña decisión: "De que serve aprender bretón?", preguntan algúns, mentres que outros preguntan: "Queres ser profe?". Estas preguntas resoan como un interminábel laio raiante. Como se esta decisión só puidese responder a uns motivos estritamente profesionais. Como se saber bretón só servise para ensinar o bretón. Como se o bretón, considerado como unha lingua mantida viva nunha burbulla de respiración artificial, vexetando nun bote de formol, só interesase algúns eruditos e un puñado de universitarios... Hoxe por hoxe son poucas as persoas que imaxinan que é posíbel manter unha conversa sobre a vida e as cousas do cotián, ou mesmo sobre a sociedade ou a política. Tamén son poucas as persoas que imaxinan que as reflexións estruturadas se poidan expresar en bretón ou que se poida falar en bretón durante unha comida familiar ou estando de troula coa cuadrilla. Pola outra banda, son moitas as persoas que cren que o bretón é unha lingua morta, obviando así todos aqueles amantes da lingua que se empeñan en facer del unha lingua viva.

Un día, contoume un vasco que non lle saía a frase 'quérote' noutra lingua que non fose o euskera e que era nesta lingua que mellor lle sabía. Ao mellor é para iso que serven ante todo, estas nosas antigas linguas. Non cabe dúbida que as miñas emocións e os meus sentimentos se expresan mellor na ruda lingua dos meus devanceiros, enchoupada de emoción, xa que o bretón é a outra lingua da miña infancia. É a lingua na que tantas veces me rifaron e me fixeron rir e chorar.

A contracorrente do progreso

Gustaría de non ter que xustificar querer falar en bretón nunca máis. Sen ter que xustificarme por querer volver a encontrarme coa lingua que me eludía. Sen ter que explicarme con argumentos baseados nas perspectivas profesionais. Sen ter que buscar unha explicación racional a esta miña decisión... Acaso as persoas que aprenden inglés, español ou alemán teñen que responder a tantas interrogativas para xustificaren a lexitimidade dos seus estudos, como temos que facer os que aprendemos o bretón? Acaso teñen que aducir motivos profesionais que se 'axeitan' aos seus estudos de predilección? Claro que non. Como tampouco teñen que xustificar a súa decisión os pais e nais que opten por unha escola bilingüe onde se ensina o inglés (a razón parece tan obvia), mentres si que o teñen que facer aqueles que optan por unha escola Diwan. É que as linguas 'útiles' teñen sitio de seu e unha lexitimidade automática neste noso mundo, mentres que as linguas que se dan por mortas levan moito tempo remando a contracorrente do progreso convertido en leitmotiv das sociedades modernas.

Finalmente, todos os comentarios deste tipo van sempre no mesmo sentido, ao insinuaren que falar unha lingua, estudar a historia, pensar, construír ou escribir non serven para nada se non van ligados a un máis valía económico ou social. Os interminábeis comentarios como estes tamén revelan a importancia de conceptos como o traballo e o diñeiro, e apuntan a que cada xesto e cada respiro teñen, por forza, que estar enfocados a alcanzaren un obxectivo concreto.

Mais falar bretón non me vai servir a min para atopar un posto de traballo. Tampouco me servirá para montar ou afianzar unha rede social. É máis, xa non fica ningún falante monolingüe de bretón que tornaría obrigatorio o uso desta lingua para poder comunicarme con el, do mesmo xeito que poderían falarme en francés todas aquelas persoas coas que me relaciono habitualmente en bretón. Se falo esta lingua, é para sentila mellor. Tamén para vivila mellor.


[ Artigo de opinión asinado por Arzhur, publicado en 'Loitas de liberación nacional, unha revolución posíbel', Courant alternatif Nº 17/ Offensif, Nº 30 (xuño 2011), publicación conxunta daOrganización comunista libertaria e da Ofensiva libertaria e social. Tradución: Robert Neal Baxter ]

Ningún comentario:

Publicar un comentario