Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 8 de decembro de 2024

Como se debuxa a dignidade?

 por Ismael Ramos, en El Diario:


Hai na cultura galega demasiadas figuras na misa e repicando? Supoño que iso non é nada en comparación coas técnicas de disociación de Valentín García, que leva doce anos afirmando que o galego vai ben e indo todos os días traballar á Secretaría Xeral de Política Lingüística

O meu primeiro premio literario fóra do instituto outorgoumo hai 15 anos un xurado presidido por Agustín Fernández Paz. Eu lera del naquela altura unha ducia de libros: Cartas de inverno, Aire negro, Rapazas... Os seus relatos e novelas compartían andel con Harry Potter, o pequeno vampiro, o león, a bruxa e mais o armario e, dalgún xeito, igual ca eles, tamén algo de Fernández Paz permanece aínda hoxe comigo, nesa capacidade da literatura infantil e xuvenil para convencernos de que se pode cambiar o mundo. Pódese?


O caso é que estes días lembrei outro aniversario diferente ao daquel premio de contos para adolescentes: en novembro de 2010 Fernández Paz rexeitaba o Premio da Cultura Galega de Literatura convocado pola Xunta de Galicia. Facíao naquela altura como resposta ao desmantelamento dos Premios Nacionais da Cultura Galega —creados polo goberno do bipartito e que canda o adxectivo “Nacional” perderan tamén os 12.000 euros da súa dotación económica trala vitoria do Partido Popular— mais, sobre todo, rexeitaba o galardón para dar un golpe sobre a mesa despois de que o goberno de Feijóo aprobase o Decreto do Plurilingüismo e rompese co consenso político sobre a lingua.


Hai 14 anos, no seu comunicado, breve e agradecido ao xurado que valorara a súa obra, Fernández Paz remitía ao manifesto “Rosalía de Castro nunca aceptaría ese ‘Premio’”, publicado pola asociación Prolingua, onde se afirmaba que “nin a actual Xunta nin o seu presidente, responsables ante a historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega” e, polo tanto, vía como “lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato”. O manifesto podería ser de onte, pero o certo é que nas seguintes catorce edicións dos Premios, ningún outro escritor ou escritora rompeu a baralla, nin un só desplante. O xesto de Fernández Paz permanece coma un fito e, como tal, padece de soidade, corre o risco de se apagar entre a néboa escura.


Agora que o Pacto pola Lingua volve estar sobre a mesa, leo sobre actos de “valentía” e “dignidade” que me parecen incomprensibles. Laudatios irrisorias. De feito, fanme pensar nesa escena dos Simpson en que os pais de Milhouse están a piques de divorciarse e xogan ao Pictionary con outros matrimonios. Kirk Van Houten debuxa sobre o papel, pero Luann non entende. Finalmente, el explota: “É dignidade! Non recoñeces a dignidade cando a ves?”. Busquen a escena en YouTube, paga a pena, eu úsoa moito.


Entendo que o xesto de Fernández Paz, ademais de xenuinamente valente e digno, ten un prezo que non todos na súa situación poderían ou quererían asumir. Algúns —pouquísimos, en realidade— están atados ao visto e prace da Xunta porque se dedican á xestión cultural. Money makes the world go around. E iso, ter que bailarlle a auga a quen xoga co medio de vida dun, podo entendelo. Outros —a maioría—, simplemente optan polo silencio. Nalgúns casos, imaxino que se ven a si mesmos xa como figuras de consenso. Están, entendo eu, sempre a cabalo entre o ben e o mal. Escriben nun lugar onde a política lingüística —e a política en xeral— opera só de vez en cando e a literatura é cousa aparte. Mentres, déixanse instrumentalizar, ás veces con gusto e outras con certa vergonza. Por suposto, sobra dicir que ser instrumentalizado non é recibir unha axuda, unha bolsa ou gañar un premio financiado con cartos públicos, senón outra cousa. Outro tipo de foto, de espazos, de presenza. Ninguén está a salvo, pero todos podemos escoller. E aínda así, estou seguro de que case ningún dos seus lectores —e se cadra tampouco eles mesmos— dubidaría do compromiso destas persoas coa lingua. Como se mantén tal ficción? Como se xoga a ese xogo? Hai na cultura galega demasiadas figuras na misa e repicando? Supoño que iso non é nada en comparación coas técnicas de disociación de Valentín García, que leva doce anos afirmando que o galego vai ben e indo todos os días traballar á Secretaría Xeral de Política Lingüística.


Quizais hoxe en día non tería sentido nin efecto un manifesto como o que publicou Prolingua no 2010. Non o sei. As sucesivas maiorías absolutas do Partido Popular e a perda de independencia das institucións conduciron en moitos casos ao desánimo, o pesimismo e a desmobilización. Non busco culpables porque sei que é difícil mirármonos nese espello: unha década e media intentando resistir á decadencia. A gama de grises é infinita. O conselleiro López Campos dixo esta semana querer renovar o Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004. Créase así a ilusión do diálogo. Con todo, permítanme confesarlles que é difícil amosarse esperanzado mentres escribo isto nunha illa ateigada de camaleóns. Pregúntome que diría Agustín Fernández Paz. Como debuxaría el a dignidade?

Ningún comentario:

Publicar un comentario