Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 1 de decembro de 2024

Galicia non é Galicia sen o galego

 


por Xosé Antón Rodríguez, en Galicia Confidencial:

Os idiomas dun pobo son instrumentos culturais fundamentais para definir a súa identidade. Os cidadáns que viven nese pobo teñen o dereito de coñecer os idiomas que se falan nese territorio; o mesmo que teñen o dereito a coñecer a súa cultura, historia ou xeografía.

 

Outra cuestión distinta é a elección de cada persoa de utilizar o idioma ou lingua que considere oportuno. Por outra banda, os gobernantes teñen a obriga de proporcionar as persoas dese territorio os recursos necesarios para o coñecemento do seu idioma (ou idiomas). Os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en relación ao uso do galego, poñen de manifesto que a Xunta de Galicia está a incumprir a súa obriga de que tódolos seus habitantes coñezan a súa lingua propia (o galego), así definida no seu Estatuto de Autonomía (onde tamén se recolle o dereito a coñecer o galego). Isto é así porque os datos do IGE están a indicar que máis dun terzo da súa poboación menor de 15 años resulta que é analfabeto funcional, en canto ao coñecemento do galego. O retroceso é xeneralizado en tódalas franxas de idade, e se se compara a situación coa de hai 20 anos o retroceso do galego en favor do castelán e moi preocupante. Con todo xustiza algúns medios falan de “emerxencia lingüística extrema”.

 

No artigo que publicamos neste xornal, con data 02/06/2024, titulado “Galicia necesita outro tipo de política económica”, indicábase que a política económica levada a cabo nos últimos anos desde a Xunta de Galicia non foi efectiva porque non estivo deseñada para aproveitar a capacidade plena dos seus habitantes (os seus recursos humanos), en particular e de maneira específica, para aproveitar a capacidade é o talento da súa xuventude. É obvio, que igualmente a política lingüística da Xunta tampouco foi efectiva nos últimos anos para coidar os seus recursos lingüísticos, que se concretan neste caso no uso e coñecemento da súa lingua propia. O galego é un patrimonio inmaterial de incalculable valor que define a identidade de Galicia a través da súa cultura e historia, e á proxecta cara o futuro. É sen dubida un instrumento de conectividade e interacción internas e externas de enorme impacto que debemos saber aproveitar os galegos.

 

Pero non podemos esquecer que, a propia dinámica da promoción é uso do galego, é o resultado dunha política lingüística determinada e intencionada. Intencionada no senso de que responde a unha estratexia política onde a potenciación do galego non é unha prioridade. Como mostra de isto indicar que non se aprecia ningún tipo de intencionalidade política de cambiar aquelas normativas que están a condenar ao galego. É suficiente con ver a evolución dos datos dos orzamentos do goberno galego para a normalización lingüística, ou para a promoción dos libros en galego. Igualmente pódese ver, como mostra, a evolución dos contidos no CRTVG para a xuventude ou ver o escaso esforzo que se está a facer para potencial o audiovisual en galego. Todo este conxunto de factores crean unha convicción errada de que o galego non é importante, non é útil. Por contra, o útil no contexto que nos movemos é realmente o castelán. É moi fácil de ver que na TVG cada vez hai máis anuncios en castelán. Para que comunicar en galego se unha parte xa significativa da súa poboación nin o entende ben.

 

Para terminar podemos preguntarnos se o galego ten futuro. A grande cantidade de xente que, o domingo día 17 de novembro se manifestou en Santiago de Compostela en apoio do noso idioma, representa unha chama moi intensa de esperanza para a supervivencia do galego. Esta manifestación mostra que, unha parte moi importante da sociedade galega, está concienciada e entende a relevancia, en tódolos ámbitos, de que Galicia teña un idioma de seu con unha grande vitalidade. Pero moi probablemente este tipo de manifestacións non sexa suficiente. O futuro do galego tamén depende do que cada día fagamos as galegas e galegos en canto o uso do galego. Se o utilizamos na rúa, no traballo, no ocio, na escola, no ámbito familiar....o galego non vai a morrer. Se o utilizan as persoas que podemos considerar “referentes” (na ciencia, na educación, na sanidade, no deporte, na cultura.....) o galego vai coller un gran impulso. Pero tamén parece obvio afirmar que, unha das mellores alternativas para o impulso do galego, é elección dunha opción política que contemple, entre as súas prioridades de acción de goberno, a defensa e revitalización da súa propia lingua.

 

Sen dúbida a xestión política resulta fundamental en tódolos ámbitos de goberno. O mesmo que se non apoiamos a nosa xuventude con políticas económicas decididas, Galicia vai ser relativamente menos importante no contexto español e europeo, se non apoiamos o galego con unha política lingüística verdadeira (non de prensa), Galicia vai a perder unha parte moi importante da súa esencia, Galicia non vai a ser a mesma Galicia sen o galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario