Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 2 de decembro de 2024

Urxe pasar á acción

 


por Ana Iglesias no Faro de Vigo:

Ante a situación actual da nosa lingua, úrxenos a todos e todas tomar medidas e pasar á acción. En primeiro lugar, debemos esixirlles aos máximos responsables que muden a política lingüística levada a cabo nas últimas décadas, tanto a nivel lexislativo como discursivo. Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (2023) acaban de falar alto e claro: a situación empeorou de forma contundente. Ante grandes problemas, necesitamos grandes solucións e, desde logo, cambiar radicalmente a liña de actuación que se estaba a levar a cabo ata agora en Galicia con respecto ás linguas. Canto ao sistema educativo, o decreto vixente (79/2010), denominado decreto do plurilingüismo, lexisla en contra do establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no 2004 polo Parlamento de Galicia, baixo o goberno do Partido Popular. Esta era a primeira vez que en Galicia se levaba a cabo unha planificación lingüística xeral e a longo prazo, realizada por expertos nos diferentes sectores. Porén os seguintes gobernos do PP, lonxe de aplicalo, contradicírono en moitas das súas medidas, amparándose en que o dito plan non ten rango de lei e, polo tanto, non é de obrigado cumprimento. É certo que, despois de 20 anos, o Plan require unha revisión e adaptación aos novos tempos, aínda que nalgúns ámbitos, como é precisamente o do ensino, mantén plena vixencia e é máis necesario ca nunca.

 

 

Retomando polo tanto o recollido neste Plan, cómpre aplicar modelos de mantemento para as zonas galegofalantes e de inmersión para as castelanfalantes. Neste sentido, a escola debe exercer un papel compensatorio das desigualdades sociais. Se pensamos nos diferentes ámbitos sociais, en todos ou na maioría deles o castelán ou o inglés son predominantes: música, influencers, cine, videoxogos, televisión, prensa, centros comerciais etc. Non obstante, no ensino, o actual decreto do plurilingüismo outórgalle o mesmo tratamento ás dúas linguas oficiais da nosa comunidade, galego e castelán, e incluso á lingua estranxeira escollida en cada centro, o inglés de forma abrumadora. Quen sae perdendo ante esta situación? Sen dúbida, a lingua máis débil.

 

En efecto, a escola debe compensar a presenza maioritaria do castelán no resto de ámbitos e este é o motivo de que sexa necesario priorizar o galego no ensino. Só así poderemos aproximarnos a esa competencia bilingüe que a Lei de Normalización Lingüística persegue como principal obxectivo do ensino. Sen competencia semellante en castelán e galego, dificilmente imos garantir a tan nomeada liberdade de elección de lingua para os cidadáns.

 

 

En relación co ámbito educativo, tamén é de gran relevancia a escola infantil, é dicir, o período de 0 a 3 anos. A Xunta de Galicia perdeu unha grande oportunidade cando abandonou o proxecto de redes de escolas onde un dos piares era o idioma e que ía acompañado ademais dun oferta educativa de alta calidade. Durante o período no que estivo en marcha demostrouse que non había rexeitamento por parte das familias nin dos profesionais. En definitiva, urxe implantar proxectos de galeguización do ensino en todos os niveis educativos.

 

É importante tamén unir a lingua ás actividades extraescolares e de lecer nas que a rapazada ocupa gran parte do seu tempo libre e que, polo tanto, vincula a connotacións positivas, co fin de crear afección cara ao galego nas novas xeracións.

 

Por último, non podemos esquecer o papel que cada un de nós temos, como pais ou nais, avós ou avoas, irmáns ou irmás, mestres ou mestras. Se educamos os nosos fillos e fillas en galego, estamos coidando e perpetuando a nosa lingua. Pero non só iso, estamos contribuíndo a que sexan bilingües activos desde a infancia, coas múltiples vantaxes que isto implica, tanto a nivel lingüístico, como social e mesmo neuronal. Efectivamente, se queremos acadar este bilingüismo activo, é fundamental transmitir o galego no fogar xa que no resto de ámbitos os nenos e nenas xa van recibir o castelán por todas as vías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario