Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de decembro de 2024

Declaración institucional da Real Academia Galega a prol dun pacto pola lingua

Declaración da RAG:

Os datos sobre a situación do idioma que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (2024), analizados no Informe sobre a situación da lingua galega aprobado no Plenario, son contundentes: dramática redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos, incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade (que atinxe o 43% na cohorte de 15 e 29 anos e o 54% na de 5 a 14 anos), incapacidade para falar galego do 32% no grupo de idade máis novo, e incompetencia para escribilo do 38% nese mesmo grupo.


Estas cifras ofrecen unha proba rotunda das consecuencias do decreto chamado de plurilingüismo de 2010 e en xeral do abandono das políticas de protección do galego: incremento do monolingüismo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso.


A Real Academia Galega tense manifestado reiteradamente sobre a situación do galego. Ademais de diversos estudos e informes, cómpre lembrar aquí pronunciamentos do seu Plenario como a análise do decreto de plurilingüismo (2010), a demanda dunha avaliación dos efectos deste decreto sobre as competencias do estudantado (2014), a reclamación de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2015) e o requirimento de aplicación íntegra da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (2019).


O proceso de substitución do galego gañou un ímpeto extraordinario ao longo do presente século, e a caída de uso da lingua galega, sobre todo entre as novas xeracións, é un feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma. Por tanto, cómpre sinalar o seguinte:


A responsabilidade é de toda a sociedade galega, pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación. A primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego.

Hai varias frontes necesitadas de actuación urxente, entre as que salientamos:

No seo das familias vivimos unha dramática ruptura da transmisión xeracional.

Na escola non podemos aceptar que nenos e nenas que chegan ao ensino infantil e primario falando galego (a lingua das familias) volvan ao pouco tempo falando castelán. Os obxectivos do sistema educativo establecidos pola Lei non se cumpren.

Os medios de comunicación, que afrouxaron nas iniciativas creativas arredor da lingua, son axentes fundamentais para a normalización do idioma. En canto aos medios públicos, manifestamos a nosa fonda preocupación pola posibilidade do uso doutras linguas que permite o Proxecto de lei de servizos de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.

A industria da cultura precisa mecanismos e estratexias de difusión que permitan aos creadores en galego chegar ás audiencias (sobre todo á xente nova) e compensar a forte incidencia da oferta global.

Os axentes representativos da sociedade civil e as administracións son fundamentais. Urxe unha política estimulante que incorpore o galego ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, o lecer, o culto relixioso etc. , e mais que o active na administración pública, na sanidade, na xustiza…

A respecto da presenza da lingua nas novas tecnoloxías da comunicación, é necesaria unha estratexia activa que estimule os creadores nas redes sociais, a súa presenza na intelixencia artificial etc. 

Achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía.

Todo o anterior debería concretarse nunha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que deben participar os axentes sociais relevantes. Esta revisión debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento.

A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, compromiso internacional que obriga ao Estado e á Xunta de Galicia, debe ser cumprida na súa integridade. Isto implica o deseño dun marco normativo novo para o galego, incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día. Tal como esta Carta prevé, debe ofertarse unha liña de ensino en galego desde a escola infantil á Universidade. Igualmente, cómpre que o sistema universitario se comprometa co uso do galego como lingua da docencia.

Como punto de partida para esa nova política, é imprescindible que se chegue a un Pacto pola Lingua Galega que implique o conxunto da sociedade. As formacións políticas representadas no Parlamento son a expresión da soberanía popular e a elas corresponde a iniciativa, mais contemplando a participación activa dos axentes sociais.

A Real Academia Galega insta a Xunta de Galicia e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione. Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras.

A Coruña, 13 de decembro de 2024

Ningún comentario:

Publicar un comentario