por Bieito Lobeira no Nós Diario:
Atawallpa foi o derradeiro rei inca, da orgullosa estirpe dos Hanan Qusqu. Foi capturado polas tropas invasoras castelás a través dun engano e, xa recluído, confiou na palabra de Francisco Pizarro para recobrar a súa liberdade. Tratábase de pagar con ouro e prata a súa liberación, e así fixo. Confiou neles. Xa antes obrigárano a falar español no canto do seu idioma quechua, seguindo o manual da conquista. Descoñezo, por certo, se utilizarían o grande argumento de que falar quechua era imposición, e que porén o castelán era lingua de liberdade. Mais o certo é que o inca cumpriu a súa parte e pagou a extorsión. Fiouse deles. E ese foi o erro: non se decatar de con quen estaba a pactar. Porque quedaron co seu ouro e despois matárono. Ese foi o valor da súa palabra.
Pasaron cinco séculos desde esa demostración de "honradez". Efectivamente, nin Rueda nin Feixoo son Pizarro. Mais o valor da súa palabra é moi similar á do xenocida castelán. Foron dos que pactaron no 2004 un plano xeral de normalización lingüística e dos que demostraron non teren palabra no 2009. E agora, quince anos despois, volven falar de pacto. Todo se pode falar. O diálogo é sempre bo, e até pode ser produtivo. Mais tamén é fundamental ter memoria. Non esquecer. Saber quen ten palabra e quen non a ten.
É evidente que non é o de hoxe –2024– o mesmo contexto político que o que se daba no Estado español hai vinte anos. A gran diferenza é que a práctica españolista de hoxe, máis desatada e desacomplexada, non se daba con tal nivel de intensidade naquela altura. En definitiva, que hoxe a dereita –política, mediática e económica– a nivel de Estado sería probabelmente incapaz de permitir que os seus subordinados na Galiza fosen quen de acordaren cos perigosos nacionalistas calquera avance real e práctico en dereitos para o noso idioma. Si, 2024 non é 2004.
Hai ademais xestos que delatan. Fíxome rir a reacción do PP á exitosa convocatoria da plataforma Queremos Galego en Compostela do pasado domingo. Non collía unha agulla na praza da Quintana, e moita xente ficou fóra. E no canto de amosaren desde a Xunta humildade e tomaren nota da asistencia masiva, puxeron en marcha o manual máis clásico do PP. Cun matiz, iso si: pasaron do "todo é ETA" a "todo é o Bloque". E así despacharon a manifestación: Queremos Galego é o Bloque. Tanto ten que colexios profesionais, Anpas, sindicatos, asociacións culturais, feministas, ecoloxistas, xuvenís, veciñais, clubs náuticos, grupos musicais, entidades empresariais e até o arcebispado de Santiago teñan asinado o manifesto da convocatoria. Todo iso é Bloque? Alfonso, para pactar, primeiro tes que respectar.
PS: Só para parabenizar a Lucía, Celia, Tino e Davinia, digna representación nacionalista no Concello de Marín, por demostraren coherencia e determinación, e sobre todo dignidade patriótica e democrática, ao se oporen no pleno da corporación ao nomeamento da princesa Leonor como filla adoptiva desa vila. Un orgullo. Elas e el, si me representan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario