Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 2 de novembro de 2024

Kúta galego sempre


 por Bieito Lobeira en Nós Diario:

Hai nada, en 2022, co falecemento de Cristina Calderón aos seus 93 anos, morría tamén a última falante de háusi kúta, lingua do que no seu tempo foi un pobo orgulloso nas illas do sul do continente americano. Xa non hai ninguén con quen falar, ninguén que poida pronunciar séskin para se referir ao corazón, ou híxa para nomear o mar. Tampouco quen articule correctamente a expresión intraducíbel "mamihlapinatapai", que só nese idioma único no mundo viña significando, nun único termo, ese curioso momento en que dúas persoas se ollan e as dúas queren comezar algo, mais ningunha se atreve dar o primeiro paso. Así de lindo. Pois iso tamén morreu. Coa desaparición do háusi kúta gañou o supremacismo uniformista imperial e perdeu a humanidade.

 O galego non vai morrer. E non porque non haxa a quen lle gustaría e o intente. Agora e desde hai séculos. Mais non vai morrer (non o van matar) porque colectivamente non o imos permitir. Temos suficiente músculo e dignidade neste pobo para o impedir, e ímolo demostrar. Non teño dúbida ningunha. Por iso son optimista.

 Xa sabemos que temos un presidentiño que cunha man ofrece un pacto político en materia lingüística e ao mesmo tempo, coa outra, leva anos insultando a intelixencia, dicindo que o galego é unha lingua imposta na Galiza. Así, bastamente. O señorito este. El, ese galeguista que fala tanto galego na casa como Mariano Rajoy en público. E di tamén que o español é idioma de liberdade, que manda carallo na Habana. Como se neste país non o impuxesen a fungueirazo limpo, a vergalladas no ensino, a denuncias, a multas, a sancións no posto de traballo, a suspensos no ensino, ou con desterros, prohibicións de uso, burlas e desprezo. Non permitindo nin o dereito a chamar aos lugares polos seus propios nomes, ou españolizando cruelmente os apelidos galegos que se perdían no tempo. Inoculando no pobo, de xeito deliberado, complexos de inferioridade e baixa autoestima para quen se expresar en galego, facéndolle pensar que non valía para nada. Que era un dialecto. Que era só miseria e atraso. E que así nunca podería ser nada na vida. Por iso ás crianzas hai que lles falar español.

 

É aculturación de manual. Agora actualizada con decretos no ensino, leis, constitución, televisións e xornais, ocultación e invisibilidade do galego, e pervivencia aínda dos peores estigmas sociais.

 

Sr. Rueda, voulle dicir algo que xa sabe: Aquí non hai bilingüismo. O que temos e padecemos é un proceso de pura substitución lingüística, que pretende extirpar o galego das nosas vidas e deste noso país. E nós –asegúrollo– non llo imos permitir. PS: Lembramos Marta Souto con motivo da súa morte recente, que moito lamentei. E volvo pensar tamén agora nela e no seu esforzo por dignificar o deporte galego, concedéndolle dimensión nacional. Xusto agora que o Partido Popular pretende, por lei presentada no Congreso, prohibir a competición de seleccións deportivas como a galega a nivel internacional. Tamén aquí, Marta, sabes que non van poder con nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario