editorial do Nós Diario asinado por Xoán Costa:
Así é o título da publicación que se vai distribuír con Nós Diario o próximo día 16. Un título que concibe o galego como esencia, como existencia. Díxoo Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma” e díxoo Carvalho Calero en certeira aseveración que sitúa a lingua como o primeiro e fundamental dos elementos identificadores da nosa identidade: “Galiza existe desde que existe o galego”.
Fronte a esta concepción está aqueloutra que fala do galego como un tesouro, “o maior tesouro de todos os galegos e galegas” en palabras do Conselleiro López Campos. Parece que o ano 2025 vai ser unha data referencial para ese pacto pola lingua de que tanto se fala. Ano no que se fan 75 da morte de Castelao; 50 da creación da Facultade de Filoloxía da USC da que Carvalho Calero foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega e, tamén, ano no que Nós Diario, único diario en galego, chega ao seu 5º aniversario privado de axudas públicas.
O pacto pola lingua de que tanto se fala ten que optar por unha destas vías. Pode facelo afondando na idea máxica do tesouro que, inevitabelmente leva consigo o espolio, como aconteceu cos tesouros agochados en dolmens e outros monumentos megalíticos, ou pode facelo seguindo a liña de Castelao e Carvalho. Nós apostamos por esta, a única que nos permite sermos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario