Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 19 de marzo de 2024

O galego resiste


por Marilar Aleixandre en Nós Diario: 

Resistencia. Explica a continuidade da lingua galega durante séculos malia ser ignorada, prohibida, ausente do ensino e do discurso público. Houbo outros factores, mais a lingua galega está viva grazas á resistencia das falantes. Quero falar de resistentes hoxe, en 2024, remando contra o desleixo, o decreto de trilingüismo, o escaso apoio. Falemos da esperanza. Falemos de pasar á acción. 
Hai esperanza nos proxectos e experiencias de dinamización lingüística. En 2013, Pilar Ponte iniciou, no IES da Pobra do Caramiñal, "21 días co galego", agora engadindo "e +" propoñendo ao alumnado o compromiso de empregar o galego polo menos durante tres semanas seguidas en todos os ámbitos da súa vida. Desde 2019 ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mais iso parece implicar que o número de centros non medra, son 10 ou 12 cada ano. É a inspiración para outros. 
"Modo galego, actívao!", colaboración da RAG e o Concello de Ames desde 2018, chega a tres mil nenas e nenos de infantil e primaria que asinaron o acordo de compromiso en todas as escolas do concello. Ademais das actividades educativas, pon o foco nas extraescolares, música, videoxogos, redes sociais, ás veces na aula fálase galego e nos xogos non. Para isto foi indispensábel a complicidade das familias. A RAG considérao unha experiencia piloto a estender a outros concellos. Pretende reverter a perda de galegofalantes no primeiro contacto coa escola.
"Aquí tamén se fala" é a máis recente e a que acadou máis difusión, chegando neste intre a case 200 centros e 90 concellos. Iniciada no curso 2022-2023 por Alberto Pombo e Arcadio González no IES Rafael Dieste da Coruña, que conta cun 25% de alumnado migrante, ten a singularidade de asignar ao alumnado a responsabilidade da dinamización, visitar comercios, repartir cartazes, producir audiovisuais. Reivindica as cidades como espazos galegofalantes.

 Resistencia, acción, esperanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario