Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 8 de outubro de 2015

Lingüicidio neofranquista

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Había xa un certo tempo (mais non tanto, porque sempre están aí) que os lingüicidas non se manifestaban de xeito tan expreso no seu odio etnocida, na súa práctica radical da “alterofobia”. Recentes investigacións no ámbito da neurobioloxía (University College de Londres) dan conta de que os individuos que odian non adoitan perder o xuízo senón que son moi conscientes dos pasos que dan e das accións a levaren a cabo contra os individuos odiados. Mais, no caso que nos ocupa, os odiados non son directamente os individuos —aínda que indirectamente tamén o sexan—, pois ese odio propio do xenocidio cultural ao que aquí nos referimos vai dirixido contra os idiomas distintos ao español ou castelán que se falan no denominado oficialmente Reino de España ou Estado español: “Todo Estado é oligárquico” (Jacques Rancière).
O portavoz do partido político UPyD no Congreso, Andrés Herzog, presentou unha proposición de lei orgánica, por “vía de urxencia”, instando á “recuperación do nome español” nas toponimias galega, vasca e catalá, entre outras medidas destinadas a unha españolización completa das “nacionalidades” (Constitución española dixit) que compoñen o Estado. E cando eu lin esta nova acción do partido de Rosa Díez —“gallego, en el sentido más peyorativo del término”, dixo no seu día a tal señora— axiña lembrei o que dicía o falanxismo “joseantoniano” nos anos 30 do pasado século e o que di hoxe esa UPyD ideoloxicamente “unicista”, etnocida e alterofóbica: sempre disposta a manifestar o “odio ao outro”. Di a Falange que para conseguir os seus obxectivos “llama a una cruzada a cuantos españoles quieran el resurgimiento de una España grande, libre, justa y genuina”. E di a UPyD de Rosa Díez que as súas ideas e obxectivos políticos “pueden ser compartidas por cuantos quieren el progreso de nuestro país, España, y una democracia más libre e igualitaria que lo haga posible”. Xulguen vostedes. Porque así se entende que Ricardo Sáenz de Ynestrillas, fascista declarado, e a denominada Falange Auténtica se derretesen en loubanzas dirixidas ao partido neofranquista da ex socialista do PSOE. ¿Acaso Alvaro Pombo, candidato a senador de UPyD, non eloxiou a Franco e a Pinochet: “España prosperó gracias a Franco” e Pinochet fue una figura paternalista”?
Os lingüicidas (nacionalistas españois de ultradereita) realizan un acto radical de repudiación do que eles consideran infracultura ou infraidioma
Pois nestas estamos de novo. ¿Pretende o neofranquismo de hoxe, neste caso representado por UPyD, volver a “Junquera de Ambía”, “El Bollo”, “Sangenjo”, “La Peroja”, “Chandreja de Queija”, “Pungín”, “Laroco”, “Valle de Oro” ou “Mugía”? Mijail Bajtin dicía que o grotesco son “as características dos obxectos nun contexto completamente incompatíbel”, mais eu concordo máis con Philip Thomson, autor dun libro non traducido ás linguas ibéricas, “The Grotesque” (1972), cando afirma que o grotesco é a xustaposición ou integración dialéctica irresolúbel e conflitiva entre unha experiencia risíbel e un elemento incompatíbel coa risa, o cal é, sen embargo, parte esencial na materialización sensorial desa experiencia cómica. E así tal acontece coa proposta do deputado Andrés Herzog, tan próxima ao grotesco, e tan fóra da realidade democrática das linguas, dos seus falantes e das súas comunidades. Mais aquí o grotesco, unido ao político —tomo a idea do escritor italiano Andrea Vitali—, enlaza ben co fascismo e a súa estética do ridículo, á altura da mellor “opereta”, que diría Vitali. Ou, simplemente, o grotesco como “estado de alienamento” (Wolfgang Kayser).
Fica ben claro que os lingüicidas (nacionalistas españois de ultradereita) realizan un acto radical de repudiación do que eles consideran infracultura ou infraidioma. Queren levar a cabo (existen moitas formas de violencia) un atentado contra o patrimonio lingüístico, cultural e etnográfico do que forma parte indisolúbel a historia, a tradición e os costumes das persoas e dun territorio por elas habitado. Son, con todas as palabras e todo o significado —utilizándomos o concepto “etnocidio” dende Jean Maularie e Robert Jaulin até Pierre Clastres— uns perigosos etnocidas ou xenocidas culturais. Asasinos da alma dos pobos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario