Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 12 de outubro de 2015

Filmando a Castelao



Como hai uns días os parlamentarios do PP fusilaron a Castelao ao votaren en contra dunha Iniciativa Lexislativa Popular na que se procuraba para o pobo galego o dereito a coñecer a obra do galeguista, botei un anzol pola rede a ver se podía traer a esta cabeceira algún vídeo ou documento que recuperara a máis ilustre figura do nacionalismo galego. E atopei este documental, Filmando a Castelao, presentado por Antón Reixa, no que conta a historia dun filme do ano 1980 titulado Castelao, biografía dun ilustre galego, dirixido por Jorge Prelorán e que conta con filmacións do fotógrafo Manuel Ferrol. O autor do guión foi Antonio Pérez Prado, quen aínda que nacido no barco que levaba aos seus pais para Arxentina, podemos escoitalo no documental falando en galego, e declarándose galeguista.
No documental Antón Reixa entrevista a Jorge Prelorán, exiliado no Estados Unidos, e a Antonio Pérez Prado en Buenos Aires.

Na película Castelao, biografía dun ilustre galego, veremos decote dramatizados os debuxos de Castelao, así como as imaxes do rianxeiro de Elixio González, o reporteiro gráfico da emigración. Foi emitida cando a traída dos restos de Castelao a Galcia, no ano 1984 en TVE-Galicia. A copia fora adquirida por Isaac Díaz Pardo ao Centro Galego de Buenos Aires. Volveu a emitirse no 1992 na TVG, pero censurando os 27 segundos nos que aparece Alfonso XIII satirizado cun pasodoble de fondo musical (minuto 15 do primeiro vídeo)
A versión da película que vén de seguido é unha restauración de Carlos Larrondo, do ano 2007,  con voces en galego de Luís Tosar e María Liaño. Non se pode deixar ser ver.








Ningún comentario:

Publicar un comentario