E outra vez lle teño que agradecer a Sermos Galiza que me publicara este artigo:
Jungle World adícase ao coidado de cativos. O seu fundamento consiste no trato coas persoas, máis especialmente cos nenos, aqueles de entre nós que requiren un maior respecto e coidado. Que unha pequena empresa, para comunicarse co seu reducido cadro de persoal, teña que lles enviar unha circular intimidatoria non ofrece ningunha confianza aos pais que quixeran levar alí aos seus fillos. Os posibles clientes seguro que se estarán preguntando cal será o ambiente que se pode respirar alí. Amezas, medo, represalias. Non parece o lugar máis acaído para un neno. Posiblemente o nome do centro non estea tan mal escollido.
É indubidable que o radicalismo negacionista forma parte indisociable de toda esta historia. Basta coñecer que no seu anuncio de presentación, Jungle World emprega a forma deturpada do topónimo da cidade da Coruña. Isto indícanos, xa de principio, que están dispostos a perder clientes con tal de facer ostentación do desprezo ao galego. Así explícase parte do sucedido, pero non todo.
O proceso do caso Jungle World non se pecha cunha carta intimidatoria prohibindo o uso da lingua galega e a valente denuncia do feito por parte dunha das profesoras. De seguido a dirección do centro fai público un comunicado moi agresivo que multiplica o alcance da polémica. Hai varias cuestións que non ponderaron debidamente. Moi lonxe de intentar mellorar o estado da cuestión dáse un paso que pecha calquera porta de diálogo co profesorado. Chama moito a atención que non se teña para nada en conta que a desconfianza que xera toda a controversia pode ser fatal para o centro. Xógase sen responsabilidade ningunha co posto de traballo de todo o seu cadro de persoal. Móstrase publicamente unha falta de consideración coa cidadanía galega xa que, despois de recibir do noso peto, vía IGAPE, máis de 33.000 €, sen vergoña ningunha, a directiva declara que Jungle World ten como principio principio fundacional a exclusión da lingua galega.
Algo non funciona ben en toda esta historia. Que foi o que levou aos propietarios a actuar de forma tan descontrolada? Imos pegar unha volta para contestar directamente a esta pregunta.
O Instituto Galego de Estatística ofrecíanos o ano pasado un estudo no que se establecía un descenso do uso do galego do 13% nun período de dez anos. As conclusión son demoledoras para a política lingüística que se aplicou en Galicia, especialmente para a que tan belicosamente están a desenvolver os gobernos de Feijóo. Entre as causas máis importantes da diminución de galegofalantes está o feito de que os responsables políticos non recriminen publicamente as actitudes de desprezo e exclusión da lingua galega. Cando se fai público un caso de violencia contra o galego a resposta das autoridades é, no mellor dos casos, o mutismo
A seguir explícanse as razóns. Cando se dá a coñecer un caso de violencia de xénero as corporacións municipais organizan minutos de silencio en solidariedade coas vítimas e os cargos públicos ofrecen o seu respaldo ás asociacións feministas e de apoio ás mulleres maltratadas. Ninguén pon sombras de sospeita sobre a muller agredida. Porén, cando se fai público un caso de violencia contra o galego a resposta das autoridades é, no mellor dos casos, o mutismo. No peor, sairán acusados os agredidos ou os que amparan a nosa lingua. Isto último foi o que aconteceu cando se lle pediron explicacións ao conselleiro de educación ante o proceder xustificacionista da Xunta perante o caso da nena vilipendiada en Casas Novas.
De todo o sucedido no incidente Jungle World ou en casos semellantes, o silencio oficial é o que máis dano fai a unha lingua en clara desprotección. Silencio do conselleiro de política social. Silencio do conselleiro de educación, Silencio do secretario xeral de cultura, do de política lingüística. Finalmente, silencio tamén do vicepresidente e do propio presidente. Velaí a explicación da actuación da directiva de Jungle World. A omertá, o código de silencio ante os agravios á lingua galega é o que lle dá azos aos negacionistas.
Reciprocamente, a actitude do centro explícanos a do goberno: gábase o plurilingüismo, divúlgase, ofértase, multiplicase; mais, que é realmente? Pois o plurilingüismo é o inglés, exclusivamente. Como ademais todo o sistema sobregarante e sobreprotexe o castelán xa temos o resultado completo: o plurilingüismo é, en conclusión, a exclusión do galego. Obtivemos así, descarnado, o esquelete do guión que o PP está seguindo no goberno da lingua. A radiografía da política lingüística da Xunta é Jungle World.
Ningún comentario:
Publicar un comentario