Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de decembro de 2015

Nadal vs. nada

Web da CGENDL adicada ao nadal
Cando se achegan as datas do nadal póñense en movemento unha serie de iniciativas normalizadoras que teñen por obxectivo galeguizar todo o que se move arredor destas festas. A cousa non é fácil xa que o nivel de afastamento da lingua, especialmente no mundo comercial, é cada vez maior. Con todo, nin a CGENDL, nin A Mesa, nin a CTNL deixan de achegarnos novas propostas todos os anos.
A Coordinadora Galega de ENDL volveu a traernos a súa recompilación de recursos para celebrarmos o nadal en galego: cancións, contos, refrán, concursos,.... unha chea de materiais para usar e divulgar desde as aulas.
A iniciativa Abertos ao galego, promovida pola Mesa, achéganos un ano tras outro unha boa monlla de oportunidades para margullarse nun consumo responsable coa nosa lingua:



Pola súa parte a CTNL ten en funcionamento unha proposta ben intersante, unha plataforma virtual chea de posibilidades de compra en galego. Trátase de Agasallo.eu, que este ano mesmo ofrece a posibilidade de crearmos un catálogo personalizado como este que fixen eu collendo algúns produtos ao chou.



De todo este panorama o máis rechamante é a enorme ausencia da Xunta. A Dirección Xeral de Comercio está muda fronte a todas estas iniciativas. Pola súa banda non existe ningunha campaña, ningún tipo de acción que intente tinxir de galego un sector, o comercial,  que se desenvolve fóra dos prarámetros normalizadores (nota aparte: significativamente a Xunta eliminou toda referencia á normalización de toda a súa política).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  anunciou no primeiro trimestre deste ano que se estaba a desenvolver un presunto Plan de dinamización (non de normalización) da lingua galega no tecido económico. Polo que podemos comprobar, a cousa quedouse en presunto. De consultarmos as novas dos dous últimos meses do propio portal da SXPL, non veremos nin unha soa referencia a este (insisto) presunto Plan. Se o contas por aí fóra non cho cren. O certo é que a Xunta non fixo nada para impulsar  este nadal o comercio en galego. Pero é que tampouco o fixo o nadal anterior, nin o outro, ... e así durante todos os anos de goberno de Feijóo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario