por Ramón Regueira Varela, en Terra e Tempo:
Todas as percepcións xorden dende uns a priori ideolóxicos. A miña visión da obra e da persoa de Xosé Neira Vilas non está ceibe deses “prexuízos”. Quixera que fosen os menos os que se escapasen das miñas verbas e que fose a obxectividade, é dicir, a obra real do homenaxeado a que se fixese presente e non as miñas opinións, mellor ou peor fundadas, as que se amosasen diante de vostedes.
Tras este exordio no que creo pouco, porque non son neutral, pero que as formas sociais esixen, quero entrar a fondo no que me encargaron os organizadores deste acto.
Parto dunha tese inicial que vou enunciar así:
Tese 1ª: A teoría e a práctica de Xosé Neira Vilas non son neutrais.
Todo o seu pensar e todo o seu actuar “brota de” e “serve a”. Espero que ó final se vexa cal é o fin que se propón, cales os medios e, incluso, cales son as normas que dirixiron, dirixen e agardamos que dirixan durante moitos anos o seu pensar e conducirse social e persoal. Direi concisamente, agora, que Neira Vilas tentou coa súa obra facer consciente a realidade na que vivimos e, dende esa visión, dende esa análise, tratar de transformar a mesma dado que é constitutivamente explotadora, colonizadora e alienante. Polo tanto a súa escrita e a súa praxe social e política estivo, sempre, ó servizo duns obxectivos que, por un lado, lle esixen resistirse a se deixar asimilar por unha realidade que oculta toda contradición, toda imposición, e que se cre a economía, política e cultura “natural”, “lexítima”, de “sentido común”, de “moda”, de “progreso”... e, por outro, se adica e concentra a súa enerxía no apoio, dentro das súas forzas, dunha sociedade alternativa onde se poida vivir sen imposicións, sen asimetrías, con conciencia crítica e no que ser feliz é convivir gozosamente co outro, ó que necesito e me necesita, e non co inimigo, co obxecto, que merco e vendo no gran zoco do mundo.
Esta tese inicial quixera desenvolvela enunciando. sen máis, a segunda.
Tese 2ª: A economía como concentración e colonización das persoas e dos pobos
A vida de Xose Neira Vilas pasou, en grandes trazos. por cm etapas: A etapa da súa nenez. educación e primeiros traballos, que se desenvolve en Gres (Vila de Cruces); a segunda, que é a etapa da súa concienciación social e galega, que se desenvolve en Buenos Aires; a terceira etapa de compromiso coa diferencia e coa anticolonización. que é a de Cuba; e, finalmente, a cuarta etapa, na que hoxe está e que podemos definir como a volta a Terra para darlle, entregarlle. non só as ideas, senón aínda a propia vida. Dicía que Neira, dende a súa terceira etapa tivo claro cales son os elementos que definen a economía, a realidade produtiva e distributiva na que lle tocou vivir, a concentración da propiedade e a colonización dos pobos. Toda propiedade é para el exclusión daqueles que non teñen a mesma. Este feito crea Manolitos e Balbinos, e con eles guerras, a Guerra Civil; relixións que xustifican ós Manolitos e a esas guerras; educacións que lexitiman e nos poñen diante a heroes e a masas que non queren aceptar o seu papel subordinado; e, en segundo lugar, esa concentración salta por enriba dos pobos, dos Estados, e convértese en imperialismo que coloniza ós mesmos extraéndolles as materias primas, as persoas e as ideas, deixándoos sen capacidade para organizar o propio. Esa é a realidade que ve, que percibe e á que corresponde con toda a súa obra.
Esta realidade conómica xera o que vou formular na tese tres e que é central no pensamento de Neira Vilas.
Tese 3ª: A realidade social como enfrontamento de clases Neira ten claro, sempre, algo co que topamos todos os días, pero que se oculta por todos os medios -económicos, sociais, políticos, culturais, mediáticos-, que é a existencia de clases sociais, realidade coherente co que dixemos na tese segunda. Se hai propiedade, se hai colonización, necesariamente teñen que existir as clases sociais e os países dependentes deses imperialismos. Esas clases sociais teñen intereses, necesidades e obxectivos distintos. Concienciar das múltiples caras que toma este feito é un dos propósitos centrais da súa literatura. A existencia do traballador, do empresario, do neno, da muller, do emigrante, do país subdesenvolvido, cada quen cos seus problemas, cos seus intereses, pero cunha distinción central, e que son o dereito e o envés, e é que uns “viven á conta” ou, ao menos, sen preocuparse polo que lle pase ó outro a causa da súa conduta. O outro ou non se ve ou se se ve é para usalo como “instrumento” co que obter un beneficio. A explotación, a venda das persoas, a pobreza, nunha verba, ocúltase, non se percibe e hai que facela aparecer e que asome con toda a crueza a súa cara porque niso vai o sentido de todos, incluso de quen non quere ver isto.
Esta realidade, sinxelamente expresada nesta tese, leva a unha cuarta que formularei así:
Tese 4ª: A política como medio de organizar a convivencia entre os pobos e entre as persoas
Para Neira a convivencia humana é construída. No que nos animais é instinto, é no ser humano decisión. Os animais conviven dende esa organización instintiva, pero os seres humanos teñen que creala, organizala, planificala. Son testemuña do enfado que, tanto el como Anisia, os enche ó escoitar a moitas persoas que se adican a representarnos publicamente ó dicir que non son políticas. Isto é para eles a mellor maneira de facer que as cousas sigan como están. Se nós, en efecto, somos quen organizamos o noso convivir, entón todo fatalismo ten de ser expulsado da sociedade. Podemos, se queremos e nos comprometemos, vivir doutro xeito. Nada é natural, nada é definitivo, todo pode ser organizado pola libre decisión das persoas. Pero isto, que en teoría é así, na práctica é moi diferente. Vivimos dentro de institucións, de códigos, de organizacións, nunha palabra, onde nos vemos constrinxidos, obrigados, anulados na decisión. Decatarse disto foi un obxectivo de toda a produción do mestre de Gres. Pero a conciencia crítica é só un paso para chegar ó grao segundo, que sinalamos na tese primeira: comprometerse cunha política que transforme a realidade da que falamos.
Paso á tese 5ª que enuncio así:
Tese 5ª: A cultura como medio que usa o poder para impor unhas pautas e patróns de conduta.
Neira sufriu na súa etapa primeira, é dicir, na súa etapa de Gres, unha educación dobre: antes da Guerra Civil, a republicana, seguindo un ideario chamado reformista e conectado intimamente coa teoría e a práctica da ILE. Pensaba nunha escola laica, neutral, intuitiva, activa, racional, alumeadora das potencialidades de cada quen. Esta escola, que Neira coñeceu moi pouco, foi substituída pola escola franquista e falanxista: confesional, libresca, separadora da realidade e conformadora das persoas na idea de que primeiro era coñecerse e, segundo, aceptar o destino, o papel que “alguén” lle asignou a cada un. Ámbalas posicións serían criticadas polo noso autor. Ignoran, en efecto, o feito de que a escola e a cultura en xeral son instrumentos de poder. A educación non iguala as persoas. A educación o que fai é que as persoas pensen que o que se lles di é o natural, o elixido por eles, e isto tanto se fundamenta nun deus ou na natureza como nas aptitudes de cada quen. O conformismo, a aceptación do papel social é o fin ó que leva esta forma de concibir e practicar a cultura. Fronte a isto Neira preconizará a idea da “concienciación”, é dicir, do “espírito crítico” que se dá conta, en primeiro lugar, do que é e fai a educación -negar a radicación social e territorial—, e, en segundo lugar, comprometerse na liberación persoal e social; é dicir, eu podo ser dono de min e do meu destino, pero ese futuro está ancorado nun pobo, nunha clase, nuns ideais que me permiten e esixen construílo, porque a liberdade, que é tamén unha conquista, permite esa planificación. Teño de ser consciente, á par que para todo necesito dos outros. Fronte, pois, a unha educación “domesticadora” poñerá en todas as obras a educación liberadora. Liberadora dos fatalismos, dos esencialismos, dos a-historicismos, dos universalismos.
Estas teses enunciadas ata aquí dirixiron o proxecto Neira Vilas. Este proxecto ten, polo tanto, un por que. Quero agora formular nestas tres teses finais o que, o resultado ó que deron lugar.
Tese 6ª: Follas Novas. A Sección Galega do Instituto Cubano de Literatura e Lingüística e a Fundación Neira Vilas, as tres grandes institucións que Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda crearon para facer realidade os seus obxectivos
Neira chega a Buenos Aires posuído dunha teima: educarse, formarse, culturizarse. Non tiña necesidade de emigrar, tiña un traballo en Gres que lle permitía vivir e, incluso, axudar ós seus, pero isto non chegaba, quería saber. Emigra a Buenos Aires e alí atópase cun feito esencial e definitorio do seu ser: os emigrantes e exiliados. O contacto e o trato con eles faille ver algo que denantes albiscara, pero que non era consciente, e é Galiza. Dáse conta de que a súa historia, a súa conciencia, a súa lingua, o seu ser tiñan unha “radicación”. Dende ese intre non descansou en concienciarse de algo “vivido”, pero non “percibido”, e de espertar nos demais a mesma realidade. Neste obxectivo de espertar ós outros, de servir a Galiza dende a lonxanía, está a creación da distribuidora, en primeiro termo, e logo editora Follas Novas. Todo libro galego que chega a Buenos Aires é estendido polos dous citados con medio moi rudimentarios, pero cualitativamente xeniais e, tamén, todo aquel que quixera editar, falar, pensar, organizarse, atopou nesa institución o seu lugar. Cando descobren o feito da colonización dun pobo, como era Cuba polo imperialismo ianqui, estenden esa visión a Galiza, e a partires de aquí a obra de Neira radicalízase na concienciación do feito da imposición, dependencia, subdesenvolvemento e autoodio ó propio de toda a historia galega. Á par ve como a liberdade das persoas e dos pobos fan que a mutua axuda os deixe ser no propio sen asimilación nin mestizaxes asimétricos. A Sección Galega do Instituto Cubano de Literatura e Lingüística terá como obxectivo non deixar desaparecer toda a realidade que os emigrantes e exiliados galegos deixaron por toda América. Sen historia non hai presente, nin moito menos futuro. Sen historia non hai causas e sen causas non hai culpables. Sen historia non hai utopías, porque non son necesarios os non-lugares. Deixar, pois, que a historia construída fóra de Galiza se converta en esquecemento sería a maior traizón a esa terra que lle deu o seu ser.
Finalmente, Neira, que non atopou aquí o necesario para ' ter conciencia propia”, que non atopara libros, profesores, ideas, va* lores... quere que ós galegos de agora, e a todas as persoas sen máis, non lles ocorra o mesmo. Torna a Gres, entrega a súa vella casa á Xunta de Galicia coa condición de crear unha biblioteca e un centro cultural. A Xunta acepta isto e crea a Fundación Neira Vilas, onde Anisia e Pepe se converten en animadores da lectura, do debate, da argumentación. do contacto social. Entregan así a Galiza o mellor do seu. (Permítanme un pequeno inciso para un recoñecemento público e persoal dunha muller que, namorada da súa terra, Cuba, acepta sacrificarse polas ideas e valores do seu compañeiro entregando o seu traballo á Fundación Neira Vilas. como antes o fixera respecto de Follas Novas. Creo que todos vostedes se dan conta que me estou a referir a Anisia Miranda, posiblemente a maior escritora e animadora de literatura para nenos que deu Cuba, e da que son testemuñas as revistas Pionero, Zunzún e Bijirita Ademais, é autora duns quince libros, dous para adultos e os restantes para nenos/as. nos xéneros da narrativa, poesía e teatro. Parte da súa obra traduciuna ó galego. Así, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, Mitos e lendas da vella Grecia, A cama, a bolboreta e o paxariño, e A volta do Compay Grilo.
Son, pois, estas tres Institucións, entre outras moitas que non vou citar. o lugar onde se proxectou. e segue a proxectarse, o mellor deles.
A sétima conclusión só pretende enumerar dun xeito sinxelo os grandes produtos de Xosé Neira Vilas, que titularei así:
Tese 7ª: Xosé Neira: narrador, poeta, xornalista e historiador da nosa emigración
Novelas como: Memorias dun neno labrego; Camiño bretemoso; Remuíño de sombras; Aqueles anos do Moncho; Querido Tomás.
Libros de contos como Xente no rodicio; Historia de emigrantes; A muller de ferro; Tempo novo; O home de pau; Relatos mariñeiros... constitúen só un exemplo da narrativa.
Como poeta a súa obra está recollida nos poemarios: Dende lonxe, Poesía Recadada e Dende Gres; e Cantarolas, con Anisia Miranda.
A faceta de periodista deu como resultado obras como Galegos no Golfo de México; Guerrilleiros; Eduardo Blanco Amor, dende Buenos Aires.
E, finalmente, como historiador da nosa emigración publicou libros tan documentados como Castelao en Cuba; A lingua galega en Cuba; Rosalia de Castro e Cuba; A prensa galega de Cuba; Memorias da emigración I, II, III; Galegos que loitaron pola independencia de Cuba; Crónicas galegas de América I, II, III; A cultura galega en Buenos Aires; O sarillo do tempo, Xentes e camiños, Arredor do mundo...
Tese 8ª e última: Catro conclusións
1ª. Neira exemplo de resistente. En tempos onde hai fusións, pero non revolucións. En tempos ondea topar persoas que falen de imperialismo, clases sociais, colonización, dependencia, patria... é cáseque imposible. Neira é exemplo de resistencia a deixarse asimilar por este espírito negador da diferencia e da realidade social e que hoxe chamamos globalización.
2ª. Neira exemplo de persoa de principios. Cando escribe faino para dicir algo -non quere isto dicir que non se ocupe da forma. A frase curta e clara, a coherencia sintáctica e a riqueza léxica son os signos da presentación formal; ese algo que pretende móvese no campo do respecto, da igualdade e da coherencia. Ningunha asimetría é aceptada por el. Este mundo global onde cáseque a metade das persoas viven na pobreza fano alporizarse, indignarse e avergoñarse de ser persoa humana.
3ª. Neira é exemplo de persoa radicada nunha terra, nunha cultura, nunha lingua, nuns obxectivos. O local non é para el o problema, o problema é o uniformismo que impóndose de arriba abaixo deixa as persoas sen raigame e fainas escravas dun conformismo que só ten un obxectivo na vida: mercar o que non precisamos porque do contrario non vivimos á moda. Nesta radicación nunha terra, o instrumento esencial de intercomunicación é a lingua. A lingua convértese, e é, a esencia do pensamento e da convivencia. A partires desta lingua é como se pode construír e transformar o medio creando cultura. Esa cultura, esa lingua e esa terra esixen de nós uns obxectivos claros: non á explotación de clase, de recursos, de persoas... e si á convivencia en paz coa natureza, cos outros e consigo. Sen iso non hai xustiza. Neira non é un moralista no sentido de impartir moralina, pero dado que non necesita venderse, xa que necesita moi pouco, dirá nas súas obras a verdade para “sandar” desta grande enfermidade global que é o conformismo, o politicamente correcto, o pragmatismo dunha cultura que só busca non molestar, nunha palabra, unha cultura espectáculo que é quen de aturar todo con tal que divirta. No fondo é un teimudo; quere que a xente pense, que haxa cidadáns que cuestionen e non escravos atados ó teléfono móbil, á ferramenta tecnolóxica, ó uso ou á beleza física, que por certo lle deu a súa xenética e non o seu esforzo.
4ª. Os catro grandes temas da literatura de Neira, finalmente, son: Galiza (dentro dela, sobre todo, os problemas do campo), os emigrantes, os explotados (con asimetrías de calquera tipo: traballadores, mulleres, natureza, aldeáns... os vencidos, nunha verba) e os nenos. Dicir que é autor de no- velas e contos para nenos como: Espantallo amigo,A marela taravela; O cabaliño de buxo; Chegan forasteiros; Cartas a lelo e De cando Suso foi carteiro. E tamén é necesario non esquecer o compromiso coa nenez a través da revista cubana Zunzún. Nos derradeiros anos en Cuba, entre 1983-1989, traballa como xefe de redacción desta revista para nenos —que creara Anisia e que ela non quixo seguir dirixindo senón ser só redactora-, da que se editaban cada mes 250.000 exemplares. Tamén eles son artífices da revista Bijirita, unha publicación proxectada para nenos aínda máis pequenos e cunha tirada de 350.000 exemplares. Todos os meses 600.000 exemplares (entre as dúas publicacións) sobre algo que o mundo enteiro admiraba, e segue admirando, e que, por certo, son descoñecidos en Galiza e en España, sendo exemplo de investigación, divulgación, ilustración e educación en valores para os nenos).
Remato tratando, a través de catro curtas poesías, de aclarar e confirmar o que dixen ata aquí e o que anunciei nesta 4a conclusión. A primeira poesía titúlase Patria e di así:
PATRIA
Patria non é somentes un anaco de xeografía,
a aldea, a cidade, o país onde temos nado,
a sepultura dos nosos antergos.
Patria é historia, ringla de feitos
que perfiaron o noso ser
Patria é dor.
Patria é unha verba lumiosa
que só algúns enxerguen.
Unha verba con alma.
Patria é máis ca seis letras
ó alcanzo da tinta e da gorxa
dos fariseos.
Patria é amor.
Saudade.
Destino.
A segunda poesía, tamén tirada do seu poemario Dende lonxe, refírese ó emigrante. É esta:
LAIO DO VELLO EMIGRANTE
Eu tiña un fogar, unha casa con hedras nas paredes
e anduriñas na beira do tellado.
Tiña un regueiro garuleiro, catro rufos bacelos de alvariño,
un ceo agarimoso
que enfeitaba de luz a miña vida.
E se máis regalías merecese, tiña vinte anos.
Vinte espadas xusticieiras e honradas pra esixir, pra loitar.
Perdino todo.
No xogo aguriante de emigrante,
procurando gañar, vivir, medrar,
tróuxome a sorte soedade e morte.
(Do libro Dende Lonxe. Buenos Aires, 1960. Editorial Follas Novas)
Na terceira refírese ó tema da explotación e do sentimento que todos temos de ter se queremos ser xustos, e titúlase Solidariedade, escrita na Habana no 1982.
SOLIDARIEDADE
Serás de certo un home
de certo,
merecente da vida,
cando nas meixelas
sintas
a labazada inxusta
dada a outro ser humano
de calquera raza,
en calquera latitude.
(A Habana, 1982. Publicado no libro Poesía recadada.
Editorial Espiral Maior. A Coruña, 1994)
Finalmente os nenos. Permítanme denantes desta poesía, tamén escrita na Habana no 1982, dicir:
Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas gracias por pór a vosa vida ó servizo duns ideais que non teñen outro obxectivo ca este: que algún día se chegue a un mundo onde non exista a inxustiza, as asimetrías, a pobreza, e todas as persoas e pobos poidan desenvolverse sen imposicións. A amnesia, a resignación e a impotencia non couberon nin caberán na vosa vida. Pertencedes ó mundo da fama e non da infamia. Estámosvos todos moi obrigados. Vexamos este poema.
Non terei acougo
Non terei, non podo ter acougomentres haxa no mundo nenossen o pan de cada día,nenos acochados con farrapos,nenos sen nenez e sen xoguetes,
nenos sen caderno e sen escola,
nenos con tristura e con piollos,nenos con angurias e doenzas,nenos explotados polos homes,
nenos suicidas, nenos tolos,nenos que agonían noite e día,nenos con xenreira dende o berce,
nenos que cos ollos piden contas,nenos engruñados polo medo,nenos con vergoña de estar vivos
e nenos que até morren sendo nenos.
* Intervención na homenaxe a Xosé Neira Vilas e a Balbino publicado en “Ágora do Orcellón” do Instituto de Estudios Carballiñeses. Nº 18. Xullo de 2009. E que foi facilitada polo autor para reproducir neste dixital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario