por Manuel Cabada, en Terra e Tempo:
Non fai falla abrir moito os ollos ou aguzar os ouvidos para se dar de conta do uso que fan certos políticos da denominada amabilidade ou cortesía lingüísticas para manter o prolongado statu quo da posición subalterna da lingua galega no seu propio territorio de orixe, é dicir, alí onde ela, en cuanto lingua propia do país, debería ter o seu lugar natural e indiscutíbel.
Certamente, o discurso sobre a “amabilidade” ou “cordialidade”, ó referírense eles por exemplo concretamente ó bilingüismo “harmónico”, “amábel”, “cordial”, etc., semella colocar a problemática da lingua no país galego nun lugar case inaccesíbel ás críticas humanas. Pois en principio quen podería estar contra a amabilidade, cordialidade e cousas semellantes senón un lastrado pola inmoralidade ou inhumanidade?
En realidade, coido que o que pretenden tales xestores da cousa pública con este tipo de discurso abstracto, sublime e presuntamente ético é simplemente conectar estratexicamente cunha inveterada maneira aprendida de se comportaren galegas e galegos ante a presenza dos falantes en castelán. A este tipo de falantes estaban unidos (e ségueno a estar aínda en gran medida) o prestixio, o poder, a beleza e demais presuntas excelsas virtudes ás que toda persoa digna e conspicua debería aspirar. Este é, dito de maneira concisa, o imaxinario inoculado nas mentes de moitos galegos desde fóra deles mesmos por xentes en realidade invasoras ou colonizadoras que se foron introducindo de modos moi diversos nesta terra nosa. Trátase dun proceso que ten unha longa historia, que non deixa de ser en definitiva, por moitos atenuantes que se lle queiran aplicar, tráxica e violenta.
Ata a miña propia nai me dicía a min –ela que sempre falara en galego desde nena ata que se nos foi- que o galego era “feo”... Naturalmente, ela sabía moi ben que os que tiñan cartos, boas carreiras e vestimenta fina, postos civís ou eclesiásticos de valía, etc. falaban sempre ou case sempre en castelán. A consecuencia era obvia. O prestixio e a beleza afectaban tamén directa e inmediatamente á lingua de tales falantes e non á dos que utilizaban o galego, pertencentes na súa meirande parte ás denominadas clases baixas. Experiencia, actitude e valoración que quedaban fortemente interiorizados, por estraño que pareza, nos falantes dunha lingua como a galega, que en tempos anteriores estivera ben normalizada no seu uso a tódolos niveis.
A mencionada apelación política á amabilidade e cortesía lingüísticas, emanando desde si mesma aparentes efluvios éticos e relixiosos de gran calidade, non pretende de feito senón afondar nunha inxusta situación de escisión e subordinación lingüísticas provocadas desde instancias históricas foráneas e non polo tanto desde o propio ámbito interno do país galego no que se orixinara e fora desenvolvendo e afincando con normalidade a nosa lingua.
Agora ben, os inxustos agravios precisan en primeiro lugar ser removidos e, respecto dos agraviados mesmos, imponse a restitución da súa propia dignidade conculcada e dos seus dereitos inalienábeis. O amor, a “amabilidade” e outras estudadas poses de presunto alto valor ético e de loábel convivencia só poderán vir despois. Antes de facer ou realizar o amor ou outras amabilidades é necesario facer xustiza, hai que comportarse baseándose firmemente na xustiza.
Unha política que non atenda a estas prioridades será en definitiva ela mesma tamén inxusta por moi legal que poida ser considerada. En calquera caso, as inxustizas non semella que vaian ser en definitiva a última palabra nun proceso histórico aberto sempre á novidade e á construción dunha dignidade humana universal, que de ningún xeito pode ser só privilexio dalgúns.
Vénme agora á mente o que Agustín Fernández Paz comentaba en Non hai noite tan longa, ante unha fotografía de Rosa Parks do 21 de decembro de 1956, data na que o Tribunal supremo de EE. UU declarou ilegal a segregación racial nos autobuses de Montgomery, deste xeito:
“A muller que aparece na fotografía é Rosa Parks (1913-2005), unha costureira que, en 1955, tiña corenta e dous anos e residía en Montgomery (Alabama). O 1 de decembro dese ano, esta muller negouse a lle ceder o seu asento a un home branco que ía de pé no autobús, un acto contrario ao que as leis raciais decretaban, o que motivou que fose encarcerada baixo a acusación de ‘perturbar a orde’.
O feito, un sinxelo acto de dignidade individual, tivo un papel moi relevante na eliminación dunha lei inxusta e na consolidación do Movemento polos Dereitos Civís nos EE. UU., unha reivindicación de longo alento dirixida a rematar coa discriminación racial.
‘Estaba farta de ceder e ceder’, escribiu Rosa Parks na súa autobiografía. Non aceptaba, por dicilo con palabras de Rosalía de Castro, outra rebelde, ‘ser estranxeira na súa patria’. Negouse a ser cidadá de segunda: quería ter os mesmos dereitos que os brancos e manter intacta a súa dignidade persoal. A de Rosa Parks foi unha lección de vida imposible de esquecer”.
É dicir, só cando Rosa Parks se decidiu a non “ceder”, ou sexa, a non ser “amábel” senón a se comportar en plena coherencia coa súa dignidade persoal e grupal ou nacional acadou xustiza tanto para si mesma coma para o resto dos discriminados, considerados ata entón como cidadáns de segunda ou terceira clase. Seguir comportándose “amabelmente” significaría en realidade renunciar ó xusto e debido e postergar en consecuencia indefinidamente a realización da xustiza, dos dereitos “legalmente” proscritos.
Xustamente neste sentido escribía así mesmo Castelao con razón na súa inmorredoira obra Sempre en Galiza que “Galiza solo merecerá respeto cando abandoemos a nosa mansedume, dispois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seriamos con vida independente”. Algo que debería aplicarse directamente e coa mesma radicalidade á nosa lingua, expoñente máximo do noso ser cultural, pois sen ela Galicia remataría diluíndose na insignificancia, coma corpo que perdeu a súa alma e que acabou converténdose e confundíndose coa terra igualadora e uniformadora sobre a que durante un determinado tempo puido florecer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario