por Pedro García Vidal, en La Voz de Galicia:
Empoleirada sobre o río, aparece ante a nosa mirada a figura dunha pequena aldea co seu entrabado fermosamente estendido pola cumieira dun resistente esporón granítico. O seu nome, Castro Lampreeiro, estanos a falar dunha antiga poboación prerromana que tiña nas augas próximas unha abondosa fonte de vida. Ao fondo, o río Tambre -o Tamaris romano, actor principal na xeografía da ría de Muros-Noia- debuxa o seu tramo final. Cun fluír cansiño que manifesta no serpeante camiñar, os depósitos dos materiais antes transportados dan forma agora a terreos lamacentos como a illa de Meán, na metade do seu curso, ou favorecen a presenza de extensos canavais que colonizan as ribeiras. Voando sobre as augas, como unha fina liña, a mítica Pontenafonso, representa a memoria da umbilical unión pétrea das terras de Outes e de Noia.
O territorio cobra unha nova dimensión cando alguén ao noso carón, empregando as palabras exactas do terreo, describe aquilo que ollamos. Ante a mirada especializada de quen distingue na cuberta verde que o mimetiza todo, os elementos e os seus nomes distintivos, a paisaxe vai tomando corpo.
Baixo cada nome (topónimo, hidrónimo, etcétera) imos deducindo a súa prehistoria, colonización, xeoloxía, hidroloxía, agricultura, gandería, cultos, deuses, etcétera. Así entendida, a paisaxe é sempre unha construción cultural. Baixo este punto de vista, a lingua é inseparable da paisaxe.
A toponimia é a pegada na linguaxe dos procesos de ocupación do espazo xeográfico por parte das diferentes civilizacións no tempo. Un topónimo certifica a relación do ser humano co espazo onde desenvolve a súa vida, é o testemuño da conversión do espazo en lugar.
Distintos usos e valoresAs diferentes comunidades outorgaron ao territorio distintos usos e valores que, con frecuencia, van aparecer reflectidos nos nomes cos que salpicaron as novas xeografías humanizadas. A toponimia representa, xa que logo, a cartografía da palabra na terra. A diferenza de hoxe, en que o nome é só iso, un código, unha clave ou xeito de identificación sen proporcionar maiores contidos, no pasado, naquela sociedade rural, agraria e mariñeira, os nomes respondían ás propiedades de cada quen ou dun lugar. Nomes dos lugares que son parte principal da historia dun territorio e das súas paisaxes habitadas. O topónimo é unha ferramenta para todos os traballadores da terra, representa a historia reconstruída. A tradición, os costumes da poboación ocupante do territorio.
Pero os topónimos semellan non ser inocentes dende o punto de vista ideolóxico.
A configuración e evolución dos topónimos do territorio galego no transcurso do século XX revelan ás claras o esforzo do réxime franquista e da ideoloxía que o sustentaba por modelar e controlar a paisaxe simbólica para adecuala á súa respectiva concepción da nación e da sociedade. A axitada historia da toponimia galega na era contemporánea resulta ilustrativa de como dende o poder se levan a cabo «políticas de memoria oficiais»: San Justo de Tojosoutos, La Puebla del Caramiñal, Rianjo, Noya, Sanjenjo, Puerto del Son...
Na actualidade, a desaparición da toponimia ten que ver con outras causas. Galicia é verde, pero ese verdor non é só dos prados, é tamén o dos toxos e xestas, as plantas da resignación, do abandono. O país está sendo abandonado, despobóase sen présa pero sen pausa levando consigo a toponimia local.
Nese drama silandeiro da emigración forzada, tamén a perda, a extinción dun topónimo, é un furado doloroso na paisaxe humana, na xeografía emocional da terra que habitamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario