Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres 15 maio 2015

'The Walking Dead' (versión enxebre)

pola CGENDL na Praza Pública:

Xa está ás portas a festividade do dezasete de maio, día de gloria para as letras galegas, ateigado de floridos discursos e sentidas homenaxes, de fondas declaracións de amor cara á nosa cultura e cara ao noso idioma, nun día en que o galeguismo semelle un virus que contaxia a autoridades políticas e académicas de todo signo e condición, mesmo a aqueles que o resto do ano non gastan un peso en promocionaren a nosa literatura.

Asistiremos nas próximas semanas a un espectáculo tan ben elaborado que pode chegar a confundirnos, facéndonos crer que a literatura galega é xusto iso que nos venden desde o poder: unha procesión de mortos viventes procedentes do alén, e que invaden museos e colexios cos seus rostros en branco e negro e a súa mitoloxía adaptada ás circunstancias, pois non convén desvelar as vergoñas dos defuntos.
Mais detrás desa fachada de cartón-pedra, desde a CGENDL preguntámonos se resulta útil para a sociedade do século XXI este modelo de celebración onde prima o culto á morte, en troques da promoción da industria cultural contemporánea de Galicia, tan variada e atractiva como calquera outra do mundo.
Porque a nosa cultura, a que está a facer xente viva, xa está farta de tanto zombi. Quere, en cambio, debate, público, mercado, diálogo, promoción, publicidade…. E, sobre todo, outra actitude menos litúrxica e máis activa, para que a creación artística non remate devorada por un andazo de necrofilia.
Ese que nos fai adorar só a aqueles que levan máis de dez anos debaixo dunha lápida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario