Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 12 de maio de 2015

Algúns datos sobre o plurinligüismo de Feijóo

por Ana Pontón, en Terra e tempo:

Observo con preocupación a situación social da lingua galega. Non é pesimismo, é constatación dunha realidade complexa e difícil. Sei ben que tamén existe pulso social a prol do idioma: voces que trunfan cantando en galego, teatreiras que nos fan soñar na nosa lingua, libros que contan contos en galego, investigadores que escriben teses en galego, mesmo din que hai un xulgado que leva décadas funcionando con normalidade na nosa lingua nacional. En todo caso, existe unha tendencia que acentúa a asimetría entre galego e castelán; o galego está sendo engulido, mentres a Xunta do PP abandona calquera intención e acción normalizadora.
O PP asegura que existe coexistencia pacífica. Realmente isto é dicir que a discriminación é o estado normal e o desexábel para o galego. Nesta era feijoiniana, dous son os termos cos que esconden a súa política antigalega;: bilingüismo cordial e plurilingüismo. Bilingüismo cordial é o eufemismo co que esconden a súa conformidade coa exclusión clamorosa a lingua galega en multitude de actos cotiás. Plurilingüismo é a tapadeira coa que xustificar a exclusión do galego no ensino. Mais realmente non hai impulso ao ensino de linguas estranxeiras. O plurinlingüismo de Feijóo é unha estafa. É unha estafa porque xerou unha dicotomía falsa: ou estudamos galego ou inglés. Como se unha cousa estivera en contra da outra! No plano ideolóxico reforza prexuízos e desprezo contra a nosa lingua propia, reforzando a idea de que “o galego non é útil, nin necesario”.
Mais existe outra grande estafa no denominado fomento da aprendizaxe doutras linguas. Cal é a realidade dos centros educativos galegos? Segundo os datos feitos públicos no DOG hai unha número moi cativo de centros públicos incorporados, mentres se privilexia aos centros privados de xeito descarado. De feito só o 44% dos centros plurilingües son públicos, mentres o 56% son centros privados. Isto significa que o 39,5% dos centros privados están incorporados a rede de centros plurilingües, mentres no ensino público só o 8,2% do centro. No ensino público a incorporación do plurilingüismo supón que na inmensa maioría só se oferta en inglés nunha asignatura, educación artística-plástica. Nos centros privados o número de materias oscila entre unha e tres. Resulta descarada a discriminación do público e como se está privilexiando o ensino privado. En definitiva, non hai fomento da aprendizaxe dunha lingua estranxeira no público, nin nada que se lle pareza. Estamos ante unha política necia que nin avanza na ensinanza de linguas estranxeiras, nin garante unha política amábel e de normalización da nosa lingua propia.
Debe ser por isto que o PP rexeita avaliar o impacto deste decreto, interesa máis manter o mito do plurilingüismo. O certo é que os estudos feitos sobre competencia lingüística afirman que o alumnado remata o ensino obrigatorio con menores competencias en galego que en español. A enquisa do IGE adiante que case un de cada catro menores de 15 din non falar ben en galego. A Lei de Normalización establece un mandato claro, que ao remate do ensino obrigatorio a competencia lingüística en galego e castelán sexa equivalente. Mais xa sabedes, a Xunta de Feijóo está por riba da lei, a razón e o corazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario