Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres 15 maio 2015

O idioma galego, motor da vida plena

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

A poucos días de celebrar o Día das Letras Galegas, convén unha reflexión para considerar o estado actual do monumento mais orixinal que ten o noso pobo, como é o seu idioma que sustenta o herdo e a tradición. Existimos como galegos grazas ao idioma que dimensiona o noso existencialismo. O 17 de maio convértese en manancial reivindicativo para frear a desfeita progresiva que tantos intereses colonialistas revela.


O 17 de maio ten un significado moito mais amplo que o de celebrar a un tal ou cal escritor. Este día vén a sinalar o que se perpetúa na idiosincrasia dos galegos, de falar sen temor nin acoso de ninguén, o que herdamos dos nosos devanceiros. Ademais de falar a nosa lingua, con ela abrimos camiños longos de futuro e de conquista, para ser nós mesmos os que conformamos e nutrimos a estabilidade da nosa comunidade nacional.

A palabra do pobo resiste as tempestades que por decreto se fan contra ela. A palabra viva na que existimos con tódolos matices que polarizan a nosa personalidade; a que se cultiva na nosa vocación de resistir para permanecer. A palabra milenaria que foi capaz de construír o corpus literario que testemuña esa permanencia que fornece a nosa entidade material e inmaterial. Por enriba do escritor está o verbo ergueito e popular, do cal se nutre, dinamízase e libérase o creador literario, deixando constancia da utilidade e da grandeza que nos confire o noso idioma. Polo cal, o escritor, non deixa de ser un subsidiario de tódolos recursos posíbeis que nos dá, como vehículo de transmisión e creatividade, a fala que falamos.

O valor reivindicativo e contestatario, en defensa do mais íntimo e propio que temos no idioma, estará presente nas rúas e nas prazas de Galiza, non como unha fórmula testemuñal que cada ano se repite, senón como desafío aos que transgriden aquilo que nos lexitima. Hai motivos para ir alén dunha normalización lingüística oficialista e de protocolos de conveniencia que non responden a un proxecto científico para superar obstáculos. As barreiras que se poñen arbitrariamente sepárannos de algo tan invulnerábel como é a liberdade de falar e protexer algo tan sensíbel como é o idioma.
Cando tratan de reducir a nosa fala a miudanzas destrutoras e a exclusións, desde a banda defensiva temos que xerar activismo nas rúas e en cada unha das parcelas onde é agredida a nosa identidade. Son moitas as frontes abertas en defensa da nosa lingua, no ensino, no parlamento e en diversas institucións.

As reivindicacións do 17 de maio teñen unha expresión contundente que está por enriba das persoas que reciben homenaxe. O Día das Letras Galegas, alén de protocolos oficiais, non deixa de ser unha festa expansiva e popular, con azos de loita polo dereito a que o noso idioma non sexa reducido polo predominio doutra lingua foránea que desde ela négase a nosa. A nosa lingua vese cercada pola intromisión e a xerencia dos que promoven liquidar as esencias mais sustentábeis dun pobo como é o seu idioma: atributo máximo da nosa identidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario