Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves 21 maio 2015

Na rúa e na escola o galego mola



Impresionante, alegre e agarimoso vídeo realizado polo Equipo de Normalización do CEIP da Ramallosa, un traballo co que pretenden concienciar a toda a contorna da importancia de conservar e potenciar a nosa lingua como un dos máis grandes patrimonios dos que dispoñemos. Na súa realización colaborou toda a comunidade educativa, especialmente a ANPA Río Tella e unha chea de comercios da zona. Os rapaces elaboraron pareados que reivindican o uso da lingua nos máis variados ámbitos sociais. Podémolos oir no transcurso de toda unha curta chea de ilusión e mensaxes positivas.
Deste vídeo terían moito que aprender os responsables da política lingüística do noso país. Cando se lle reclama á Xunta que deixe de excluir a lingua na escola, a resposta máis habitual é que é un erro centrarse en exclusiva na escola, que onde hai que activar as políticas de promoción do uso da lingua é na rúa. Mais cando se lle reclama á Xunta que responda destas políticas a resposta vén sendo que a xente é libre de usar a lingua que queira. En conclusión, como na escola non aprenderon a desfacerse dos prexuízos, non se pode facer unha política lingüística para os ámbitos de fóra da escola, pero tampouco pode facerse dentro da escola porque o importante é que se realice fóra. E así estamos. No CEIP da Ramallosa romperon este aparente nó gordiano explicándonos neste documento audiovisual cal é co camiño: unha política normalizadora transversal.
Vía Xosé Eixo

Ningún comentario:

Publicar un comentario