Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes 12 maio 2015

A presentación do servizo público en galego como dereito fundamental

Por Luís Villares Naveira, Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nas Voces de Prolingua:
Non é que o diga eu, senón o Parlamento Galego, que vén de aprobar a CARTA GALEGA DOS SERVIZOS PÚBLICOS (Lei 1/2015) e recolle así o mandado do art. 41 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.
Aínda que pasase desapercibida, a Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, declara por enésima vez nun texto legal o dereito de todas e todos a:- recibirmos atención na nosa propia lingua (dereito subxectivo do particular, non limitado pola dispoñibilidade de quen nos atenda) e- que o galego sexa a lingua normal e preferente na prestación do servizo público (deber de oferta positiva derivado dos mandados legais de normalización lingüística).Para evitar equívocos, a propia Lei define o concepto de “servizo público” para a aplicación desta prescrición, dicindo no seu art. 33 que se entenden por tales: “as actividades de prestación que a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as súas entidades públicas instrumentais, no exercicio das súas competencias, asumen como propias e poñen, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía” , sen importar que exista ou non declaración formal de servizo público “e con independencia do réxime que se utilice para a súa prestación”, precisando que serán aplicables, en particular “aos servizos públicos que se xestionen de forma directa a través de encomenda realizada a entidades instrumentais pertencentes ao sector público autonómico.”.Deste xeito, cando vaiamos ao SERGAS, á Xunta, á Xustiza (funcionariado, que depende da CA), aos campamentos de verán, ás guías turísticas, ás concesións das cafeterías, aos prestadores de servizos coma a xestión de augas, lixo, servizos sociais, residencias etc., sabemos que disporemos dunha norma máis que será conculcada con frecuencia e sen demasiado rubor, e que podemos sumar, entre outras, aos arts 7 a 11 da Carta Europea das linguas, 4 e 6 da Lei 3/1983, de normalización lingüística, 5 do Estauto de autonomía, 54.11 do EBEP, as Instrucións internas do SERGAS en materia de atención ao persoal, ou.... en fin, é tanto que aburre... pero benvida sexa unha nova declaración institucional neste sentido e unha ferramenta de rango legal cuxa infracción pode ser tutelada nos tribunais.Eis o contido do precepto:“Artigo 38. Estatuto xeral das persoas usuarias: Carta galega dos servizos públicos1. Todas as persoas usuarias dos servizos públicos autonómicos, con independencia da modalidade en que se presten, terán os mesmos dereitos en relación coa prestación do servizo público.2. En particular, terán dereito:c) A utilizar e a ser atendidas, segundo a súa escolla, na lingua galega ou castelá nas súas relacións orais e escritas co prestador do servizo. Para estes efectos, tanto nos supostos de xestión directa coma indirecta, adoptaranse as medidas organizativas do servizo necesarias para a garantía deste dereito. O galego será a lingua de uso normal e preferente en todas as actividades relacionadas coa organización e prestación dos servizos públicos.”E o enlace ao texto completo aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario