Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres 15 maio 2015

O Partido Popular e o idioma galego

por Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia:

Antonte, día 12, fixen unhas declaracións na Universidade de Santiago de Compostela que este xornal, La Voz De Galicia, recolleu con gabable fidelidade. Aínda así, experimentei un certo desacougo filolóxico cando batín, onte, con este titular: «Xesús Alonso Montero: ??O PP non veu ao mundo para salvar a lingua galega??». Recoñezo que o xornalista reproduciu ad litteram a miña afirmación, que, loxicamente, para entender axeitadamente, cómpre situar e examinar no seu contexto.
Foi en Fonseca cando entraba no salón nobre para disertar sobre Filgueira Valverde. Abordado por varios micrófonos, en dous ou tres minutos tiven que responder a unha pregunta maiúscula: Que facer para impedir o esmorecemento do idioma, denunciado, recentemente, nun manifesto das tres universidades galegas? Se mal non me lembro, dixen, nun comezo, que a Academia non era a «dona do galego», que o era a sociedade, en realidade o suxeito histórico que ten que obrigar, democraticamente, aos poderes políticos para que nos ofrezan unha boa sanidade, unha excelente educación pública e as medidas e actitudes precisas para que o «idioma galego, lonxe de esmorecer, sexa potenciado» (Non tiven o tempo e a fortuna de matizar: «potenciado no camiño da normalización xeral»).
Tamén foi maiúscula a outra pregunta: Poden viren todas esas excelencias dos actuais gobernantes? Algúns presabían a miña resposta: O PP, que se saiba, nunca propuxo nin a revolución social nin un programa cultural que cuestione case todo, que esa é a misión da cultura (a que abre os ollos). En canto ao idioma, sería ofender ao PP afirmar que o seu compromiso con el está «nos esteos do seu ideario» (estas foron as miñas palabras, que certo xornal traduciu, minimizando, «estacas»). Ao PP, engadín, «hai que esixirlle o esixible», ben recolleito nos xornais.
Formuladas estas premisas, a conclusión estaba clara: hai que levar ao Goberno forzas políticas que teñan outro tipo de compromiso cos bens públicos, desde a sanidade á educación, desde o patrimonio cultural ás axudas aos cidadáns infortunados e desde os recursos económicos das rías ao vello idioma do país.

Vivimos no país que vivimos e, desde hai moitos anos, gobernados polo Partido Popular, un partido que «nos esteos do seu ideario», no talante dos seus fundadores e nas actitudes fondas dos dirixentes non está, verbo da situación do galego, á altura das circunstancias, das moi problemáticas circunstancias. É certo que no propio partido houbo e hai outras sensibilidades que ninguén debería subestimar. Con elas cómpre dialogar. Asemade, cómpre levar á mente e ao ánimo activo da maioría da sociedade (os sacrificados de sempre) que existen outras ideas, outras actitudes e outros criterios para gobernar: polo ben da sanidade, polo ben da educación, polo ben dos xubilados, polo ben da dignidade laboral? e polo ben do idioma de Mendiño, de Martín Codax, de Rosalía de Castro, de Curros Enríquez, de Castelao, de Celso Emilio Ferreiro, de Neira Vilas e de Manuel Rivas (cantas ideoloxías!).

Ningún comentario:

Publicar un comentario