Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves 21 maio 2015

Don Ricardo

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Cando se cumpriron dez anos do pasamento do sabio profesor, do intelectual polígrafo e do escritor total que foi don Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), eu lembraba naquela altura que don Ricardo, como ninguén no seu tempo, soubera ver, dende unha fonda tensión que lle fornecía o coñecemento de Rosalía e de Castelao, a raíz e o froito dunha nación chamada Galiza: unha forma de harmonía futura —pensaba eu— na cal brillaría ben alta a figura e a obra do mestre ferrolán. Mais a día de hoxe, cando xa se teñen cumprido 25 anos da morte do autor de Scórpio, o tecido de silencio —ofensivo silencio— que as máximas institucións culturais galegas teceron arredor da figura do escritor tense convertido nunha clara exhibición que conxuga oprobio e ignominia, algo que, en período democrático, resulta difícil de atopar en ningún outro país e en ningunha outra cultura. E, referíndome ao mesto e delongado silencio deitado sobre Carvalho Calero, eu tamén teño lembrado, porque son iluminadoras, as palabras que Francisco Fernández del Riego, sendo este Presidente da Real Academia Galega, lle dirixiu no seu día ao xornalista Xan Carballa: “Na Academia aínda hoxe pervive o defecto do seitarismo, porque propuxen dar o Día das Letras a Carvalho Calero, de quen se pode discrepar pero non negar o seu inmenso labor, e non conseguín un só voto de apoio á miña proposta”. Fica ben claro. Como ten afirmado Suso de Toro, “a saúde dun país mídese ben observando como trata aos seus fillos, especialmente o que fai cos máis lúcidos e valiosos”. Xulguen vostedes.
No que atinxe ao caso Carvalho, especialmente maltratado polo “Eu” institucional, non estaría de máis contarmos co diagnóstico dun psicanalista competente
Como dicía o dramaturgo dublinés Richard Brinsley, cando a ingratitude contén o dardo da ofensa —o silencio sobre Carvalho é tamén, digo eu, unha “auto-ofensa”— a ferida que se produce é dobremente perigosa. E, dadas as circunstancias, talvez conviría, retomándomos o pensamento de Antón Avilés de Taramancos no seu breve ensaio titulado Galicia no diván” (1992), “organizar equipas de psicólogos, de sociólogos, de economistas, de historiadores e de políticos (na mellor acepción da palabra) para que deitaran a Galicia no diván e fixeran un estudo serio dos seus problemas”. Porque no que atinxe ao caso Carvalho, especialmente maltratado polo “Eu” institucional, non estaría de máis contarmos co diagnóstico dun psicanalista competente. Como o propio mestre ferrolán dicía, “consideram-me como um herege, como um cismático, ou como um corruptor da mocidade, e se me exclui positivamente dos organismos oficiais”. E a ver se vai ser certo nesta nosa particular “historia da infamia” aquilo que afirmaba Jacques Lacan, porque sobre don Ricardo a censura funciona como unha intención de vixilancia sobre o “dicir”. Sobre o “dicir” ou “dicer” que —din as tres Universidades galegas— nos permite acceder a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países. Urxe que as máximas institucións culturais e políticas galegas pasen polo “diván”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario