Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres 01 maio 2015

Educar para reflexionar

por Mercedes Queixas Zas, nas Voces de Prolingua:

Retorno á casa logo dunha xornada longa cunha intensidade difícil de cuantificar apenas en horas, pois as palabras foron donas da tea do tempo material que o cronómetro mediu sen tregua.“Herdamos o galego, temos que transmitilo” era o título do tema que daría lugar, xa na fase final do proceso do Club de Debate, a sucesivos encontros dialécticos de mañá e tarde entre seis equipos de mozas e mozos galegos, escolarizados nos cursos máis altos da ESO e primeiro de Bacharelato, en representación do CPI dos Dices (Rois), IES Luís Seoane (Pontevedra), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Parga Pondal (Carballo), IES Macías O Namorado (Padrón) e IES Nº1 (O Carballiño).Baixo o paraugas organizativo, de xeito cooperativo, entre os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino, e os Servizos de Normalización Lingüística municipais de Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, esta actividade de dinamización lingüística entre a mocidade persegue varios obxectivos entrelazados: favorecer o uso do galego oral entre a mocidade, potenciar a fluidez comunicativa, promover o pensamento crítico e fomentar o traballo en equipo, a diversidade de opinión e a tolerancia ante estas.Unha xornada completa escoitando unha parte da nosa mocidade, procedente de áreas sociolingüísticas e xeográficas ben diferentes, que non deixaron de sorprender coa súa capacidade de traballo previo (ben orientados polo profesorado formador) canto á recollida de información e elaboración dun dobre argumentario –a prol e en contra da temática proposta-, así como da técnica expositiva en público, do dominio da oratoria, da capacidade de refutación e improvisación, do dominio da linguaxe verbal e non verbal, da capacidade de síntese conclusiva, etc.Argumentario emocional e racional, gráficos, iconografía plástica, documentos audiovisuais, soportes informáticos, entre outros, constituíron sólido corpus argumental para demostrar o dominio de coñecemento do pasado e do presente da lingua galega, semente para agromar no irrenunciábel futuro que tecemos con actividades coma esta.Desde Galeano até Feijoo (o frade beneditino, claro!), pasando por Eduardo Pondal e Xosé Luís Méndez Ferrín ou de mans dadas con Rosalía de Castro e Olga Novo, as citas literarias, como outras referencias culturais, abríronse paso para derrubaren os muros da ignorancia alimentada no humus dos prexuízos lingüísticos.Sen dúbida, toda unha suma de grans de area que achegan bo facer na demarcación deste camiño sinuoso da progresiva normalización lingüística.Mais a expectación e os nervos do día chegaron á súa fin a ritmo do innegociábel reloxo e cumpría voltar á casa transitando os setenta quilómetros de distancia que teimou en acompañar a chuvia viscosa.Prendín o aparello de radio, antes de contactar co asfalto, para me acompañar nos próximos corenta e cinco ou cincuenta minutos aproximadamente. Custoume fuxir das crónicas futbolísticas da xornada dominical, mais a teimudez levoume aos acordes da guitarra de Santana. E aí fiquei, irresistibelmente, para me lembrar dos meus tempos, como insisten xa en denominar as xeracións mociñas da casa, elas que non caen na conta de que os meus tempos tamén deben ser estes nos que convivimos.E así iniciei unha viaxe tamén musical que, no entanto, aproveitei para revivir algúns ecos das intervencións da xornada. Cantaruxei o Manisero de Machín, bailei harmonicamente os dedos no volante, detida á espera dunha cor verde, a ritmo de cumbia con Juan Luís Guerra, do pop de Laura Paussini e doutros ritmos e voces que en ningún momento puiden recoñecer, mais que, se o meu ouvido non falla, dificilmente sumarían adeptos á miña persoal banda sonora.Cada nova voz conseguía atraer a atención un tempo mínimo para logo continuar coa debida atención condutora, substituída polas análise das conclusións particulares da experiencia vivida nas obrigadas retencións de retorno dominical ou na sucesión de inacabábeis obras do traxecto.En chegando ao meu destino, decateime da miña exposición musical gratuíta ao inglés, preferentemente, ao castelán –coas súas diferentes variedades xeográficas- e mesmo ao espanglish. Todo un repertorio convertido en completa lección de diversidade lingüística.A sorpresa chegou cando unha voz masculina grave me informa: Radio Galega Música!Maneiras diferentes de comprender, atender e vivir a dinamización e a normalización lingüística do galego dentro da mesma nación no mesmo día, sen dúbida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario