Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes 19 maio 2015

Etiquetaxe

 artigo gañador do XI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2015, por Luz Cures, no Praza, no Sermos,...:

O día que me volvín falante consciente non calculei que iso implicaría converterme en materia susceptible de etiquetaxe variada: catalogadora, simplificadora, descritiva pero, sobre todo, prexuizosa. [galegofalante]





Pola lingua que usaba supúxoseme unha orixe, unha filiación política e unha forma de ver a vida estereotipada. [nacionalista]
"O dano que causan as etiquetas baseadas en prexuízos sófrese en moi variados ámbitos e todas mancan dun xeito ou doutro".
O dano que causan as etiquetas baseadas en prexuízos sófrese en moi variados ámbitos e todas mancan dun xeito ou doutro. [minusválido, feminazi, maricalla]
A min foi así como empezou a doerme a cuestión da lingua, sentíndome etiquetada.
A primeira vez que alguén me preguntou por que falaba galego, tras a miña estupefacción pola agresión á intimidade, respondín dando razóns polo miúdo. [prepotencia, intimidación]
E continuei dándoas ata que me decatei de que nunha cuestión en que entran en xogo os prexuízos é moi difícil non ter que estar a rebater falacias de maneira infrutuosa.
Os prexuízos non son racionais, polo que non se dan eliminado axiña, precísase de moito máis ca un argumentario intelixente e cómpre moito traballo de fondo para erradicalos, de aí a tan necesaria a implicación de moitos e moi variados ámbitos.
Cal pode ser o motivo de que calquera persoa racional saiba apreciar que os coñecementos suman, que dominar unha lingua é unha riqueza, e que esta non é un ser vivo que vai facendo o mal por aí… e, con todo, se constate tanta acritude cara á lingua? Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? [bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición]
Nunha ocasión, unha alumna moi creativa confesoume que eu non lle resultaba nada gailana. Os gailáns son os pailáns que por riba falan galego. [neoloxismo, gailán]
As etiquetas sempre nos andan roldando aos galegofalantes. Hai por aí unha clasificación popular que acollín con humor, inda que sexa triste, que divide os falantes en paleos (de lingua materna) –entre os que se encontran os que mamaron a lingua pero que a usan de xeito diglósico, e os conscientes–; e os neos (de lingua aprendida) –nos que están os obrigados (radio, televisión, política…), que non o usan na vida cotiá nin se preocupan por un mínimo de rigor –os nonai, os choxuro e os ieu– e os neos combativos. [paleofalantes, neofalantes]
"Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? [bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición]"
Os paleos conscientes e os neos combativos normalmente son os que máis reivindican os seus dereitos e os que aspiran a unha vida normalizada. [*repunantes]
Coa ampliación da familia decateime de que tamén acaba sendo materna a lingua da escola infantil, dos iguais, da veciñanza… Agora, ás veces cando as fillas me falan penso en como se debían sentir os emigrantes dos oitenta nesas pobres conversas interxeracionais en lingua estranxeira. [lingua materna, diglosia]
No meu caso a comunicación é efectiva, obviamente, pero non afectiva. E con isto gañei outras etiquetas. [radical, intolerante]
Mais inda con todo, o meu discurso cotián é positivo e traballo arreo para esborranchar etiquetas. Cada persoa que reflexiona sobre a súa actitude cara á lingua grazas aos meus esforzos é forza que sumo.

Ao final daquel curso a palabra gailana desapareceu do idiolecto do grupo e a min deume azos para seguir traballando por unha situación en que elixir vida en galego non teña que doer. [etiqueta, prexuízo, daniño]

Ningún comentario:

Publicar un comentario