Días atrás producíase un enfrontamento dialéctico entre o goberno da Xunta de Galiza e as tres universidades galegas a respecto da lingua galega. O actual presidente da RAG, Alonso Montero, terzaba no conflito dicindo algo máis ou menos así: “O Partido Popular non veu ao mundo para salvar a lingua galega”. E razón non lle faltaba ao egrexio profesor. Non é propósito ou cometido seu, o de velar nin, moito menos, o de pular ou promover o uso e extensión da lingua galega. Non está dentro do seu programa. Ben ao contrario. Nunha actitude sen precedentes, e arrogándose o papel de xusticeiro valedor do que no seu programa disque prometera, asumiu o que a organización galegófoba, Galicia Bilingüe, lle exixía. O tal pretexto veu provocar a ruptura do pacto social habido até ese instante: o da implantación a partes iguais –galego e español– no ensino obrigatorio, que ficou derrogada dun plumazo. Impúxose, pois, o chamado Decreto de Plurilingüismo, para falsamente aplicar un 33’3% de galego, español e un terceiro idioma tan oficial do Estado, así como autonómico, como é o inglés no sistema educativo.E é que a can fraco... O inglés!, que adquire, por arte de birlibirloque, estatus de lingua cooficial dentro do ensino obrigatorio en Galiza. A lingua galega, que timidamente se fora introducindo en disciplinas non só de letras e humanidades como viñera sendo até ese momento, fica proscrita e mesmo incapacitada para a aprendizaxe do que son as ciencias empíricas. Mais co paradoxo de que o inglés si pode escalar posicións dentro da escola, sempre que haxa dispoñibilidade de horas e destreza lingüística por parte do profesor para a impartición da materia que for neste idioma. Ou sexa, que se un profesor de Ciencias Sociais, poñamos por caso, tivese intención de querer leccionar a súa disciplina en inglés por causa de ter aptitudes abondas para tal e así ser aprobado pola inspección, podería facelo sen problemas.A situación é, sinxelamente, surrealista. Dunha parte, o noso complexo de inferioridade con respecto á torpeza na aprendizaxe de linguas estranxeiras, págase cunha falsa e maniquea inmersión en lingua inglesa no ensino obrigatorio, convertendo o instrumento en que se ha de impartir a materia na propia finalidade da disciplina. Alguén cre que o alumnado, dun modo xenérico, sexa capaz de aprender Historia, Bioloxía, Tecnoloxía, Física, etc. de maneira competente por medio desta lingua estranxeira? A demagoxia máis infame tenta virar o amentado complexo, facendo que moitos proxenitores crean no beneficioso que isto ha de ser para a aprendizaxe do inglés de seus fillos. Aliás, a Xunta cumpriu así co que un grupúsculo galegóbofo lle demandaba. E, entre tanto, Galiza e o seu sistema educativo perdeu competencia lingüística na súa propia lingua en aras dunha suposta equidade cunha lingua estranxeira e extraterritorial, por moito que se trate do sacrosanto e ponderado inglés que tendemos a adorar cal becerro de ouro.Toda a lexislación de que nos fomos dotando desde a aprobación do estatuto de autonomía a prol dun proceso de normalización lingüística, vén chocar coa crúa realidade dos que nunca a xulgaron necesaria, e en clara connivencia cos que agora pretenden excluír o galego das escolas, vista a súa hostilidade contra el. De partida, arrouparámonos duns principios legais proteccionistas para pularmos polo galego, lingua cuxa desvantaxe fronte á outra era evidente, e aplicando o criterio da discriminación positiva. Quérese dicir, o complexo de inferioridade, mesmo de rexeitamento pola lingua natural, dada a implacabilidade esmagadora dunha sociedade en español que inferiorizou á que falaba en galego, e que se traduciu a través dunha situación de clara diglosia, foi o que se pretendeu mudar, ou tal foi a vontade e as bondades do sistema de que se partía.A Lei de Normalización Lingüística de 1983 fai hoxe augas por todas as partes. A desprotección do galego é maior actualmente que hai 32 anos. A escolarización dos meniños de infantil e primaria na lingua que eles falan na casa, galego, é hoxe unha quimera. Os medios de comunicación pódeno ter como algo pintoresco ou marxinal mesmo. Se até a TVG ofrece os debuxos animados en versión orixinal inglesa! Nin falemos da administración de xustiza, nin da Igrexa. As empresas que fan uso del, son fabas contadas. E deste xeito poderiamos ir enumerando un por un os casos e até de actuacións que vulneran a legalidade negando a posibilidade de acceder en galego a aquilo ao que se ten dereito. A lingua non deber ser utilizada como elemento de conflito, nin político nin xurídico, dise con frecuencia desde as esferas do poder. Porén, o goberno non só fai deixadez de funcións, pois mesmo concita ao enfrontamento ao tentar marxinar cada vez máis a lingua galega, agora por causa do Decretazo. En resumo, pois, que se desarroupa xuridicamente a LNL para que a nosa lingua, cativa e desarmada, sucumba quer por acción quer por omisión do propio goberno.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 31 de maio de 2015
Cativa e desarmada, a lingua galega
por Henrique Dacosta no Diario de Ferrol:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario