Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 16 de setembro de 2016

A política lingüística na campaña electoral



Este vídeo da Mesa explica que “todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un ritmo alarmante, que só se comprende ao vermos como a posibilidade real de uso do galego está claramente limitada na práctica”. Aínda que preferiría que se divulgase o contido nun formato de presentación dixital (ver abaixo), se seguimos atentamente o vídeo veremos como se debuxa con claridade as principais liñas da enfermiza situación do galego, derivada dunha política lingüística agresiva contra a lingua debilitada. Co fin de reverter esta situación A Mesa propón seis propostas urxentes que o vindeiro goberno debería tomar.
Partindo dunha análise da realidade moi semellante, a Coordinadora Galega de ENDL elaborou tres decálogos de propostas para os partidos que concorren ás eleccións do 25-S centrados respectivamente nos ámbitos do ensino, os ENDL e a sociedade. O primeiro punto é a derrogación do funesto decreto do plurilingüismo.
Finalmente a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) tamén fixo a súa achega indicando cales deben ser as directrices para o traballo na normalización.
Con todo, a cuestión da lingua segue sendo residual no debate político da campaña electoral, o que fai sospeitar da existencia de tal debate. Onde si o hai é en Euskadi, aínda que iso non significa nada positivo. Alí tamén teñen eleccións, e un par de vídeos elaborados para a campaña xeneraron unha gran polémica que curiosamente non aparece nos medios das nosas latitudes. Saber delas  pode darnos pistas onde pode ir o (terrible) futuro do discurso supremacista. Quen tirou a primeira pedra foi o PSE, cun vídeo no que identifica ao euskera como un obstáculo para acceder á función pública, dá a entender que é unha barreira contrapoñéndoo á igualdade. Por suposto que esquecen toda referencia a políticas normalizadoras e de garantía de atención, non só na adminstración, do cidadán na lingua vilipendiada.
Pouco despois foi o PP vasco quen susbscribiu o mesmo discurso, reactivando o "discurso da imposición" no que os discriminados aparecen como discriminadores, a normalización é un pozo sen fondo de gastos, a lingua segregada é excluínte, unha barreira. A politítica lingüística que se potenciará consiste en cercala nun gueto ao seu final natural: a desaparición.
En Galicia o PP esconde este discurso baixo unha capa de galeguismo baleiro. Porén a súa política segue os pasos enunciados no vídeo do PP vasco. Onte mesmo o presidente en funcións anunciou que a Xunta deixará de usar o galego como lingua preferente na atención ao cidadán cun decreto que forzará á administración a responder en castelán a aqueles que lle presenten demandas nesta lingua. Lembremos que unha das primeiras medidas do primeiro goberno de Feijóo foi pechar as liñas de galego, aquelas que consistían na inmersión en galego naqueles centros das cidades que así o solicitaban para os pais que querían que os seus fillos se socializaran nesa lingua. Velaí que non se trata de respectar, nin tan siquera con restricións, a suposta escolla da lingua do cidadán, o obxectivo é a redución de espazos da lingua galega.

P.S.: A Mesa tamén puxo á nosa disposición unha presentación coa que se pode seguir mellor o desenvolvemento do contido do vídeo:


Ningún comentario:

Publicar un comentario