Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 12 de setembro de 2016

Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

Hai agora corenta anos que vía a luz unha obra de referencia na sociolingüística galega contemporánea: Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, cuxo autor é Francisco Rodríguez. Subtitulada A situación do galego como síntoma, a publicación, saída orixinariamente en Xistral, increméntase, agora, en Laiovento, para o que é a quinta edición, cun rico e amplo material. Trátase dunha edición corrixida e acrecentada, na cal se manteñen as grafías orixinais dos traballos que incorpora.
O dito subtítulo coincide co nome do derradeiro capítulo desta obra. Nel inclúense traballos que foron agromando, nos últimos anos, en diversas publicacións dixitais da nosa nación. Segundo se fai explícito nunha aclaración introdutoria, este material engadido cómpre situalo “no debate ideolóxico e político, social, que a situación crítica do noso idioma orixina, nunha dupla vertente, aquela que ten que ver co poder hostil e a que nos alude e reflicte como pobo”.
Debullando cada unha das liñas desta enriquecida nova edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza compróbase outra evidencia que este volume posúe. A de incorporar unha ampla bagaxe de estudos lingüísticos, aplicados polo autor ao caso galego. Todo isto é mostra, en definitiva, dende unha concepción marxista, dunha tarefa incansábel de esculca analítica e interpretación científica verbo da marxinalidade que, dende o poder establecido, se leva exercendo sobre a nosa cultura e a nosa lingua; tarefa incesante, asemade, de realizar propostas, dende o activismo político do nacionalismo galego, para combater o alleamento e acadar a autoestima como pobo que, secularmente, nos é negada.

Desta sorte, ao concepto de ‘lingua materna’ sobrepónselle o de ‘lingua asoballada’ e o de ‘lingua dominada’ e, no plano lexislativo, reclámase a aplicación dunha concepción territorial para o idioma —consonte o carácter social que este posúe— que é definido como ‘propio de Galiza’. O horizonte da normalización lingüística é a restauración social plena do noso idioma. De aí que “a primeira premisa dunha política lingüística que desexe solucionar unha problemática lingüística diglósica ou de domínio dunha língua A sobre unha língua B nunha sociedade que foi anteriormente homoxénea nesta última, consiste en elaborar unha planificación dirixida a converté-la, através dun proceso, na língua de comunicación normal colectiva”.
De aí que resulte apremiante que, dunha vez por todas, “se aceite o critério de territorialidade ou, o que ven ser o mesmo, o critério social e colectivo, e non o critério dunha suposta liberdade individual que, por certo, non ten contrapartida algunha no território do Estado, que ten como única língua o español”. De aí que que para a sociedade galega resulte urxente unha “tarefa descolonizadora”, xa que se “non pensamos a nosa concreta realidade, se non coñecemos os seus rasgos específicos, dificilmente contribuiremos a unha visión realmente internacional ou universal da cultura”.
En sabendo que un dos elementos fundamentais caracterizadores de Galiza como nación é o idioma, o noso idioma simboliza unha clara aspiración: “sermos unha sociedade que se autoapreza, se responsabiliza e se autogoberna, que ten vontade propia”. Son estes algúns dos importantes fíos que o profesor, o político e o escritor Francisco Rodríguez, de xeito incansábel ao longo de décadas, leva tecendo, na urdideira do nacionalismo galego, para construírmos, para usarmos o auténtico traxe colectivo da nosa identidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario