Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 20 de setembro de 2016

Adeus, Silleda

X. C. Gª. Porral no encontro sobre
toponimia. Da RAG
Xa hai tempo que tiña que ter publicada esta entrada, pero é que  non sei por onde debía comenzar.
O pasado sábado celebrouse en Pontevedra unha xornada sobre a recollida de toponimia organizada pola RAG e a Deputación de Pontevedra. Entre outros participaba Xoán Carlos García Porral cun relatorio no que explicou o traballo realizado no meu ex-centro, o IES Pintor Colmeiro (Silleda) que recibira o premio Antonio Fraguas. O froito máis destacado dese traballo son dous mapas (un de xacementos arqueolóxicos e outro de microtoponimia de Silleda) xunto coa edición dun libro no que se recolle todo o proxecto. Como dato curioso, a tirada foi de 500 exemplares; o concello de Silleda fixo outra de 1000. O curioso do caso é que hai un ano pedíuselle ao concello colaboración para realizar unha exposición na Casa da Cultura co fin de realizar un acto de presentación do libro para divulgalo entre os veciños. Aínda non houbo resposta e eses 1000 tomos fican gardados (secuestrados) nalgún lugar descoñecido.
Seguramente este traballo foi unha das principais aportacións ao conxunto das actividades realizadas no ENDL do IES Pintor Colmeiro. Non foi o único mérito de Xoán Carlos xa que baixo a súa dirección o ENDL pasou da insignificancia a ser parte relevante da vida do centro. Agora que marchei quixera repasar algunhas outras como a da Radio Colmeiro, argallada por Xosé Rodríguez, e que (unha mágoa) só estivo activa durante o curso 13-14.
Outra das iniciativas que mobilizou a boa parte do centro e que tivounha maior repercusión foi a que chamabamos "Nomeamos as aulas" na que lle dabamos o nome dun escritor a unha das aulas do centro. Aproveitábase a visita do escritor ao máximo propoñendo libros de lectura, realizando presentacións que percorrían a súa obra, facéndolle entrevistas,.... E foron moitos os que pasaron por Silleda, sobre todo grazas ao labor de Gracia Sanctórum. Por citar uns poucos: Rosa Aneiros, Ledicia Costas, Suso de Toro, Antonio Reigosa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderey, Agustín Fernández Paz,...
Quixera destacar tamén o traballo realizado por Fe, quen con enorme paciencia e criterio titorizaba eses fermosísimos álbums ilustrados que realizaban os alumnos dos primeiros cursos da ESO. Cada un deles era unha alfaia.
Nos últimos cursos chegounos Maxo, cargada de ilusión en todo o que facía. Ela foi quen puxo ao alumnado a elaborar unha cantidade incrible de esopías, ou quen fixo a proposta de poñer en marcha un Taller de Normalización que publicou esta revista dixital, pero que, sobre todo, mantivo a un bo grupo de rapaces animados arredor dun proxecto normalizador.
Sería imposible relatar todo o traballo levado a cabo polo alumnado: xestión das contas das redes sociais, elaboración de artigos, carteis, colaboración nas máis diversas actividades,... Por poñer un exemplo que tivo certa repercusión nos medios, vou citar o artigo de Claudia no que denunciaba que despois dunha estadía nos Estados Unidos o funesto decreto do plurilingüismo permitíalle a exención da materia de... lingua galega, e non da que sería máis lóxico: da de inglés.

Na columna da dereita do blogue As Ferreiras mantense un apartado sobre prexuízos que contou para a seu tratamento nas aulas coa colaboración de Rosa, a orientadora. Sempre disposta para todo e con todos.

Un dos traballos que máis recordos me trae foi o da Paisaxe lingüística da vila de Silleda. Tiramos case 900 fotografías que houbo que clasificar. Elaborouse un documento que ben podería sentar as bases para iniciativas normalizadoras en colaboración co concello. Pero nunca vin nin interese real nin vontade de levar adiante ningún tipo de medidas. Por exemplo, detectáramos que os sinais dos vaos estaban todos en castelán. A pesar se saber quen era a empresa que vendía prácticamente todos, desde o concello non se puxeron en contacto con ela. Sempre se nos falou da imposibilidade de cambiar a situación. Pouco tempo despois en Moaña galeguizaban con vinilos sobre os sinais de tráfico nunha acertada campaña normalizadora. Pola contra o grupo de alumnos que colaborou nesta proposta era realmente excepcional.
Outro documento-base para sustentar o traballo do ENDL foi a análise sociolingüística  que buscaba ofrecernos unha radiografía da realidade próxima en relación coa lingua. Seguro que cada un que mire o informe (se ten vagar) pode obter algunha conclusión interesante. A min quedoume na memoria unha cifra, a dun 71% do emprego da lingua galega tanto dos avós como dos pais dos alumnos do centro. Nese  elo aínda non se producía unha ruptura da transmisión interxeneracional. A imposición dun límite superior dun 50%, tendencialmente 33%, ao uso do galego na escola establecido polo decreto 79/2010 significaba o establecemento dun forte factor castelanizador no sistema educativo público. Se a isto lle engadimos a existencia dun colexio concertado cunha evidente vocación supremacista, podemos enxergar un futuro de declive do galego nos vindeiros anos no concello de Silleda.
De entre todas as actividades podemos gabarnos de organizar todos os anos unhas xornadas adicadas á ciencia en galego nas que a denuncia da prohibición do emprego da nosa lingua estaba sempre no primeiro plano. Xornadas que sempre se viron enriquecidas polas propostas que nos achegaba a Coordinadora Galega de ENDL. En contraposición nunca houbo nada que aproveitar dos anuncios máis ben intoxicadores e propagandísticos da SXPL. Tamén, nos últimos anos participamos activamente no Correlingua, facendo que esta proposta estivera presente durante semanas no centro mediante diversas actividades que xiraban ao seu arredor.

Para rematar
Quedan moitas cousas atrás, pero nalgún punto hai que cortar.
Para rematar, de entre os centos de achegas que se fixeron nestes anos ao ENDL vou deixar dous vídeos. Un dos primeiros tempos da miña participación do ENDL e outro dos últimos.
O primeiro fóra toda unha sorpresa. Un día unha alumna, sen aviso previo, chéganos ao Equipo cun vídeo completamente rematado no que invitaba a todo o mundo a participar na normalización:



O outro é a última actividade realizada o curso pasado. Grazas á intermediación de Ana Pillado, Mini e Mero achegáronse a Silleda a dar unha das súas clases maxistrais



Saúde e normalización

P.S.: Acabo de ver que esta entrada tivo repercusión nalgún medio e que acabou sendo motivo de que o concello de Silleda se pronunciase sobre a falta de divulgación do libro Paisaxe lendaria e toponímica do concello de Silleda. Se isto serviu para rescatar a publicación e a prometida exposición sobre o mesmo, dou por bo o resultado.
Con todo, revisando o que dixen do concello, pode dar a impresión de que estamos diante dun inimigo da lingua, o cal non é o caso. Poño un par de exemplos. Primeiro: unha iniciativa de promoción do uso do galego no comercio, silledAgasalla, na que se pide a aportación do traballo do alumnado, foi proposta polo concello. Segundo: sempre colaboraron cos centros para facilitar que o alumnado acudira ás convocatorias do Correlingua.

6 comentarios:

  1. Gracias Cibrán... Pero o pulo que deu o ENDL As Ferreiras no IES Pintor Colmeiro, no concello, e incluso me atrevería a dicir que na comarca de Deza, foi gracias ao teu entusiasmo e liderazgo "caladiño". Déixasnos o listón moi alto... Sorte na túa nova andaina.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti. Aproveito para darllas tamén a todos os que non nomeei pois hai moitas cousas que quedaron sen introducir na entrada como os intentos de constituir unha coordenadora comarcal, a colaboración con outros centros (especialmente o Aller e o Chano Piñeiro), a colaboración de Helena co Ciclo de Comercio, as moitas achegas do alumnado,...

      Eliminar
  2. Non sei cando chegastes ao Colmeiro, pero eu cheguei o mesmo día que abriu as portas.
    A nosa foi a primeira xeración da mesturanza, dos da Bandeira e os de Silleda estudando xuntos, dos das monxas sen uniforme nin crucifixo. E non era doado, non pensedes.

    Sen embargo si que sei non só o Colmeiro que deixades, se non o Concello que respira agora a través del.
    Un Colmeiro que incha o peito e exhala formación. Formación académica, si. Pero tamén formación para o día a día.

    Como ex-alumno e como Silledense, e tamén como expatriado... Non me queda outra ca poder dicir con fachenda. Eu estudei no Colmeiro.

    E iso é grazas a todos vós.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Cando eu cheguei debía levar 3 ou 4 anos aberto. Non sabes canto me alegra o orgullo que mostras por ter participado do ensino público.
      Os centros de ensino fanse co traballo compartido do profesorado e o alumnado. Eu tamén recordo moitos e moi bos alumnos.

      Eliminar
  3. O Colmeiro botarate moito de menos, de seguro. Fixeches un gran labor. Grazas por nomearme. Bicazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Polo momento quen se acorda moito do Colmeiro son eu. Foron moitos anos alí.
      Polo demais, non sei como agradecer os agradecementos, asi que grazas.

      Eliminar