Cando a Mesa denunciou que o uso do galego no ensino infantil nas cidade estaba a uns niveis escandalosamente baixos (entre un 2% e un 5%) [12, 14, 15, 15bis] non poderían imaxinar que as causas fundamentais desta desfeita sociolingüístca viñeran explicadas nunha viñeta humorística como ésta de Luis Davila, O Bichero.
Houbo un tempo, na época heróica do Xabarín, no que a rapazada tiña un contacto directo co galego. As mellores series de debuxos animados emitíanse na galega nun programa que ademais estaba inzado de música galega do momento. A aposta actual da TVG, na liña da políticas lingüística da Xunta, consiste na emisión de debuxos animados en inglés. O fracaso deste invento ofrécenos unha boa medida da hiprocrisía sobre a que está montado o noso imaxinario social. Créase un discurso que baleira o fardel da utilidade a lingua galega para encher o da lingua inglesa. Neste proceso non mellora a aprendizaxe do inglés e destrózanse as ancoraxes da normalización lngüística. O único que gaña é un castelán ultraprotexido e ultraimposto. Velaquí espido o verdadeiro obxectivo da política lingüística sustentada polos dous personaxes caricaturizados, Feijóo e Rajoy. Eles representan o peor do racismo lingüístico. Ai! se os galegofalantes nos distinguíramos para cor da pel, toda a progresía estaría denunciando esta política de apartheid!
Os monicreques da viñeta non só cobran vida nas series que protagonizan nas pantallas de telvisión. Son tamén as figuras de múltiples videoxogos. Fagámonos unha pregunta: cando vimos a Bob Esponja ou a Pocoyo nun videoxogo en galego? Esta pregunta leva a outra: Cando se preocupou a administración por corrixir esta eiva? A resposta das dúas é a mesma: nunca. Non se pode aparcar este problema como se fose unha cuestión menor ou un pequeno pecado de desleixo. A rapazada adica, cada vez en maior número, o seu lecer a este tipo de xogos. Se o galego está vetado neste eido, estamos empuxando á cativada polo funil do castelán. E a isto non se lle denomina imposición?
Aínda hai outro protagonista na viñeta de Davila, ese pai comprometido coa cultura que quer educar ao seu fillo en galego. Que faga todo o posible por transmitirlle a lingua non significa que o rapaz a vaia empregar no seu entorno social. Cómpre a axuda de toda a comunidade para podelo facer. Neste punto encontrámonos coa cuestión da libre elección dos pais. Esta liberdade que só se garantiza se a escolla é o castelán. O pai do debuxo de Davila non ten dereito a esa liberdade.
Queda por falar do último personaxe, o neno. Pero, ...a quen lle importa o neno?
Máis:
- Sermos Galiza, 05/06/12, A Mesa alerta de que o ensino en galego “é residual na educación infantil das sete cidades”
- Praza Pública, 10/10/12, O galego, "varrido" do 95% do ensino infantil nas cidades
- Praza Pública, 17/06/14, O galego, relegado a un 2% das aulas de infantil nas cidades
- Sermos Galiza, 17/06/14, Só 7 de 289 centros de Educación Infantil en todo o país declaran impartiren maioritariamente en galego
- Praza Pública, 19/06/14, A RAG urxe a Xunta a atallar o "deterioro" do galego no ensino
- Praza Pública, 22/06/14, A Xunta rexeita que o galego se reduza no ensino pero négase a publicar os datos
- Praza Pública, 03/08/15, Moitos nenos en Galicia acaban vendo o galego como unha lingua estranxeira
- Sermos Galiza, 26/11/15, O 40% dos centros de Infantil non usan o galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario