por María Xosé Bravo, no Nós Diario:
O Consello da Cultura Galega vén de facer público un estudo sobre a divulgación científica en galego nas redes sociais no que constata unha diminución da lingua galega no ecosistema dixital. A divulgación científica é unha tarefa de grande importancia, é unha parte fundamental da investigación para que a ciencia non se quede exclusivamente nese mundo especializado e o coñecemento científico poida transcender, influír sobre a opinión pública e logre impacto na cidadanía. Cada vez máis a comunidade investigadora é consciente desa necesidade de achegar a ciencia ao público non especializado para que este poida autorresponsabilizarse e tomar decisións informadas que, a medio ou longo prazo, van afectar directa ou indirectamente ao seu benestar; falemos de saúde, medioambiente ou mobilidade.
Que no último lustro teña diminuído a presenza da ciencia en galego nas redes é unha moi mala nova que vai ter consecuencias nefastas, porque agrandará unha fenda na comprensión científica e fará que os novos coñecementos sexan menos accesibles para a cidadanía en xeral, polo que será máis fácil darlle fiabilidade á pseudociencia.
Cales poden ser as razóns desta diminución? Con toda seguridade ten causas multifactoriais, mais o decreto de plurilingüismo do PP e a prohibición de impartir as matemáticas e a física e química en galego algo terá que ver para que non haxa xente moza que de xeito espontáneo contribúa a crear contidos divulgativos en lingua galega. Tamén o escaso investimento por parte da Xunta nas universidades galegas e nos institutos públicos de investigación, con seguridade, está a contribuír negativamente. O propio informe fala de que é imprescindible a incorporación estable de máis persoal especializado en comunicación. Lembremos –como se ten denunciado– que o que Galiza inviste en
I+D+I é manifestamente inferior ao doutras comunidades, como Navarra ou o País Vasco.

Ningún comentario:
Publicar un comentario