Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 25 de novembro de 2011

Ensino da ciencia: español versus galego. O caso Abalar

O ITE é un organismo do MEC que traballa para fornecer recursos educativos ao mundo do ensino. Unha das últimas achegas consiste nunha excelente forma de sacar proveito dunha serie documental realizada para a TVE sobre o mundo das matemáticas: Universo Matemático. Agora este material audiovisual vén de revalorizarse pois presentouse no III Congreso Escuela 2.0 conxuntamente cun paquete de recursos educativos innovadores e diversificados. Cada un dos dez capítulos ( [1][2][3][4][5][6][7][8][9][10] ) acompáñase dunha unidade didáctica en pdf xunto con outra en formato web elaborada con exelearning. Podemos atopar nela escenas interactivas de Geogebra (Proyecto Gauss) ou do Programa Descartes. En resume, unha gozada.

Innovación educativa. O caso Abalar.
 Pola contra, que é o que podemos atopar de innovador no ámbito das ciencias en galego?
O anterior goberno da Xunta impulsara un portal ,  dependente da Consellería de Educación que comenzaba a ser a referencia á que acudir na procura de materiais educativos. Porén este proxécto esborrallouse desde que o actual conselleiro presentou como motor da innovación educativa o Espazo Abalar.
Hai prácticamente 7 meses que no abalar non aparece ningún novo recurso (o último ten data do 29/04/2011). Abalar é un espazo morto. Pero ademais cheira a podre. Nesta especie de zombie electrónico non hai ningún recurso que xurdira, por exemplo, dun programa de formación do profesorado nas TIC. Tampouco temos nada que se xestara dentro dun sistema organizado pola propia Consellería para a creación de novos recursos. O Espazo Abalar vén sendo unha rapañota aleatoria e desordenada do que se pode pillar pola arañeira de internet.

Desprezo á lingua galega. O caso Abalar
O resultado final das aplicacións que no ámbito das ciencias nos ofrece Abalar vén clasificado segundo a lingua de cada recurso nesta táboa:



Ao lembarmos que o funesto decreto 79/2010 determinaba que todo o material de Coñecemento do Medio debía estar en galego e o de Matemática en castelán, podemos comprobar cal é a intención non declarada do abalar en materia de uso de linguas, pois se ben con este material só sería posible tratar en galego catro aspectos puntuais da área de Matemáticas, pola contra os 29 recursos de Coñecemento do Medio en castelán poden servir para cubrir todo o curso de 5º de primaria. Se xa sabíamos que o presunto equilibrio lingüístico cargaba  as súas pesas na lingua que ten todas as ventaxas de partida, o proceso de acoso e redución do galego é dunha ambición ilimitada. Neste caso é a Consellería de Educación, por medio do programa Abalar quen comete o abuso.
Por último, nos primeiros meses do ano a Secretaría Xeral de Innovación Tecnolóxica fixo unha convocatoria de premios para o profesorado que desenvolvese novos contidos dixitais. A convocatoria publicitouse como un aspecto máis do desenvolvemento do programa Abalar. Entre as condicións da convocatoria indicábase que os materiais presentados "deberán axustarse o decreto 79/20210, para o plurilingüismo". Dito que se entenda, que o que están a promover é que a innovación no ensino exclúa de raíz ao galego. Como se entende así que un Secretario de Política Lingüística se encha o papo cando aínda di que "a Xunta aposta polas tecnoloxías da lingua galega como obxectivo [de ataque] transversal do goberno". O que vai entre corchetes é una aclaración miña.

Abaneando o Abalar.
Pódese falar doutras características que certifican os abaneos que nos dan pistas de por onde escorrega o Proxecto Abalar:
  •  Entre os recursos de matemáticas de 1º da ESO hai catro capítulos dunha excelente serie que pode recomendarse a estudantes de cursos avanzados da carreira universitaria e tampouco aporta nada esencial ao profesorado deste nivel por tratar temas realmente especializados. A serie consta de nove capítulos, tampouco se sabe por que só aparecen catro.
  •  Tamén dentro do grupo de recursos de matemáticas de 1º da ESO están as 12 unidades didácticas do Proxecto EDAD na súa versión en castelán. Resulta que tamén existe a versión en galego e que nas oficinas do Abalar sábeno. Polo de agora non aparece ningunha. Debe ser cousa do equilibrio.
  • Entre os contidos Abalar de 1º da ESO temos dous paquetes de actividades de Física e Química, unha materia que non existe neste curso.
  • Todo o comentado ata o mento está referido ao Repositorio de Contidos do Espazo Abalar. Pero aínda nos quedan os Espazos para Familias, Profesores e Centros que fan que isto do Abalar sexa unha zaragallada na que se mestura o porco co marisco. Efectivamente, Abalar, lonxe de ser unha porta aberta ás novas tecnoloxías é un totum revolutum co que tamén se pode xestionar o correo do profesorado ou as ferramentas para as titorías (faltas, horario de titorías, ...). O realmente escandaloso deste asunto é que xa hai tempo que existe outra ferramenta, o Xade, coa que se organizan todas as tarefas administrativas dos centros. Polo tanto estes Espazos Abalar non fan outra cousa que duplicar un servizo xa existente. En definitiva, este desenvolvemento do Proxecto Abalar é un gasto completamente innecesario que ninguén demandou e que fica fóra de lugar pois confunde as orientacións didácticas coas administrativas. Probablemente o interese non declarado desta duplicación consista en que Abalar permite a exclusión do galego das tarefas administrativas. Non é o caso do Xade.

7 comentarios:

  1. Nunca daría imaxinado un comentario coma este.

    ResponderEliminar
  2. Engadín unha ligazón a este artigo en Redeiras, a rede social da Xunta que está en probas e só admite usuarios por invitación. Agora só estamos coordinadores Abalar e asesores SIEGA/Abalar. A ver que opina a xente por aló. No curso inicial comentei que os recursos de Matemáticas que aparecían eran un simple copy/paste doutras fontes: do Ministerio, dos antigos Contidos da Consellería,... e que moitos non teñen aplicación algunha nas aulas. Polo visto era eu o único que o pensaba.

    ResponderEliminar
  3. Entrei hai pouco nesa rede, supoño que na parte accesible a curiosos [http://centros.edu.xunta.es/redeiras/], tívome boa pinta.
    Penso que temos unha eiva enorme: non hai un grupo de persoas adicado a crear recursos propios, ou en polo menos, a traducir outros que se consideren interesantes. Claro que co funesto decreto de plurilingüismo a dirección está marcada no sentido contrario ao que se debería marchar. Non ten sentido que desde a Xunta se promova, por exemplo, a creación de recursos de matemáticas en castelán cando os hai a centos.
    E se teño tempo, intentarei darlle unha volta ao problema de artimético ese.

    ResponderEliminar
  4. Parabéns polo artigo.A decir verdade non hai recursos en ningunha das materias.
    Saúdos.Beni

    ResponderEliminar
  5. Grande traballo compañeiro. Demostra con claridade o grande retroceso da presenza do galego no ensino, e non só nos ámbitos "prohibidos". Algo semellante se pode constatar observando o estabelecemento dos libros de texto por materias. O decreto 79/2010 está a facer moito mal, máis aínda do esperado.

    ResponderEliminar
  6. Se che parece que o funesto decreto está a facer maís mal do esperado pode ser que sexa porque non se está a aplicar, senón que o que se aplica é a súa primeira versión, que aínda era peor. Fíxate que nos contidos do repositorio Abalar non se respecta o funesto decreto, parece que o que se pretende é, directamente, incentivar a exclusión do galego.
    E o peor é que todo isto pasa por ser de promoción e loa da lingua propia.

    ResponderEliminar