Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 13 de novembro de 2011

Comunicado de ProLingua ante a segunda edición dos “Premios da Cultura Galega”

Prolingua fixo público hoxe este comunicado:


A Consellería de Cultura vén de facer públicos os nomes das persoas e institucións galardoadas cos que, logo de lles cambiar o nome e suprimir a dotación económica, decidiu chamar Premios da Cultura Galega. É o segundo ano que o actual goberno da Xunta de Galicia convoca e reparte estes premios.
Paralelamente, lonxe de rectificar as prácticas destrutivas no ámbito cultural e lingüístico que puxo en marcha desde o inicio, tamén este ano vimos como o goberno de Núñez Feijoo recrudecía o acoso contra moitas das institucións que serven ao mandato legal e á obriga moral d e promover o idioma. Continúanse negando os recursos mínimos para contribuír á permanencia das editoras, do teatro, dos equipos de normalización, do sector audiovisual, dos xornais; de toda iniciativa, en suma, que faga da lingua galega un factor estratéxico na recuperación social e económica deste país.
É por iso que ProLingua comparte a alarma da sociedade ante as prácticas dun goberno que se disfraza outra vez de promotor cultural mentres leva a cabo a peor regresión que se recorda non só en materia lingüística, senón tamén e precisamente no ámbito da cultura. Desde a súa posición apartidaria e plural, a plataforma ProLingua fai un novo chamamento a cada unha das persoas premiadas para non abonaren coa súa presenza as agresións contra o dereito a vivir libre e plenamente no idioma galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario