Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 21 de novembro de 2011

Señor Alcalde de Ames, devolva o premio

Non hai tanto, cando Xosé M. Lema escribía un artigo tan acertado coma este, podíamolo ler todos no Xornal. Como agora non hai medios que publiquen estas cousas, tiven que andar á rapañota do  artigo ata que o atopei no blogue Recortes en Ames. Na foto o alcalde de Ames, premiado na edición deste ano dos Premios Lois Peña Novo, en recoñecemento ao traballo a prol da normalización dese concello. Ao final do artigo engado o vídeo do que fala Lema nun formato máis accesible.
Segundo o xa sinalado, velaquí o artigo Xosé M. Lema:
Chéganos a mala nova de que alcaldía de Ames (A Coruña), do PP, eliminou oServizo de Normalización Lingüística. Nos tempos que corren, que unha alcaldía deste partido dea un paso máis na destrución do milenario edificio da lingua galega, xa deixou de ser noticia, por desgraza. Pero o que nos molesta é a mentira e a hipocrisía,que leva pronunciar floridos discursos para conseguir aplausos para logo facerxustamente o contrario.
O 30 de xuño de 2011 asistiamos no castelo de Soutomaior á entrega dos Premios da Fundación Lois Peña Novo para institucións, colectivos e persoas individuais a prol da nosa lingua. O xurado desta XVII edición tivera a ben premiar á profesora de Dereito da USC Alba Nogueira, ó policía ourensán Xosé Rodríguez Cruz e ó Concello de Ames, a este “polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ó fomento douso do galego nun concello dunha poboación moi nova e na que existe unha porcentaxe nada desprezable de inmigrantes; (…) polo seu dinamismo na conformación de actividades culturais orientadas ós diversos estamentos que conforman a sociedade, o que fai que os usos lingüísticos se consoliden e sexan modelo para os demais concellos de Galicia”.
O mantedor do acto fora Xosé Antón Gómez Segade, catedrático da USC, que no seu brillante discurso avogaba por unha Galicia distinta “cando non importe a cor política do alcalde, cando todos teñan asumido o valor da lingua”. Felicitou ó alcalde anterior –verdadeiro artífice do premio- e ó novo, “porque estou seguro, Sr. alcalde de Ames, que, como dicía Aristóteles, mellor que ter unha boa lei é ser unha boa persoa, e boa persoa é saber onde se vive, e non se vive na Quinta Avenida, nin nos Champs Elisées…, vívese nun concello moi importante de Galicia. Que non se rompa ese labor, Sr. alcalde, porque [sabemos] que vai haber recortes, pero ó enfermo que está sendo asistido por un suero (sic), poderáselle quitar a televisión do cuarto, pero non o suero, e o galego é o suero da nosa vida”.
Algo debía desconfiar o orador do novo alcalde amiense, Santiago Amor, cando rematou o seu parlamento con estas palabras, palabras que, para maior sarcasmo,serviron para encabezar o discurso do rexedor (pódese ver enteiro en www.galeguizargalicia.tv – Entrega Premios Peña Novo, a partir do min. 38): “Profesor Segade: teño seguro que en Ames non lle imos quitar o suero a ese enfermo do que falaba” (rachador o home, para recibir a primeira salva de aplausos). “Recibimos o Premio Lois Peña Novo como acicate para seguir traballando polo galego e espallar o seu uso entre os veciños e as súas relacións coas administracións (…). Desde Ames seguiremos traballando nesta liña de protexer e favorecer o uso da lingua galega”. Así continuou, cunha cara de sinceridade a proba de detector de mentiras, e mesmo se permitiu rematar cunha cita de Ramón Piñeiro coa mesma cara de pau con que Feijoo bota man das mil primaveras de Cunqueiro (para todo menos para a lingua): «Para que unha colectividade humana teña categoría de pobo, que teña unha unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu. Un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, e nós temos o galego».
¡Y olé!, digámolo en castelán, máis axeitado para o momento. ¡Que ben se queda dicindo o que quere escoitar un auditorio, pero canta mentira hai por detrás! En catro meses de mandato este novo alcalde de Ames xa estaba deixando sen soro e sen sonda no seu concello aquel enfermo tan magoado. Verba volant!: xa se ve o que vale a palabra dun alcalde, e moi noviño por certo; ten futuro na política. Pero polo menos, Sr. Amor, xa que tivo o descaro de ir recoller un premio que non lle correspondía, polo menos teña a decencia de devolvelo ou entregarllo ós dous Fernández da oposición amiense (o anterior alcalde, do PSOE, e o ex -voceiro do BNG) que son os que verdadeiramente o merecen. O rexedor de Ames recibira o premio de mans do Fiscal Superior de Galicia e en presenza fiscal do Xefe Superior de Policía, tamén de Galicia. Pouco importa: a mentira política non é delito, que se saiba.



En relación ao caso, ler tamén esta mensaxe do blogue de Carlos Callón.

P.S.: o artigo finalmente apareceu nestes medios:
Galicia Hoxe
Sermos Galiza

Ningún comentario:

Publicar un comentario