por Montse González, no diario
El País:
As únicas linguas que non mudan son as mortas. A variación é característica esencial de calquera idioma. A uniformidade do rexistro estándar é resultado dun proceso complexo que non remata cunha variedade dialectal, que non é unha eiva, senón unha riqueza. E o galego non é excepción. Se algo o ameaza son as interferencias do castelán. O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei reforza con argumentos coma estes a réplica a preconceptos sobre o galego no ensaio Lingua galega e variación dialectal, que acaba de publicar Laiovento.
O libro reaviva algúns dos principais debates arredor das diferenzas internas que amosa o idioma. Unha, a que responde ao factor xeográfico, foi ás veces condenada como atraso e utilizada para negarlle ao galego o status de lingua, e noutras ocasións idealizada como fala natural oposta ao estándar. Sexa como for, a variación dialectal do galego non é tan elevado como de xeito intuitivo se considera. "No ámbito fonolóxico e fonético, por exemplo, as similitudes no sur de Francia son do 50%, e en Galicia, do 90", explica a profesora e directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez.Todas as linguas
varían. Tamén no tempo, segundo o contexto ou como reflexo da estratificación
social, da diversidade étnico-cultural ou das diferenzas de xénero ou idade,
sinala Sánchez Rei no libro. Non hai dous falantes iguais. Nin a variación se
atopa en perigo de extinción. "Hai trazos dialectais que avanzan e outros
retroceden, é normal. O estándar é convención, unha variante que se adopta como
forma culta, pero nin pretende nin pode acabar coa variación dialectal,
simplemente faina cambiar", indica Álvarez."Nos setenta o propio idioma
ía eliminando variación: en zonas onde concorrían formas como a rosaliana cantás
e a maioritaria cantades, aquela de xeito espontáneo ía desaparecendo",
engade o catedrático da Universidade de Santiago Francisco Fernández Rei, un
dos responsables do traballo de campo do Atlas Lingüístico Galego.As orixes da
variación son diversas. Do mesmo xeito, a preocupación dos poderes públicos por
crear un estándar que unificase a lingua e favorecese o Estado-nación, áchase
nos alicerces da uniformización. "As linguas que son só orais na
comunidade local, en sociedades tradicionais, teñen moita variación dialectal.
A pregunta que temos que facernos é a contraria: como se unifican as linguas?.
Na medida en que se modifican as condicións anteriores, a unificación
avanza", comenta o tamén profesor Henrique Monteagudo.A cuestión é que,
no galego, a posición dominante do castelán é fonte de deturpación. Ambas
confúndense, de xeito que o que son en realidade castelanismos acaban sendo
aceptados, a nivel popular, como trazos dialectais, converténdose nun obstáculo
para a calidade da lingua. "A presión do español provocou que levemos anos
a confundir variación dialectal con trazos alleos á nosa lingua, de maneira que
ás veces xustifícase calquera fenómeno por escoitármolo habitualmente na fala,
sen peneirar o propio do foráneo", salienta a profesora Goretti Sanmartín.O desacordo que se
mantén entre filólogos sobre a orixe da gheada exemplifica deste fenómeno. Para
uns é unha evolución do galego medieval. Para outros, interferencia do
castelán. Sánchez Rei decántase pola segunda hipótese e Monteagudo pola
primeira. A extensión xeográfica da gheada e do seseo, aclara Fernández Rei,
"é a mesma desde hai trinta anos. Na xente nova si que se aprecia un
intento de agachalo, porque aínda que forman parte da normativa, na práctica os
prexuízos contra a gheada, fenómeno xerado polo galego, seguen vixentes".Fernández Rei dá pistas, porén,
para non esaxerar o impacto do castelán. "Nas propostas da normativa
vixente houbo que escoller. No plural occidental -ns que é o
que usaron clásicos como Rosalía, Pondal ou Manuel Antonio; e tamén no pronome
basicamente occidental ti, que non só usaron escritores que o tiñan
no seu galego, senón támén Otero Pedrayo ou Cunqueiro, que preferiron a forma
diferencialista do castelán no canto da propia, que era tu".
Sánchez Rei advirte da ameaza que supoñen para o galego a substitución polo
español e o proceso de hibridación. "O principal problema está na
sintaxe", sostén."É grave a
deficiente colocación do pronome persoal átono, mesmo por eliminar as distintas
opcións existentes e confluír co español, a introdución de tempos compostos, de
maneira directa ou disimulada [a partir, por exemplo, da tradución de 'haber' a
'ter'] e, en xeral, na ruptura da sintaxe do galego que mesmo galegofalantes
poden non recoñecer ou traducen sistematicamente ao modelo español",
subliña Goretti Sanmartín. O problema está intrinsecamente relacionado coa
percepción social do estándar. "Dun xeito inconsciente, moita xente asume
que o galego é a lingua B e a o castelán a lingua A", cre o profesor
Freixeiro Mato.
Incorporarse
á 'neofala'
"Hai unha certa resistencia
ó estándar que eu vexo ata certo punto comprensible, porque un ten que estar
cómodo coa súa lingua. Nun contexto máis formal é o estándar o que se debe
usar. Pero o que non podemos é pedirlles aos falantes que estean nun permanente
acto de militancia", opina Rosario Álvarez. "Os castelanismos, para
algúns galegofalantes, poden ter unha afectividade que non ten o estándar e en
usos familiares non che é o mesmo queixarse de dolor que de
dor; e no galego oral hai castelanismos que o falante pode usar conscientemente
polo valor intensificador. É caso de adxectivos como bueno que
xente que sempre di bo ou bon pode usarse ese bueno para
indicar moi bo, excelente", amece Fernández Rei.Monteagudo propón reforzar
o galego culto na riqueza dialectal para ter menor "artificialidade".
"Recoñecermos como singulares o infinitivo flexionado ['É urxente lermos
literatura contemporánea'], da interpolación ['Fai o que che eu digo'], de
estruturas do chamado complemento directo preposicional ['Non andes a regalar
neles'], optar polos conectores propios do galego ['Ben', 'mais', 'porén') e
dedicármoslle esforzo a potenciar o seu uso son maneiras de nos diferenciar do
castelán e de reducir o perigo da confluencia que provoca innumerábeis
deturpacións", suxire Sanmartín."Os galegofalantes
tradicionais, os que falan o auténtico galego con fonética, fraseoloxía e
sintaxe galega, pero con castelanismos léxicos teñen baixa estima da súa fala e
ven nos neofalantes un modelo de bo galego. Mais benvidos sexan milleiros de
neofalantes, con cinco ou sete vogais e con erros de colocación de pronomes,
que esperemos vaian corrixindo", conclúe Fernández Rei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario