Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de novembro de 2011

Valentina Formoso: 'A nosa lingua está á espera de que a axudemos a librar de todo ese lastre negativo que lle foron colgando'

Xurxo Salgado entrevista a Valentina Formoso, coordinadora da CGENDL, para Galicia Confidencial:

Hai uns días foi reelixida presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENL) co principal obxectivo de dignificar o uso do galego e extender o seu uso dentro e fora dos centros de ensino. Asegura que o galego está "nunha situación delicada" e pide á sociedade civil que se mobilice na súa defensa. Sobre Galicia Bilingüe asegura que son "fabas contadas" nos centros.
Galicia Confidencial (GC).- Cales son os principais retos da CGENDL? Valentina Formoso (VF).- O principal reto neste momento é o de ilusionar aos equipos para seguir traballando nunhas situacións moi difíciles coma as que estamos a vivir. E esta ilusión ten que ir acompañada dun novo discurso arredor da promoción do galego, promoción ligada a unha imaxe en positivo da mesma que poidamos estender en todos os centros de ensino, e que poidamos tamén enviar ao resto da sociedade.
Ademais diso queremos manter a nosa pluralidade, algo que nos define. Tamén nos imos esforzar en seguirmos  sumando vontades e  en fomentar o traballo en equipo, para así superar o minifundismo propio deste noso país, minifundismo que tamén lle afecta tamén ao ámbito normalizador. Outros retos que temos pasan por adaptar o traballo normalizador dos equipos á nova etapa que se está a vivir nos centros e mais aos diferentes contextos existentes na sociedade.


GC.- Vostede volve presidir unha organización que ten moito prestixio no institutos. Precisamente unha das novidades é que pensan tamén actuar máis alá do campo docente, non?VF.- Os equipos sempre actuaron máis alá do campo docente, fóra das aulas. Os obxectivos normalizadores dos equipos estiveron centrados basicamente no alumnado, mais nos últimos anos, xa desde a época do bipartito, tentouse traballar sobre todo con profesorado e familias, é dicir, organizar actividades e actuacións para toda a comunidade educativa. Mais tamén vemos moi necesario saír do ámbito especificamente educativo para tentar influír noutros ámbitos cos que o alumnado e as familias están en contacto diario, como o deportivo, empresarial, sanitario...
GC.- Que opinión teñen os nenos e os pais do fomento do galego no ámbito educativo?VF.- Se te refires a como acollen o labor dos EDLG, teño que dicir que tanto o alumnado coma as familias adoitan agradecer e gustar moito de todas as actividades que se fan de fomento do galego nos centros de ensino, porque se lles está axudando a rapaces e rapazas a melloraren as súas competencias en lingua galega e noutras destrezas. Organízanse moitísimas actividades educativas destinadas a que o alumnado adquira destrezas que van desde mellorar a redacción ata aprender a presentar a un conferenciante. Foméntanse competencias pasivas con charlas, videoconferencias… pero moitísimas máis competencias activas mediante a participación en obras de teatro, na realización de revistas, en redactar entradas para os blogs, elaborando curtametraxes, dobrando filmes, organizando festivais… Son todas actividades voluntarias e en moitos centros implícase tamén ás familias que participan de todas ou de parte delas, aínda que só sexan observadoras.
GC.- E hai colaboración por parte dos docentes?VF.- Colaboración haina, voluntaria e desinteresada sempre,  traballando fóra de horario lectivo e roubándolle horas ao tempo de lecer, da familia, e moitas veces do sono. Con estas características obviamente a colaboración non pode ser moi numerosa, porque os membros dos equipos somos docentes de diferentes materias e a docencia xa require de por si un labor fóra do horario lectivo. Se a isto lle sumamos outros proxectos extra como poden ser os do EDLG, mellora de bibliotecas, etc. estamos falando dunha sobrecarga que non sempre se coñece nin se valora. A colaboración depende moito dos centros, dos proxectos, da consolidación do equipo, de moitas circunstancias. Hai casos excepcionais nas que todo un claustro unanimemente forma parte do EDLG, como ocorre, ou ocorreu ata o ano pasado, en centros que eu coñezo de preto: o CEIP de Asados (Rianxo) ou o de Aguiño (Ribeira). Claro que isto non é o habitual. O profesorado ten que estar en varias comisións, coordinacións, proxectos… É moi difícil que todos poidan estar en todo, polo que no EDLG tamén están só uns cantos, pero normalmente máis dos tres que marca a lei. O número de profesorado que forma o equipo é importante, pero é máis aínda a colaboración do resto do profesorado para implementar as medidas que se acorden no programación do equipo.
"GB son fabas contadas"
GC.- Preguntolle porque a presidenta de Galicia Bilingüe, precisamente, é mestra e asegura que moitos mestres apoian as teses da súa organización?VF.- En primeiro lugar, como “moitos” é un cuantificador subxectivo e non vai acompañado dunha porcentaxe non podemos saber cal é o dato que ela manexa. En segundo lugar, tampouco sabemos que significa exactamente “apoiar as teses da súa organización”… asinaron un manifesto deles? Fan publicidade das súas teses no ámbito educativo? Non dan as aulas en lingua galega se é que llelo manda a lei? Animan ao alumnado a non empregar o galego nas aulas que deberían facelo? Fanlle boicots aos equipos de normalización?
E por último, nós non temos esa percepción.  Claro que hai docentes que poden concordar co que Galicia Bilingüe predica para o ensino mais son, por sorte, fabas contadas nos centros. Eu podo dicirlle que no meu centro somos  60 docentes, 19 pertencen ao EDLG, outros 15 colaboran activamente co equipo en actividades puntuais, e todos os demais acollen sempre de bo grao as actividades que nós organizamos de promoción do galego.
GC.- E como é a súa actividade co goberno do PP?VF.- A actividade nos Equipos dos centros é moi dura neste momento. Nós somos unha asociación apartidaria, mais a nosa actividade depende das política lingüísticas que se deseñen e de como se implementen. Neste momento goberna este partido, que deseñou, aprobou e está aplicando un Decreto que supón un retroceso gravísimo no proceso normalizador da lingua galega. E a nosa actividade vese afectada por isto. Xa o dixo Rivas: o peor incendio que estamos a sufrir é o que leva por diante a esperanza (…) e temos un país queimado, os equipos están queimados e con pouca esperanza. Hai moitos e moitas docentes que levan 20 anos, e mesmo 30, loitando desde os centros para que o galego se fose normalizando, dando pasos moi amodiño e con moito esforzo. Agora  viron como de repente se arrasou con todo o traballo deixando a lingua e os docentes que a defendemos nunha situación case preconstitucional.  Desde os equipos defendemos algo que a administración que nos creou non defende, senón todo o contrario. A isto hai que engadirlle a falta de horas,  de apoios e de recursos que se nos negan para realizar o cometido para o que crearon os equipos. Desenvolvemos un traballo que pretenden silenciar e que, para que sexa eficaz,  precisa moitas máis horas que as establecidas no horario. Resumindo, é duro o traballo, pero nós non abandonamos, non llelo imos poñer tan fácil aos que queren borrar a nosa lingua do sistema educativo… e da sociedade.
GC.- En que momento actual está a nosa lingua?VF.- Está nun momento moi delicado. Á falta de uso e, o que é máis grave, de competencia por parte da xente moza das zonas urbanas e vilegas hai que engadirlle a imaxe negativa que toda a sociedade ten dela. Durante séculos foise forxando un imaxinario social arredor do galego que deixou na mente dos cidadáns a idea de que é unha lingua bruta, do rural, das clases sociais baixas, non válida para a modernidade, a tecnoloxía, inservible para o  mundo dos negocios ou para prosperar… Na últimas décadas estívose facendo un labor normalizador que foi mudando parte deste imaxinario. No momento actual non só reforzaron os prexuízos de hai séculos, senón que pretenden asentar algún novo: o galego como marca  ideolóxica… A nosa lingua está á espera de que a axudemos a librar de todo ese lastre negativo que lle foron colgando e que non a deixa erguer cabeza.
Os riscos do galegoGC.- E corre risco de desaparición?VF.- As linguas minorizadas sempre corren risco de desaparición se non se normalizan, ou se os seus proxectos normalizadores paran ou retroceden.  Cando as políticas lingüísticas dos gobernos non fan unha aposta seria, rigorosa e decidida pola normalización destas linguas o risco é grande, pero cando as políticas lingüísticas se deseñan xa con intención de eliminar as linguas que necesitan protección, xa non se fala de risco, fálase dunha morte segura. E a que se está a desenvolver neste momento cara á lingua galega pasa por lexislar en contra dela, por aldraxala, e por poñerlle unha pantalla á sociedade á que non se lle permite ver as intencións do que se está facendo. É gravísimo o Decreto que se aprobou, a imaxe da lingua que se está a transmitir desde os poderes públicos, o que está pasando co ensino dunha etapa tan sensible coma a de infantil, na que as familias teñen que cubrir unha enquisa sen saberen, na súa maioría, o que iso supón: o analfabetismo en galego dos cidadáns do futuro no momento máis importante para adquiriren a lingua.
GC.- Que é preciso facer para que isto non aconteza?VF.- Cómpre que actuemos desde a sociedade civil, desde os equipos e servizos de normalización, desde a base. E, no momento no que estamos… ilusionarnos e crer que é posible salvar o noso patrimonio máis prezado, a nosa lingua. Resistir os ataques, o cansazo e crer nas nosas posiblidades. Debemos  unir as nosas forzas para facelo, arrimar todos o ombreiro, unidos, vogando cara ao mesmo lado…cara a facerlle ver á sociedade a importancia e a necesidade da normalización da nosa lingua, un ben común que nos une.
A normalización da nosa lingua está en xogo e neste momento non avanza moito, mais desde a CGENDL vaise seguir traballando para que ese risco de desaparición estea cada vez máis lonxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario