Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de novembro de 2011

A pedagoxía: imprescindíbel para a normalización da lingua

por Manuel López Foxo, en Terra e Tempo:


Calquera nacionalista o ten claro: o galego é a nosa lingua, a que creou o noso pobo, e se desaparece o galego como lingua viva, desaparece Galiza como país, desaparecemos como realidade política, como nación con identidade propia e diferenciada na xeografía e na cultura universal. Mesmo hai persoas que sen seren nacionalistas teñen unha visión galeguista do país e saben que sen a lingua galega Galiza deixaría de ser Galiza, e por iso falan galego, e por iso defenden o noso idioma. As persoas que así pensamos e así actuamos, sexamos ou non nacionalistas, non nos vemos na nosa sociedade instalados noutra lingua que non sexa o galego. O noso idioma vai en nós e nutre a nosa emoción e o noso amor por Galiza, o noso pensamento político e o noso compromiso co país. Falamos galego porque si, porque é a nosa lingua e nese verbo vive e florece a nosa nación, porque o noso porvir como país pasa tamén polo porvir do idioma galego. Hai incluso entre nós milleiros de persoas que non son galegofalantes e que, non obstante, defenden con firmeza o noso idioma, mesmo manifestándose o 17 de maio a prol do galego e contra a política de Feijóo, porque teñen moi claro que o galego é a nosa lingua, aínda que non a usen de maneira habitual, aínda que se expresen sempre en castelán. A nosa sociedade é así de complexa e de contraditoria.


As persoas que amamos e defendemos o galego seguramente xa non precisamos moitos máis poemas nin arengas nin longos ensaios na defensa da nosa lingua. É unha lección que nos quedou para sempre. Mais se calquera de nós bota unha ollada na súa casa á súa biblioteca, estou seguro que atopará doadamente un bo número de libros dedicados á defensa do galego para ser lidos polas persoas que xa o defenden, libros que teñen como principal finalidade reafirmar ideoloxicamente no uso do galego aos que xa o amamos e o defendemos, ou criticar, con máis ou menos dureza, aos que atacan dun ou doutro xeito o idioma galego. O que está aínda practicamente sen facer -e non ignoramos o esforzo de figuras como o Pai Sarmiento,  Xoán Vicente Viqueira, Vicente Risco, Castelao ou Ben-Cho-Shey- é unha pedagoxía dirixida a seducir e convencer a aquelas persoas que viven na despreocupación polo uso do galego, a atraer para a causa do galego a todas esas persoas que non están instaladas no combate e na belixerancia contra o noso idioma, a esas persoas que se senten galegos e galegas, que falan galego simplemente porque é o que falaron sempre ou que non o falan porque nada do que puideron escoitar, ler ou estudar lles fixo ver a necesidade de utilizar o galego, e menos aínda a necesidade de pasar a seren activos defensores e defensoras da lingua galega. Para estas persoas é para quen hai que empezar urxentemente a escribir e a falar. Para estas persoas, que son maioría na nosa sociedade, si que hai que escribir textos de carácter pedagóxico e levar a cabo  campañas publicitarias dirixidas a espertar o orgullo de seren galegos e galegas e o seu interese pola lingua galega. E ese labor precisa de moita pedagoxía. Non abonda con posuír coñecementos en materia lingüística, firmeza nas ideas e pensamento patriótico. Non é suficiente o noso argumentario ideolóxico e xurídico. Non chega con elaborar dicionarios, gramáticas e manuais de galego. Non serven de nada os milleiros de cursos de galego impartidos por toda a nosa xeografía. Hai que atopar as palabras que acendan o interese e o amor polo idioma galego. É preciso que alguén faga xa unhas orientacións pedagóxicas para levar a cabo este inxente traballo. E, desde logo, ademais da necesidade dun marco legal e dunha acción política que favoreza e potencie o uso habitual da nosa lingua en todos os ámbitos, resultan imprescindíbeis campañas publicitarias nos medios de comunicación a prol do noso idioma, campañas potentes con referentes sociais de prestixio para a mocidade e para o conxunto da cidadanía. Se aínda é preciso anunciar o Cola Cao e a Coca Cola, como non vai ser necesario promover constantemente o uso do galego? Sen esas ferramentas non poderemos chegar nunca á maioría da sociedade galega, por moito que diga o Estatuto de Autonomía e a Lei de normalización lingüística, por moita lexislación que aprobemos e por moi activos e firmes defensores que todos e todas nós sexamos da nosa lingua. 

A quen vive na despreocupación polo noso idioma e mesmo polo futuro do noso país, lamentabelmente nunca poderemos chegar con textos legais ou con obras como o Sempre en Galiza, oConflito lingüístico e ideoloxía en Galiza,O galego e as leis ou Lingua galega. Normalidade e conflito, por citar só catro títulos de grande importancia no ensaio galego contemporáneo. É así, queiramos ou non. Incluso vou máis aló. Todas e todos sabemos que a poesía de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez tivo un gran impacto na sociedade galega anterior á guerra civil, como a tivo a obra poética de Celso Emilio Ferreiro e de Manuel María nos anos sesenta e setenta ou o teatro galego en diferentes épocas da nosa historia. Mais estou convencido de que a sociedade galega actual xa non a podemos gañar para a causa do idioma galego con poesía e teatro. Este é outro tempo e outra sociedade, que require outros instrumentos e outros métodos de traballo. Hoxe é posíbel que consigamos sensibilizar a máis mozos e mozas cun texto como Laboratorios sociais de normalización lingüística de Séchu Sende que coa Canción para cantar todos os días de Manuel María ou recitando Lingua proletaria do meu pobo... de Celso Emilio. Son da opinión de que a literatura galega perdeu xa definitivamente a funcionalidade social e mesmo política, patriótica, desalienadora, que tivo desde o século XIX. O novo contexto social e político que seguiu á ditadura, especialmente desde o inicio da década dos oitenta, modificou radicalmente a función da nosa literatura, e iso non quere dicir que a lectura dos nosos clásicos non siga a ser imprescindíbel nin quere dicir tampouco que non teñamos hoxe escritores e escritoras en lingua galega que seguen a facer literatura desde unha óptica de país e desde a nosa realidade. Claro que si, que Follas novas segue a ser unha obra fundamental e, por fortuna, segue habendo tamén autoras e autores preocupados por poñer a súa obra ao servizo da emancipación social e nacional. Mais dificilmente o discurso literario é xa un discurso eficaz para acadar ese moi lexítimo fin. Nin a literatura nin os cantautores mobilizan xa a nosa sociedade, por moi ben que se escriba e por moi ben que se cante. Ningún paraninfo se enche hoxe de universitarios para escoitar un recital poético-musical, aínda que sexamos moitas e moitos os que seguimos gozando coa voz de José Afonso, Lluís Llac ou Miro Casabella, cos versos de Rosalía ou coas cancións de Leo Ferré ou Luís Cilia.
Vivimos noutra sociedade. Até hai poucas décadas toda a xente que residía no rural falaba galego, novos e vellos, rapaces e rapazas. Non sabíamos sequera que o que falabamos era un idioma nin sabíamos tampouco da súa importancia cultural e do seu pasado esplendoroso, nin o sabíamos escribir nin tíñamos moitas posibilidades de ler en galego, mais falabámolo, nunha situación diglósica, certamente. O galego estaba vivo, a bravo, se se quere, pero con vida, tiña uso social. Agora a realidade é outra: produciuse unha fractura xeracional na transmisión oral da lingua. No medio rural falan galego os máis vellos, os que o aprenderon na casa, na súa nenez, pero moitas veces estas persoas galegofalantes utilizan o castelán para falar cos fillos ou cos netos. E entre as novas xeracións, entre os que teñen menos de vinte ou trinta anos, o seu uso retrocedeu alarmantemente nos últimos tempos.  A mocidade galega do rural cada vez fala menos o galego e cada vez son máis os mozos e as mozas que hoxe falan galego só por militancia co país e non porque sexa a lingua habitual entre os máis mozos. Cada vez son menos os nenos e as nenas que se relacionan en galego entre eles e cos pais. E se imos ás cidades, o panorama aínda é máis desalentador. E xa sei que entre unhas zonas e outras do país hai grandes diferenzas. E tamén sei que hai vilas e que hai cidades onde o galego resiste aínda moi ben. Mais esa marea de españolización da nosa sociedade é unha realidade que calquera pode comprobar con poñer só a orella. Segundo o último Mapa sociolingüístico de Galicia elaborado pola Real Academia Galega, o galego pasou de ser lingua habitual preferente do 68,8% da poboación en 1992 a selo só do 28% en 2004. E todo isto acontece nun período histórico no que temos Parlamento e Xunta de Galiza, no que nunca tantos libros se editaron en galego e no que o galego como materia de estudo está presente desde hai anos no ensino, e ben sei que é como unha materia máis, como unha lingua estranxeira. Mais aí está nas aulas como un idioma que hai que aprender. Non é que non se saiba, pois, que o galego é o idioma propio de Galiza ou que o galego é a lingua na que está escrita unha das literaturas máis importantes de Europa. Claro que as novas xeracións saben todo iso. Non é tampouco que a nosa mocidade e a sociedade galega en xeral teña unha actitude mental de oposición ao galego. Non, non se trata diso. Simplemente o que acontece é que a nosa sociedade non ten o galego na mente, non ten a nosa lingua como unha preocupación. 
Esta é a sociedade coa que necesariamente hai que traballar, na que hai que pensar, para a que tamén hai que escribir. Non podemos seguir a falar só para as persoas que xa estamos convencidas ou para combater a política dos Feijóos e dos Paco Vázquez contra o galego. Iso é necesario, imprescindíbel, mais non suficiente. O galego para ter futuro precisa da implicación activa da maioría social que hoxe vive na indiferenza pola lingua galega. E esa maioría hai que gañala con firmeza na defensa do noso idioma, pero tamén con moita paciencia, con pedagoxía, con intelixencia e con ferramentas de sensibilización social como as campañas publicitarias. Para conquistarmos o futuro da nosa lingua, o avance na utilización social do idioma, precisamos de manuais pedagóxicos que lle axuden á nosa sociedade a descubrir a importancia do galego e do seu uso. Non é este un labor que poida facer calquera entusiasta defensor do noso idioma, por moitos coñecementos académicos que posúa sobre a nosa lingua ou por moi militante que sexa no compromiso co galego. Necesitamos referentes sociais, instrumentos e métodos que resulten eficaces para concienciar a esa maioría social que non ten o galego como preocupación. Necesitamos moitos anuncios publicitarios como "Vivamos como galegos!". Necesitamos coñecer e admirar personalidades de nós como o políglota Fernando Pérez-Barreiro Nolla, que falaba dez idiomas e non deixou nunca de falar e defender publicamente a nosa lingua, aquí e en Londres. Precisamos igualmente dalgún Pep Guardiola galego, e dígoo eu, que non cambiaría nunca un só verso de Pero Meogo ou de Cunqueiro por un partido de fútbol no Camp Nou. Precisamos dunha televisión sen os Tonechos, sen personaxes que contribúan a asociar aínda máis o galego a un mundo que nada ten a ver cunha sociedade moderna. Precisamos que o nacionalismo organizado e entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística non dean un só paso atrás na loita polo idioma, mais necesitamos tamén traballar con toda a nosa intelixencia para que a cidadanía se apee desa idea tan estendida de que só falan galego os da aldea e os do Bloque. Precisamos que a sociedade galega en xeral comprenda que todos e todas temos que falar galego porque é o noso idioma, simplemente por iso, sexamos do Courel ou da Coruña, do Bloque ou de calquera outra opción política. Precisamos que todos os galegos e todas as galegas compartamos o aprecio pola lingua igual que compartimos a admiración pola praza de Fefiñáns, a beleza da Ribeira Sacra, un bo viño de Amandi ou o queixo de Arzúa. Precisamos, en fin, ir máis aló da base social do nacionalismo e precisamos atopar a pedagoxía que nos permita transmitir con eficacia a nosa idea sobre a importancia de sermos galegos e galegas en galego. Castelao, por exemplo, esforzouse sempre en ser moi pedagogo para sensibilizar á Galiza do seu tempo sobre a necesidade e o valor do noso idioma. Aí están como mostra as súas viñetas sobre a lingua (lembremos a do escolante andaluz: ¿Cuánto año tiene? -Non temos año ningún; temos unha ovella) ou aquel seu texto no que se pregunta como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria e no que el mesmo contesta que aínda é máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperábel, feita por todo un pobo. Con exemplos tan didácticos como este é como todos podemos aprender a valorar a lingua. E, desde logo, para conseguirmos máis apoio social para o galego cómpre eliminar do noso discurso todo aquilo que poida ser percibido por quen nos escoita como unha descualificación intelectual. O xeito de dicir as cousas tamén importa. A ninguén lle gusta que lle chamen ignorante ou colonizado. Aínda que moitas persoas sexan vítimas da colonización cultural que sufriu e segue a sufrir o noso país, non é con esas palabras coas que imos gañar para a causa do galego a esa maioría social que vive na despreocupación polo noso idioma. Ao fin e ao cabo ningunha sociedade despreza a súa lingua, a súa cultura e o seu país por vontade propia.
Todas e todos temos moito que aprender, aprender a explicarmos o problema da lingua, a sensibilizar sobre a importancia de utilizar o galego, a gañar para esta causa aos que hoxe van á praia de Samil ou de Riazor cando os demais estamos na praza da Quintana no combate pola lingua, aprendermos, en definitiva, a descubrirlles Galiza aos que a levan en si e non a atoparon aínda. Galiza somos nós:/ a xente e mais a fala./ ¡Si buscas a Galiza/ en ti tes que atopala! Non nos enganemos: non haberá un verdadeiro proceso de restauración social do idioma galego mentres non logremos incorporar á nosa lingua aos milleiros de fillos ou netos de galegofalantes que se criaron escoitando o galego que falou sempre a nosa xente, que incluso teñen un bo coñecemento académico do noso idioma, mesmo vontade de falalo, e que non obstante non o falan habitualmente ou nunca. O primeiro paso debería ser conseguirmos que todas esas novas xeracións teñan preferentemente o galego como lingua de uso no ámbito familiar, no traballo e nas relacións sociais. É necesario e é posíbel. O porvir do galego pasa necesariamente por incrementar o seu uso entre os que hoxe o poden falar e non o falan. É preciso que eses mozos e esas mozas saiban que deles e delas depende que o galego siga sendo unha lingua viva, como o é o portugués, o castelán, o sueco ou o danés. Da nosa mocidade, en definitiva, depende que o galego sexa tamén o idioma no que se escriba o futuro da nación galega. E para acadarmos a súa implicación activa neste proceso é imprescindíbel a pedagoxía. Sen pedagoxía non gañaremos nunca a batalla social polo noso idioma.

2 comentarios:

  1. Velaí o problema, hoxe en día non hai quen poida levar a cabo ese arduo labor.

    ResponderEliminar
  2. Haber, hai. Pero a esa xente estáselle tratando a paus. Velaí o funesto decreto de plurilingüismo, ou os discursos de negación da identidade e secundarización do galego.

    ResponderEliminar