Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 5 de novembro de 2011

Engano, falsidade, cinismo

A proposta de celebrar o Día da Ciencia en Galego foi realizada por Manuel Díaz Regueiro, presidente de AGAPEMA o 18 de xuño do 2010 no Encontro do profesorado contra a prohibición de impartir as clases en galego. Organizado pola CIG-ensino e celebrado no Museo do Pobo Galego, nese encontro o profesorado reafirmouse na súa vontade de continuar a dar as clases en galego. Éste mesmo foi o sentido co que naceu o Día da Ciencia en Galego. Polo tanto a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) engana cando afirma que esta celebración:
 pretende poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na lingua propia de Galicia
Pois todo o sentido que ten este Día é o de denunciar a prohibición de impartir aulas en galego promovida por esa propia Secretaría Xeral nun afán de redución do seu uso especialmente no ámbito do ensino das ciencias. Que a SXPL se apunte  a esta festa vén sendo como que un bispo se apunte públicamente a unha orxía.
Sabendo que o obxectivo fundamental dos actos desenvolvidos o 4 de novembro é a retirada do funesto decreto de plurilingüismo que ataca o uso do galego en matemáticas, física e química e tecnoloxía, podemos comprobar a falsidade da SXPL cando pretende redefinir este obxectivo :
A investigación científica e a súa divulgación, incluída tamén a das humanidades, son piares básicos para o progreso da sociedade. 
Tendo en conta que a política lingüística aplicada polo organismo dirixido por Anxo Lorenzo ten como marca a  procura da exclusión da lingua galega das aulas de ciencias podemos comprobar como a que niveis chega o cinismo da SXPL:
A lingua galega debe incorporarse naturalmente, e con plena validez, como vehículo para a transmisión social deses avances no coñecemento nas diferentes áreas.
Para o que non teña costume de ler as notas da SXPL, cómpre que se decate do detalle de que se di "nas diferentes áreas" e non "en todas as áreas". Isto é: exclúen o galego pero aparentan promovelo.
Teñamos en conta que se fose certo que a Consellería de Educación ou a SXPL quixeran realmente apuntarse á celebración do Día da Ciencia en Galego, ben podían ter enviado un e-mail ao profesorado unha invitación neste sentido, ben podían haber difundido as actividades desde Día no seu boletín, na súa páxina web, na da SXPL, ou ben puideron  organizar actividades. Nada diso fixeron. Isto dáme que sospeitar que o que sucede é que o Día da Ciencia en Galego está a ter éxito, e que cunha nota de prensa preténdese frear o que, afortunadamente, é unha bóla que crece cada día máis: o compromiso diario do profesorado de todas as áreas no ensino en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario