Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da UdC, reflexiona desde
Sermos Galiza sobre os medios en galego no transcurso da nosa historia:
A azarosa historia da nosa nación fíxonos chegar tarde a moitos eventos importantes do acontecer humana, nomeadamente aqueles relacionados coa letra impresa na nosa lingua. Foi precisamente o feito de unha lingua se incorporar máis cedo ou máis tarde á escrita un dos criterios secularmente utilizados para medir a súa importancia, pois sempre se valorizou a escrita como elemento de prestixio que mesmo servía para a división preconceptuosa entre linguas, as que se escribían, e dialectos, que non tiñan manifestación escrita. Aliás, a ausencia da letra impresa foi un fenómeno xeral a todas as linguas durante moito tempo; e algúns dos hoxe considerados idiomas importantes non se escribiron até hai ben pouco. O galego cóntase, felizmente, entre os primeiros romances que se incorporou á escrita, e con innegábel suceso, na época medieval, o cal lle outorgou un grande prestixio naquela altura, chegando a se converter en lingua lírica peninsular. No entanto, nos séculos escuros perdeu esa condición de lingua escrita e con ela o prestixio de que antes gozara e que até agora aínda non deu recuperado totalmente. Eis o poder taumatúrxico da escrita!
Cando no século XVIII dous dos máis importantes intelectuais da península ibérica, o Padre Feixoo e o Padre Sarmiento, saíron en defensa da lingua galega, na altura socialmente vituperada como unha forma corrupta do castelán, coa intención de lle devolveren o prestixio perdido, tiveron de se enfrontar co argumento esgrimido polos seus adversarios de o galego non posuír na altura manifestación escrita e, por tanto, non ser unha verdadeira lingua. Aínda a meados do século XIX Xoán Manuel Pintos escribía n’ A Gaita Gallega: «Si non se imprime en Galicia/ un triste libro en gallego/ e catro farafulliñas/ se gaban de non sabelo…». Alén das Proezas de Galicia de Fernández Neira, de 1810, e doutras follas impresas en forma de diálogo propagandístico na primeira metade do XIX, será a obra de Pintos en 1853 e logo os Cantares gallegos de Rosalía de Castro en 1863 as que incorporen a lingua galega ao libro impreso cando xa as linguas próximas levaban séculos con obras tiradas do prelo. Moito antes, entre os finais do século XV e os primordios do XVI, apareceran as primeiras gramáticas dalgunhas linguas romances, mais até 1864 non se publica a que pasa por ser a primeira gramática do galego, a de Mirás, embora a realmente merecente de tal nome sexa a de Saco Arce de 1868. Tamén este criterio de posuír ou non unha gramática foi preconceptuosamente utilizado para distinguir entre linguas e dialectos.Por outra parte, as publicacións periódicas posúen igualmente unha grande carga simbólica como mostras de prestixio e normalidade dunha lingua e dunha cultura determinadas. Neste caso a súa aparición foi máis serodia con relación ao libro, de modo que o primeiro periódico en español aparece na segunda metade do século XVIII -Diario Noticioso de Madrid (1758). Na Galiza será en 1800 cando se publique o primeiro xornal co título de El Catón Compostelano, tamén na mesma lingua, como a seguir o Diario de Santiago (1808), El Diario de La Coruña (1808-1815) etc., todos eles creados, como nos di Margarita Ledo Andión, para estimular e favorecer os intercambios comerciais da burguesía e logo convertidos en voceiros dos seus intereses políticos. Teremos de agardar até 1876 para vermos a primeira publicación periódica de certa relevancia integramente en galego, O Tío Marcos da Portela, de Ourense, que vai pasar por diversas etapas, embora xa en 1860 os irmáns De la Iglesia tiraran do prelo na Coruña cinco números d’ O Vello do Picro Sagro na nosa lingua; logo virán O Galiciano (1884) e A Tía Catuxa (1886) en Pontevedra, A Monteirade Lugo en 1889 etc. Mais tamén en 1885 Ramón Armada Teixeiro e Manuel Lugrís Freire promoven a publicación mensual unilingüe A Gaita Gallega na Habana, a miles de quilómetros da Galiza. E máis publicacións en galego irán aparecendo na Galiza emigrante, alén doutras moitas bilingües. Como dato marxinal, mais significativo, tamén se debe acrecentar que na propia Habana se creou en 1905 a Sociedade Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega por iniciativa do ferrolán Xosé Fontenla Leal, que utilizaba habitualmente a lingua galega na súa documentación interna (libros de actas etc.), como nos di Neira Vilas no seu libro A lingua galega en Cuba -curiosamente a RAG non o fará até ao ano 1963, segundo consta na correspondencia de Carvalho Calero con Del Riego.É ben certo que, como tamén nos di Margarita Ledo, en moitas das publicacións periódicas decimonónicas, embora redixidas en castelán, latexaban un sentimento galeguista e un compromiso coa defensa dos intereses galegos que contrastan grandemente co que está a acontecer na imprensa actual. Son significativos a este respecto títulos como El Idólatra de Galicia (1841), La Situación de Galicia (1842), El Emancipador Gallego (s. d.), El Clamor de Galicia (1855), El Defensor de Galicia (1856), El Fomento de Galicia (1858), Galicia. Revista Universal de este Reino (1860), La Nueva Galicia (1863), El Correo de Galicia (1865), El Pensamiento de Galicia (1865), El Amigo de Galicia (1866), La Defensa de Galicia (1893),Autonomía de Galicia (1894), Lealtad Gallega (1895), Mi Tierra (1897) etc. etc. En 1856 sae en Vigo o xornal La Oliva co declarado propósito de ter a Galiza como ‘obxecto preferente’ do seu traballo e de secundarizar as cuestións da corte madrileña porque «Galicia fue olvidada hasta de sus propios hijos», porque «Galicia como Irlanda no fue más que un país de conquista para ciertas gentes» e «porque Galicia no puede aprovechar su pesca por estarle proibido el uso de la sal». Tamén en Vigo nace no ano 1872 o xornal La Concordia, que a pesar de ser lanzado pola Liga de Defensores de Vigo, leva por lema «Todo por Galicia, todo para Galicia»; en 1924 é substituído por El Pueblo Gallego, onde colaboraron destacados escritores como Rafael Dieste.Este xornal tivo de competir até 1926 con Galicia, fundado en Vigo en 1922 e dirixido nun primeiro momento por Felipe Lavandeira e despois por Valentín Paz Andrade, contando como principais colaboradores con Castelao, Vilar Ponte, Losada Diéguez, Peña Novo ou Blanco Torres, alén de Otero Pedrayo, Núñez Búa, Otero Espasandín, Cuevillas etc. É ilustrativo que no dicionario de publicacións periódicas editado por Galaxia so a coordinación de Dolores Vilavedra figuren até trece cabeceiras de aquén e de alén mar co título de Galicia, sen máis, ademais doutras adxectivadas como Galicia Católica, Galicia Cómica, Galicia Diplomática, Galicia Emigrante, Galicia Ilustrada, Galicia Internacional, Galicia Literaria,Galicia Gráfica, Galicia Libre, Galicia Humorística, Galicia Moderna, Galicia Moza, Galicia Nueva, Galicia Social, Galicia Solidaria, Galicia Viva etc., a maioría bilingües con predominio do español, e as que acudiron á forma histórica Galiza, monolingües ou con predominio do galego, a que a seguir nos referiremos. Aínda en proxectos xornalísticos do último cuartel do século XX se barallaba o nome do país para lles dar título. Afirma ao respecto Valentín Paz Andrade nunha carta a Neira Vilas, de 3/9/1977: «Estou xa de primeiras implicado no proieuto posto en andamento por Díaz Pardo pra lanzar un novo xornal en Galiza. Levaría éste nome, en lembranza do que eu dirixín do brazo de Castelao. Estamos ainda nos primeiros pasos d-unha empresa que exixe un esforzo e un clima dificilmente conqueribles pol-a vontade do grupo fundador». Palabras ben reveladoras da dificultade de pór en funcionamento un xornal en papel e da necesidade da implicación colectiva.Aliás, Paz Andrade utiliza nesta carta e nas demais que figuran no libro Cartas de vellos amigos 1959-1998, de Neira Vilas, a forma Galiza, igual que varios dos escritores que mantiveron correspondencia co autor das Memorias dun neno labrego, como Avilés de Taramancos ou Leandro Carré, entre outros, e como fixeron Castelao, Otero e Carvalho Calero, ou como aínda fai Isaac Díaz Pardo na actualidade. Non é, pois, Galiza unha forma espuria que deba repugnar ás persoas galeguistas, independentemente de que a utilicen ou non. Máis ben o contrario, pois ten toda a lexitimidade histórica e filolóxica, ben como o respaldo legal da RAG desde a última revisión normativa de 2003. A esta denominación acudiron os promotores de Galiza, de Mondoñedo, posibelmente Francisco Fernández del Riego coa colaboración de Álvaro Cunqueiro e doutros, para unha publicación fresca, moderna e comprometida co país, en cuxo editorial do nº 3 (co título de «Nós», de 25/07/1932) podemos ler: «Todal-as nosas intenciós nascen d-eiqui: Romper co dereito ao suicidio que se lle quer pór coma distintivo á nosa terra, inzala na sua máisima valorazón posivel pr-ela e pra Humanidade, servir con isto a pulcritude i-a decenza da nosa vida toda».Nova Galiza foi o título da revista galega máis destacada dos anos da guerra civil, co subtítulo de «Boletín quincenal dos escritores galegos antifeixistas», editada en Barcelona baixo a responsabilidade directa de Castelao e Dieste maioritariamente en galego, demostrando que mesmo en estado de guerra se poden ter medios escritos en galego cando hai vontade e decisión de o facer; e cando se quere manter a dignidade e combater a mentira dos poderes manipuladores, como se di nas palabras introdutorias do primeiro número, de 5/4/1937: «Xuntar a voz dos galegos antifeixistas que traballamos pol-a liberdade na Hespaña xa redimida, coa dos nosos hirmáns de fala e de nacencia que vivindo en América non foron ainda trabucados pol-a distancia e pol-o influxo dos que minten en grande escala; dicir con eles a verdade e defender a dignidade: velhaí, en poucas verbas, as miras conque nace este pequeno boletín». Outra cabeceira co título de Nova Galiza e o subtítulo de «Revista de política e cultura» aparecerá en 1978 co impulso do PCG e un consello de redacción en que figuran, entre outros, Pedro Arias, Carlos Barros, Miguel Cancio, Ramón Máiz ou Emilio Pérez Touriño, embora só haxa constancia da saída dun único número, enteiramente en galego; con anterioridade publicárase en París Nova Galicia como voceiro do PCG, que en 1974 ía polo número 26, nomeadamente en español mais con bastantes textos en galego. Por seu turno, A Nosa Galiza foi tamén o título dunha publicación monolingüe da asociación homónima de Xenebra, que apareceu en 1973 e aínda se publicaba en 1990. E deixamos de lado xa a cabeceira histórica do galeguismo e do nacionalismo, A Nosa Terra nas súas sucesivas etapas, cuxa traxectoria chegou até aos nosos días facendo uso exclusivo da lingua galega e predominante da forma Galiza, a pór sempre esta no seu foco informativo e de análise. Todas estas cabeceiras -Galiza, Galicia e expresións sinónimas ou equivalentes- veñen a ser máis unha mostra, a pesar de todo, de que a Galiza existe e resiste.Houbo desde o século XIX, como se acaba de ver moito sucintamente, unha pugna constante por crear e manter publicacións periódicas comprometidas na defensa da Galiza e, cando posíbel, tamén en lingua galega, coas consabidas interrupcións nun percurso histórico cheo de impedimentos e dificultades. Nin as guerras nin as ditaduras militares conseguiron reprimir totalmente estas tentativas, pois sempre houbo persoas dispostas ao esforzo e sacrificio persoal por atinxiren e preservaren para a nosa lingua o prestixio derivado da súa utilización na escrita. Porén, hoxe, en democracia, con estatuto de oficialidade e con miles de persoas a cobraren do erario público por faceren uso del, o galego corre serio risco de desaparecer das publicacións periódicias en papel perante a ollada compracente e cómplice dun Goberno galego obrigado por lei a protexer e potenciar o seu uso tamén neste ámbito.Ben sabemos que na actualidade xurdiron novas formas de comunicación ao abeiro do desenvolvemento das tecnoloxías da información e que o galego, felizmente, vai ocupando na internet un espazo tamén imprescindíbel para a súa sobrevivencia. Mais non por iso pode renunciar á súa presenza na letra impresa en papel, pois alén de esta conservar aquela función taumatúrxica de que se falou ao inicio destas liñas, aínda hai moitas persoas que non acceden á rede e que acoden aos medios tradicionais para se informaren e conformaren a súa opinión. Con certeza, a rede ofrece moitas posibilidades que deben ser aproveitadas polo galego, pois tamén os medios en formato dixital son moito máis asequíbeis economicamente e conectan mellor coa xente nova, de vital importancia para a manutención do noso idioma. Benvidas sexan, por conseguinte, todas cantas iniciativas contribúan para o incremento da presenza do galego e da Galiza na información difundida polas novas canles virtuais.Mais a nosa nación e o noso idioma non se poden permitir o feito de ficaren excluídos das publicacións periódicas en papel. Nin a memoria dos nosos devanceiros, que tanto loitaron en circunstancias ben máis adversas por ese obxectivo, o merece. Na situación actual, tamén difícil por motivos económicos e de control político-ideolóxico, un proxecto sólido e solvente de medios de comunicación, tamén escrita, en galego e co seu foco no país só pode ser posíbel se o sentimos como tarefa e compromiso colectivo e, por consecuencia, se todas as persoas conscientes da súa necesidade colaboramos con el na medida das nosas posibilidades. Só así podemos manter a esperanza de continuar a sermos Galiza, unha vella nación europea con vontade de permanencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario