por Susana Méndez, no Sermos Galiza:
Houbo, ao meu modo de ver, dous factores fundamentais que influíron no xeito en que se transmitían a nosa cultura e a nosa lingua. Son factores non exclusivamente galegos, de mediados do século XX, e se nos paramos a pensalo teñen moito a ver cos inicios da “globalización”.
En primeiro lugar, o éxodo masivo que se produciu nos anos 60 do século pasado do campo á cidade. Non foi algo que afectara exclusivamente a Galiza, e seguramente non foi Galiza o territorio onde se produciu dun xeito máis acentuado. Mais o feito de que moitas persoas que vivían no rural, nas aldeas galegas, decidiran emprender a marcha cara un hábitat urbano, poboando as zonas periurbanas das, na altura, vilas medianas e incipientes cidades, influíu en grande medida nas formas de vida, e rompeu dalgún xeito o continuum transmisor de moitos aspectos da nosa cultura. Xa o cantaban os Diplomáticos nos anos 90: “os vellos deixaron a aldea por ver de armar a súa vida, e viven en barrios de cemento: o ensanche”. Moitas das tarefas que se abordaban no rural cun grande simbolismo ao redor, moitas das formas de vida que alí se practicaban, na cidade non tiñan cabida, ou non foron adaptables a un entorno diferente, no que, para empezar, a veciñanza era xente descoñecida e a distribución horaria era máis ríxida e moi diferente da que se vivía na aldea. E así (os propios Diplomáticos recólleno na canción: “xa nin nome tés”) perdéronse polo camiño moitas tradicións, costumes, usos e moita lingua, tamén.
Despois chegou a televisión. Ese “grande” invento alienador de masas. Quen quere opio tendo o televexo? Xa anteriormente a radio empezou un efecto de difusión e expansión de ideas, costumes e informacións foráneas. Non é que recibir información sexa mala cousa, non. Mais a introdución masiva de diversidade de datos, de formas de facer e dicir, sen que existan medios e gobernos que fomenten a autoestima e poñan en valor as estruturas culturais e sociais propias, axudan a cambialas polas alleas dun xeito máis sinxelo e rápido. E a televisión acentuou esta mudanza a medida que estendeu o seu uso. Para qué imos xuntarnos ao redor do lume nas noites de inverno, cantando, tocando, contando contos de aparecidos… podendo facelo ao redor dun aparato que nos dá todo feito e cóntanos cousas de fóra que non coñecemos e que nos resultan curiosas cando non asombrosas? E velaquí que se consolidou a ruptura do continuum transmisor.
O influxo da televisión chegou tamén ás aldeas , completando a grave situación da sucesión e da herdanza cultural. Primeiro, co éxodo, nas aldeas quedaron moitas persoas que non tiñan a quen transmitir. E coa chegada do aparello máxico, a pouca transmisión que quedaba foise perdendo entre telenovelas, programas musicais (de copla, pasodoble y olé) e demais oferta lúdico-alienante.
Hai uns días participei nun acto convocado pola Asemblea de Mulleres dos Comités, co gallo do Día das Mulleres, no que tiven o pracer de escoitar unhas mozas, de nome Irimia Cantareiras, que me deixaron asombrada. Polas voces, polos xeitos, pola fidelidade á tradición, mais, sobre todo, pola mensaxe. Entre outras cousas, contaron alí estas mozas a historia dunha das cantigas que botaron, recollida a unha señora da que alguén lles indicara que cantaba, mais que por moitas veces que foron falar con ela, non houbo xeito. A filla da señora tamén lles dicía que a súa nai nunca cantara. Mais a base de porfiar conseguiron un día que a señora entoara cantigas que escoitara e compartira nos seus tempos mozos, e a súa filla ficou certamente sorprendida, posto que nunca lle sentira cantar nada. A transmisión perdérase, as cantigas (e quen sabe cantas outras cousas) quedaran gardadas nun recuncho da memoria desa señora sen que chegara a transmitilas nin sequera á súa propia filla. Afortunadamente, hai persoas como as mozas de Irimia Cantareiras que consegue, con moito esforzo e paciencia, recuperar esas xoias durmidas na memoria da xente, mais cantas outras se van perdendo con cada vell@ que morre.
Precisamente sobre a transmisión falouse tamén en días recentes nun interesante coloquio arredor do “imaxinario atlántico” no marco do Festival Internacional da Narración Oral, no que participaron Xabier P. Docampo, Paula Carballeira e Antonio Reigosa. A contadora explicou alí como na súa familia nunca lle transmitiran contos, senón que foi ela, coa súa curiosidade sobre o tema, a que foi recollendo historias, e como cando lle relatou algún deses contos á súa nai, esta comentoulle que xa o coñecía. É dicir, que tiña na súa cabeza lembranzas de narracións orais que non transmitiu. Durante este coloquio, Antonio Reigosa, investigador e divulgador etnográfico, denominou a esa xeración que deixou de transmitir, a Xeración Muda, nome que resulta acaído posto que estamos a falar dunha rotura na transmisión que afectou a todos os aspectos da nosa cultura: costumes, tradicións, cantigas, contos, oficios… e tamén á lingua.
O que hoxe vivimos, a grande perda de falantes de galego, sobre todo entre as persoas máis novas, é un resultado daquela xeración muda. Porque, para desgraza da nosa lingua, a transmisión non se recuperou, senón que segue a se perder. Aqueles dous factores dos que falaba no principio deste artigo, foron ampliados cualitativa e cuantitativamente. Hoxendía, coa situación de crise que se vive, e coas nefastas medidas que se aplican seica para saírmos dela, vivimos outro éxodo, neste caso de xente moza, moita xente moza, que marcha da Galiza. Vivimos un cada vez maior despoboamento do rural por non poñer o goberno en valor as súas virtudes, e por non crer nos nosos sectores produtivos e pular por eles. Vivimos unha invasión de tecnoloxías da información (ou da desinformación, segundo se mire) que fan que recibamos datos inxentes que non somos quen de analizarmos, de dixerirmos, e de adaptarmos á nosa forma de vida. Televisión, radio, prensa, mais tamén internet, teléfonos móbiles, videoxogos… Vivimos unha ofensiva clara dun goberno galego contra as súas propias cultura e lingua.Todo xoga á contra da transmisión do noso.
Cómpre que esa xeración bote un berro e empece a transmitir, para non perder a inmensa riqueza que posuímos. Cómpre facer falar á xeración muda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario