Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 6 de marzo de 2013

Sentido da medida

por Suso de Toro en Praza Pública:


Cando comecei a publicar, van alá uns anos, fíxeno coa conciencia de que a cultura galega sobrevivía nun limbo administrado por institucións e que a tarefa era achegar as creacións a sociedade a través dunha industria cultural ( Supoño que esas ideas son hoxe máis aceptadas, porén daquela comprobei o que xa intuía, que eran a peor carta de presentación dun autor). Así e todo nestas décadas pasadas as cousas foron cambiando e hoxe a cultura galega son dúcias de actores e actrices, de artistas e técnicos do audiovisual, pintores e ilustradores, escritores de libro ou para a cena teatral, pensadores, editores e, desde logo, xeracións de científicos. A cultura galega ten hoxe unha dimensión como nunca, abolutamente nunca, tivo antes desde a Idade Media.

Outra cousa é o fracaso do país nos distintos ámbitos, tamén neste eido. O estar gobernados por unha forza política inimiga da nosa cultura e da Galiza como país e a sinistra alianza entre o poder político e os medios de comunicación conseguiu que a creación artística e cultural galega non chegase como debera á sociedade. Penso no caso dos escritores en lingua galega, nunca houbo tantos escritores e escritoras con diversos estilos e personalidades literarias e, sen embargo, non chegan a existir entre os lectores como deberan. Os últimos escritores asentados no público chegaron na década dos oitenta e aínda así habería moito que contar acerca de como deron chegado ao público, mais as oportunidades que tiveron no seu momento xa non puideron ser disfrutadas polos que chegaron despois. O poder político e os medios de comunicación galegos trataron e tratan miserabelmente os nosos creadores, ocultándollos á sociedade, raleándolle aquilo ao que teñen dereito tanto eles como o país.
Hai uns días os creadores culturais protagonizaron unha protesta ante o Presidente da Xunta, o conselleiro e demais autoridades, denunciaban a súa situación: están condenados á extinción, non poderán seguir a vivir do seu traballo. E non é esaxeración. Algo tan importante, e tan dramático para estas persoas, ficou inmediatamente sepultado polo conflicto aberto na Real Academia Galega que se estendeu a outras institucións, os medios de comunicación galegos unha outra vez transmiten á sociedade a idea de que a cultura son as institucións e, por riba, estas aparecen agora en grave crise. Non nos importaría tanto o conflicto e só o contemplariamos con curiosidade se non fose precisamente porque tapa o problema dramático da nosa cultura, aos problemas reais hai que lle sumar agora ese enredo. É por isto polo que os meus amigos e inimigos nesa institución terán de me desculpar se me entrometo nos seus asuntos, pois sendo a RAG un clube de particulares o feito de estar financiada con diñeiro público e o estar recoñecida institucionalmente mercé á Lei de Normalización Lingüistica fan que eses seus asuntos sexan públicos.
O conflicto ten diversos ángulos, como mostran as acusacións e reproches mutuos, mais converxen arredor da figura de Xosé Luis Méndez Ferrín e non se comprenderá nada do que aí acontece se non se fai un mínimo repaso histórico. A presidencia de Méndez Ferrín na Academia é inseparábel da súa propia historia persoal e dos conflictos desencadeados no galeguismo, na política e na cultura, desde o principio dos anos sesenta. É imposíbel relatar a crónica da literatura galega recente omitindo as relacións entre Ramón Piñeiro con Rodríguez Mourullo, Ferrín, Carlos Casares... E o mesmo repaso histórico habería que facer tanto coa RAG como coa institucionalización da lingua conformada por unha escola lingüística ou outra. A RAG, que sobrevivira no franquismo como unha institución obsoleta e inofensiva para o Réxime foi recuperada pouco e pouco para o galeguismo polos membros do grupo Galaxia que a ocuparon e como tal foi administrada baixo a presidencia de García-Sabell. As leas sectarias son características dun mundo cultural infantilizado e encerrado en si, iso é o que caracterizou a esa época. En varias ocasións preguntei a académicos conspicuos da liña de Piñeiro pola pretensión de Ferrín de ser académico, era un escritor instituído e consagrado que aportara cousa novidosas á nosa literatura e manifestara a súa demanda, non había razón lexítima ningunha para negarllo. As razóns dadas eran ambiguas e non se inspiraban noutra cousa que non fose a política de faccións, había que defender a posición fronte ao inimigo asaltante ou cunha explícita sentenza da guerra trincheiras, “posición que se abandona ocúpaa o inimigo”. Unha dialéctica de guerra civil.
Foron pasando os anos para todos e o grupo de Galaxia foise esvaecendo por causas naturais, Ferrín entrou na Academia finalmente e mesmo chegou a presidila cos votos de entre eles. Visto con perspectiva pode ser visto como unha revancha persoal ou, sequera, como un curioso paradoxo; en calquera caso foi algo lexítimo que estableceu unha situación normal. Inevitábelmente as olladas da xente interesada nesas cousas e dos medios de comunicación virou cara alí, “era unha boa elección?”. Particularmente coidei e así o dixen cando mo preguntaron que non tiña un perfil axeitado para ese papel, un presidente dunha academia debera ser unha persoa ou serena e petrucial ou dialogante para concitar unidade interna e que tivese un recoñecemento do conxunto da sociedade. Simplemente ninguén val para todas as cousas e Ferrín tiña unha figura con moitas aristas e moitos pasos andados, e case todos marcados polo enfrentamento de posturas e non polo achegamento. Nos cargos públicos, ese cargo éo, non se pode ser unha cousa e tamén a contraria. E na vida persoal tampouco. Seguramente que o intentou mais finalmente non o conseguiu e o personaxe Ferrín coa súa historia e as súas ataduras bateu coa figura de presidente, que pedía menos partidismo e máis contención.
E non estou a pensar no apoio a unha candidatura política, que iso entendo que é tan discutíbel como lexítimo, senón na violencia verbal contra os partidarios do reintegracionismo. Que queiran que non o reintegracionismo é hoxe a tendencia máis estendida entre os defensores da lingua, e non falo aquí da súa lóxica e pertinencia. Na RAG actual non entraría Castelao, Paz Andrade ou, anatema, Carvalho Calero, pois reina a intransixencia na concepción da lingua e o sectarismo lingüístico. Supoño que só iso explica tamén que non se lle teña ofrecido nunca ser membro ao promotor da Lei de Normalización Lingüística, Camilo Nogueira. Desa postura cerrada non se fala pois semella que é o natural, xa que está detrás a evidencia da nosa realidade histórica: o autogoberno acabou nas mans dos seus inimigos e eles mandan e limitan. Non hai que ter moita imaxinación para saber que se o nacionalismo galego e o galeguismo en xeral tiveran a forza para gobernar o país a interpretación da lingua sería menos limitada á fala de catro provincias e comarcas limítrofes e máis achegada á lingua dos países de fala portuguesa, como se da o caso contrario reina a hostilidade ao portugués. Nese sentido a actitude de Ferrín foi totalmente inapropiada, unha provocación a unha parte dos sustentadores do galego.
Porén, non foi por iso que se chegou a ese enfrontamento interno, é evidente que en parte é un enfrontamento entre sectores de membros desa entidade, agora que non tería saltado a muxica que provocou o incendio senón fosen as reportaxes que publicou o ABC e que se estenderon a outros medios, como é inevitábel arestora. A posición do ABC é tan escandalosamente contraria á normalización da nosa lingua e é tanta a súa falta de vergoña que recibe diñeiro de Núñez Feijóo destinado á normalización lingüística e escribe os nomes das nosas cidades castelanizados, de La Coruña a El Ferrol (del Caudillo), é unha posición tradicional nese xornal que agora recibe novas enerxías coa chegada de elementos saídos da factoría La Voz de Galicia. O traballo xornalístico integrou acusacións artificiosas sobre o uso de coches oficiales lujosos e outras insidias que xa vimos na pasada campaña electoral contra a Xunta bipartita, unha verdadeira persecución de Méndez Ferrín e a demais directiva. Mais esa construcción sustentábase sobre denuncias de irregularidades que non se podían nin poden obviar.
Non se poden deixar de banda sen aclarar coa excusa de que é unha campaña da extrema dereita, só serían válidas logo se as fixese unha publicación da extrema esquerda? A situación na que se ven persoas valiosas e entregadas á causa da lingua é inxusta e cruel para eles e as súas familias e o remexido de supostas denuncias é deliberadamente confuso coa finalidade de luxalas a elas, a esa institución e, coa mesma, á lingua galega, mais deben ser aclaradas. E con independencia de que sexa certo ou non que os académicos piden aclaracións lle estean a disputar a presidencia as súas preguntas deben ser contestadas polo ben da institución. Mais se Ferrín cre que non está na situación de presidir é lóxico que demita do cargo, o desengano que o leva a dicir que abandona tamén a institución merece respeto persoal. A vida é un relato e semella que ese desengano final era o final que pedía esa historia dado o vivido antes; en certa medida era un final previsíbel para esa aventura vital. E tamén a fin dunha época que chegou desde os primeiros sesenta.
Os membros desa academia non souberon reaxer atinadamente á situación plantexada por un motivo evidente, afrontárona desde a cultura burocrática tradicional cando todo mudou. Mudou o papel dos medios de comunicacion en papel e dixitais e mudou a sociedade nestes últimos dous anos. A moral social maniféstase máis esixente que antes e conductas ás que estabamos afeitos a xente considéraas hoxe reprobábeis, os medios de comunicación están ao axexo de sombras de corrupción, son munición na loita política, e a sociedade censura arestora o que antes consentiu. Un cargo dunha institución que vive do diñeiro público ten que responder a esta nova esixencia e vixiancia, e non pode pensar que está excusado desa tutela cívica por motivo ningún.
E non quixera deixar o máis importante, gustemos ou non das academias, vexamos ou non os seus defectos, a RAG está aí e forma parte da orde social e política vixente e por herdar a lexitimidade moral do galeguismo é unha referencia cívica moi importante, non pode ser que o galeguismo o que lle ofreza á sociedade sexan sempre espectáculos así. Están obrigados a resolver ese conflicto con perspectiva social, non pode ser que lle ofrezan á sociedade simplemente trincheiras, sospeitas e división. Coa situación histórica que vive a lingua, xa era o que nos faltaba. Se manteñen unha postura de firmeza frente a unha manobra política única, o decreto de Núñez Feijóo contra o galego, e se solventan ese enfrentamento serán unha referencia social e se non, non.
Señoras, poucas, e señores académicos, teñan sentido da xusta medida desa lideira, é un asunto feo e triste máis realmente dun tamaño ínfimo. Solucionen iso para que podamos atender aos problemas reais, os problemas de supervivencia dos creadores da cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario