por David Otero no Sermos Galiza:
E SON ASÍ E NON CAMBIAN O destes nosos “gobernantes” en Galicia non ten estremas no tocante ás súas formas de entendernos. Neste momento, referido á nosa Lingua, a galega, fan que fan, van non indo ou indo, entran a medias e saen un algo a que se lles vexa, pero o claro é que defenden os horizontes faesmente e niso non dan o brazo a torcer aínda que digan que nos botan unha man ( a onde e para que…?) e anuncian consensos ( de que e para que…?).Penso que algún aviso teñen de que deben conterse e de que alguén, listo e intuitivo, xa lle viu as orellas ao lobo e avisa de que se ande con coidado. Seica o Partido Popular de Galicia pide intensificar as relacións coas asociacións e demáis colectivos, para dinamizaren ( normalizar?) a cultura ( galega?).
De todas as maneiras, fagan o que fagan, xa mesmo nas formas, no da nosa Lingua Galega non andan afortunados.E digo así en base a que a Xunta inicia o trámite, di o Secretario Xeral de Política Lingüística, para recorrer o fallo contra o decreto do galego diante do Supremo. E veña dálle que dálle e unha máis o de que o que faga falla. Gastar, gastarei o que ( non) teña, gañar non gañarei, pero amolar…iso…sempre. Non lle doen prendas. Pasan , como señores en Galicia, do TSXG e vanse aos brazos e acolleres do TS pensando que alí a cousa será outra, xa que saberán estes de “ provincias”, “ gallegos”, que fallan desta maneira referido á súa Lingua ( “ erran”, din eles).
"Pasan , como señores en Galicia, do TSXG e vanse aos brazos e acolleres do TS pensando que alí a cousa será outra"
Pero iso si…diálogo sempre, din que o ofrecen, e quero dicir e referido a isto do diálogo que por cando a primeira manifestación de QUEREMOS GALEGO, desde a Plataforma se lle pediu ao Presidente da Xunta unha entrevista ( por entender que o tema da Lingua era tanto de importante alomenos como calquera tema vivencial deste pobo) colle e ata hoxe. De falar con el ou el connosco…nada. E iso é diálogo tendido ( nin entendido). E tenden a man e preguntamos con que fin? Pois a nós non hai que nos sacar de ningunha lamegada. Son eles quen se meteron no xardín e prepotentemente ( recordan vostedes ao chegaren ao goberno…?con aquilo de “ isto non pode ser…hai que ser cordiais e acabar coas imposicións deses bipartitos”e así collemos e impoñemos nós, decretamos, si, dispoñemos unha verdadeira dinamitización da Lingua Galega). O destes nosos “ gobernantes” en Galicia non ten estremas e marchan por outros camiños ( integrados a toda letra no decreto de “ plurilingüismo”) e eses camiños non son os nosos e así nós non os podemos compartir. Neses camiños deles, con ese decreto, non pode haber realmente consenso algún.
Saben o que debe ser…? Pois que nos devolvan todo o que nos sacaron, anularon, referido ao noso idioma, o galego, e referido pois e polo menos á Lei de Normalización Lingüística e as súas disposicións daqueles tempos desde Manuel Fraga e non o de agora. Así de claro e non hai máis cera na procesión. O demáis son xogos de palabras e contidos baleiros para titulares ( invocando mesmo a Galicia Bilingúe, vaites, vaites…).Contidos baleiros pois que non teñen nada de proveito, nin aporte algún á chave de abrir ningunha esperanza. Pois se houber algunha actitude favorable, seríao alomenos de concordia e de entendemento e polo tanto xa non se facían movidas de persoarse en nada e avisar, ollo, de ir ao TS. Xa se acataría ( para comezar a falar) e xa se axustarían solidariamente referencias do dictado, fallado ( e non errado) polo noso TSXG.
Está claro que para eles é mellor xudicializar a Lingua Galega, pois ela toda a toda vida, ao parecer, non lles vale. Tampouco lles serve para comunicarse con nós e tratar de dialogar firmemente sobre a súa existencia, futuro e dinamización, a súa expansión, para falarmos de normalización comunal e compartida, a que desexamos desde quen somos. Mellor que dicten os xuices e destas as galegas e os galegos, achantaditos, que o cumpran ao pé da letra e nós, os gobernantes e demáis, mesmo sen saber falar non máis dunha ducia de palabras todas recurridas, tópicas, en galego, mandamos e vixiamos o cumprimento desas leis e deses decretos. Nós somos os máis mellores e eles, galegas e galegos, por moito que o escriban os xornais…non queren saber das nosas boas (¿?) intencións e mirade que llelas ofrecemos (¿?). O da Lingua, queren eles, ha ser cousa dos Tribunais Superiores ( sempre superiores).Pois moi mal…
"Onde están a sensatez e a responsabilidade de conservar e desenvolver a nosa Lingua…? Dígolles que no seu decreto…non".
Saben os que falan diso…( falan digo) que onde están a sensatez e a responsabilidade de conservar e desenvolver a nosa Lingua…? Dígolles que no seu decreto…non. E para ter vontade de diálogo, señores do goberno en Galicia, hai que ter de que falar e como facelo. Dicindo que un vai ben e que os outros cambien o paso…mal se amaña a cousa. Moito menos botándolle un aire ao titular con palabras ben boas e que para vostedes din pouco. Sensatez… Responsabilidade… Menuda. Por iso non queden fóra do proceso no que outras entidades si están despostas a seguir… Se o saben… xa dirán cales…e que pintan. (Re)Poñan a cordialidade que queiran. E falando de romper…xa nos dirán quen ten que apañar os anacos do que se rompeu … Sigan pois , que seica non lles vai mal, nesa ambugüidade aparente, non se queden fóra, nin dentro…a un lado ou a outro…aínda que pareza que non teñen decidido por agora presentar nada…e así tamén e de paso , poñan azucre, ao dicir que en todo caso poden retirar o choio de seguida.
A que andan e que buscan…? Vostedes xa o saben…Isto non lles é unha dimensión simbólica, nin unha tecida manta aflorecida de primavera…Isto élles a nosa Lingua Galega.Esencia determinante de nós. A voz da nosa soberanía como pobo. Con ela non se xoga… Con ela…” non se fai que se fai…” Ou faise ou non. E todo ha ir polo respecto pleno ao pobo do galego. Quen así non o vexa…que siga coas leis e cos Superiores Tribunais. E asemade…” facendo que fai e non fai ou case que fai nada …” david otero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario