A ninguén se lle escapa que a Era Fraga resultou desastrosa para o idioma, e non tanto polo que se fixo como polo que se deixou de facer. Tamén porque estreada unha Lei de Normalización Lingüística inédita aqueles anos foron clave para a socialización do proceso normalizador. Hai moita literatura sobre o tema, é innecesario repetilo.
O Negacionismo, esa pseudocorrente maximizada polo poder político do PP e empeñada en negar o idioma e o status quo pola lingua saído da LNL, non naceu coas medidas favorables á normalización postas en práctica polo bipartito. Foron as disposicións as que prenderon a reacción daquel, que, latente, a xeito de enfermidade social, de bala na recámara do plan involutivo que a dereita española remozou en 1978, agardaba o momento propicio para se manifestar.A estratexia mudou do laissez faire et laissez passer á ofensiva aberta. Falou a FAES con ínfulas de teorizar a infamia e executou o ben mandado Goberno galego. A consigna, sinxela: calquera incursión fóra dos marcos chantados polo exministro franquista –indultado pola II Restauración e coroado paradigma da democracia tras os éxitos electorais en Galicia- sería interpretada e inmediatamente propalada coma un intolerable ataque contra a harmonía lingüística e, por extensión, contra os principios básicos da convivencia política e social dentro do Estado español. Habíanse encher os titulares con predeterminadas palabras-base: liberdade, democracia, xustiza… mesmo humanidade, sempre a favor do negacionismo, fronte a unha adxectivación agresiva ligada ás hipotéticas maldades da normalización: imposición, ditadura, inxustiza…, tamén inconveniencia ou tara para a vida escolar e o desenvolvemento psicosocial dos/as estudantes. Tras anos de forzada pax lingüística, de silenciador acoso a toda reivindicación favorable ao idioma, calquera forma de discriminación positiva, por mínima que fose, había ser interpretada como un ataque contra a súa “harmonía” e cualificada de imposición do nacionalismo. Tras a Era Fraga chegou, pois, a Era da Adxectivación Catastrófica para o idioma.A campaña en contra do idioma promovida creaba un problema artificial que actuaría a priori como xustificación das prácticas liquidacionistas executadas a posteriori contra o galego. A palabra “imposición”, disparada coa calidade adormentadora dun mantra dende tribunas públicas a páxinas afíns ao oficialismo, acadou distribución de best-séller en páxinas e horarios de prime time. Mentres, fiel á folla de ruta, o mesmo PP que abrazara as teses negacionistas na oposición fixaba o albo dos seus ataques sobre a liña de flotación da nosa idiosincrasia e erixíase en firme defensor duns dereitos que nunca foran ameazados, os dos castelanfalantes.Firmes no prometido, as medidas executadas polo actual Goberno galego afondan no obxectivo de inverter o proceso normalizador e manter o idioma extramuros, compracidos coa beizón da FAES e a posterior externalización das medidas ensaiadas en Galicia. Mentres, acomodados nunha tensa calma baseada na consigna do silencio e axudados por unha crise económica oportunísima para as fins do negacionismo, o problema do único idioma con problemas en Galicia desapareceu das páxinas de actualidade. No entanto, cada día a lingua desaparece doutra parcela pública, coma se a mirada de Feixó fose un rato de ordenador eliminando convulsivamente o galego dun catálogo virtual de idiomas. Como en calquera estratexia similar, estas provocacións buscan a creación de kamikazes do idioma, da cultura, contra o muro do máis exacerbado fascismo. Non podemos caer na trampa. Xa o dixeron aquí: Denantes viv@s que escrav@s.Fóra toda resistencia pouco proveitosa, quizais o primeiro paso para unha ofensiva efectiva sería socializar unha idea tan simple e verdadeira coma esta: Afirmar que o noso idioma non serve para algún uso social, sexa este o que for, só se pode entender dende a certeza de que quen o di o ten como indiscutible axioma e adaíl dun odio irracional: peixes de endogámica pureza, ao fin, que atrosman co eco da propia voz batendo no cristal de acuarios á sombra dun carballo de ramaxe oceánica.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 6 de marzo de 2013
Da falsa harmonía á imposición certa
por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario