Despois das seis sentenzas do TSXG contra o Decreto de Plurilingüismo ou da Discordia, polas que se anulaban os dous artigos nucleares deste texto (o das consultas vinculantes aos pais e o da liberdade do alumnado para usar unha lingua diferente da lingua da materia), a Xunta de Galicia preparou un recurso de casación para presentar no Tribunal Supremo.Con este recurso a execución da sentenza do TSXG, a anulación da columna vertebral do Decreto, quedaba en suspenso e a Xunta podería seguir celebrando consultas e o alumnado podería usar a lingua que lle pete, co que dificilmente se poderá acadar o obxectivo da competencia semellante nos dous idiomas ao remate da escolarización obrigatoria.De todas as organizacións e institucións galegas que denunciaron o Decreto no TSXG, soamente a RAG preparou tamén recurso de casación no Tribunal Supremo de Madrid por motivos ben distintos contra este Decreto de Plurilingüismo, pois pide ademais anulación do resto dos artigos. Con este novo recurso a RAG exerce unha das funcións básicas para as que naceu hai máis de cen anos: a defensa da lingua galega.Sen coñeceren a fundamentación do recurso da RAG e, probablemente, sen saberen que a Xunta xa presentara recurso de casación en Madrid, algunhas voces e sinaturas sobranceiras do ámbito galeguista e nacionalista saíron á opinión pública pedíndolle á Xunta que, á vista das sentenzas do TSXG, non recorrese en casación en Madrid e que se sentase a negociar coa sociedade un novo Decreto sobre a base do Plan Xeral de Normalización de 2004, aprobado por unanimidade cando D. Manuel Fraga era presidente da Xunta.A propia Xunta anunciou ante a prensa (que se saiba, non no xulgado) que non recorrería en casación, e algunhas daquelas voces tratan de vender isto dentro do galeguismo como un triunfo das súas xestións e un aceno xeneroso da Xunta á negociación. Porén, o presidente xa anunciou que o Decreto se aplicará na súa integridade, mesmo dun xeito “flexible” nos dous artigos anulados, e o conselleiro de Educación manifestou tamén que “a recuperación do clima de normalidade lingüística” só se faría sobre o piar do Decreto da Discordia. Mutatis mutandis, sería como se un maltratador lle pedise á súa exparella “a recuperación do clima de normalidade doméstica sobre o piar dos normais maos tratos”. Isto é, a Xunta vai seguir aplicando o Decreto porque co seu recurso en casación a execución da sentenza queda en suspenso e, en todo caso, a “normalidade lingüística” só a quere negociar sobre a base do Decreto da Discordia. Iso é auténtico talante negociador.Para entendermos un pouco máis todo isto teñamos en conta tres puntos que nos semellan sobranceiros:1.- A Xunta non renunciou a presentar recurso. Non. A renuncia, para ser válida, non hai que asollala nos medios, hai que a presentar formalmente perante os tribunais e polo de agora a Xunta non desistiu oficialmente.2.- A Xunta, coma se do estado de Israel se tratase, ofrece agora pax lingüística por territorios lexislativos: primeiramente invade os dereitos lingüísticos dos falantes, ataca a lingua, rebaixa a súa protección e desenvolvemento legal e provoca un clima progresivamente letal para ela; e logo ofrece consenso e relaxar a presión sobre a lingua a cambio de consolidar o retroceso nos dereitos lingüísticos, mantendo o Decreto, aplicando de forma subrepticia os artigos anulados e esixíndolle á RAG a renuncia voluntaria a exercer a defensa do galego. Paz por retrocesos. Inaceptable.3.- O falso debate para negociar non é o troco de cromos retirada do recurso da RAG por retirada do recurso da Xunta. Non. O debate e a negociación deben ser retirada do recurso da RAG por retirada do Decreto: o que ataca a lingua é o Decreto, non o recurso da RAG.Se a Xunta quere de veras tirar a lingua dos xulgados e da discordia teno moi doado: revogue o Decreto da Confrontación, deostado e rexeitado por toda a sociedade, e volva negociar axiña en sede parlamentaria un novo Decreto sobre a base do último consenso coñecido: o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004. Ese foi o último punto de encontro e é o único punto de partida. Mentres tanto, como cidadán e como galego, pídolle á RAG que se manteña firme na defensa do noso idioma e manteña todos os recursos necesarios.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 18 de marzo de 2013
Consolidar o retroceso: a oferta de consenso lingüístico da Xunta
por Xosé Henrique Costas nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario