por Marta Dacosta no Sermos Galiza
O pasado 20 de marzo, véspera do Día Internacional da Poesía, participei nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG. Fomos convidados a participar neste grupo de traballo por Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento europeo, integrante da Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes, formación organizadora do Grupo de traballo.
O presentador e moderador da actividade foi o deputado da ALE François Alfonsi, do Partido da Nación Corsa, quen visitou recentemente o noso País. A sesión comezou coa intervención de varios expertos.
Moseley Christopher, da Unesco, falou da categorización dos diferentes graos de ameaza dunha lingua, indicando que as linguas chegan á fase crítica no momento en que soamente son empregadas por persoas de idade. Mostrou imaxes do Atlas das linguas ameazadas realizado pola Unesco, indicando que está en período de elaboración e por tanto recibindo información. Nas imaxes mostradas, na Península só figuraba o euskera e como vulnerábel, o que logo foi cuestionado polo representante basco (cabe sinalar que a Unesco recolle na Península o euskera e o asturiano, aragonés e aranés como linguas en situación de seria ameaza e o guanche como extinguida).
Fernand de Varennes, experto en dereitos lingüísticos, deixou datos como que cada dúas semanas desaparece un idioma ou que en catro xeracións desaparecerán moitos, sinalando que o número de linguas ameazadas desde o seu punto de vista era superior ao que sinalaba a Unesco. Incidiu que actualmente a novidade radica fundamentalmente na velocidade á que desaparece unha lingua e no incremento da presión en moitos países cara ao monolingüísmo. Entre outras afirmacións sinalou que unha lingua que non ten prestixio fóra do ámbito escolar non ten futuro.
Meirion Prys Jones, da NPLD, sinalou a redución de orzamentos para a protección das linguas. Jonathan Hill, da Comisión Europea, falou entre outras cuestións da importancia das políticas de tradución e Adina Nichifor, do Consello de Europa, manifestou que a Carta europea de linguas minorizadas (CELRM) require políticas activas dos gobernos.
A parte expositiva rematou coa intervención de Markus Osterlund que falou do caso do sueco en Finlandia, lingua falada polo 5,9% da poboación e sobre a que adoptaron medidas de normalización, como a publicación de documentación bilingüe, moi recentemente.
Rematadas as intervencións iniciais chegou a quenda dos representantes das diferentes linguas europeas, deputados e convidados que trasladaron as diferentes situacións. Desde a situación do piamontés, que mesmo a Unesco declara de “definitivamente en perigo” e do que se expuxo que os últimos falantes están nos centros da Terceira idade, ao Ladino, para o que se sinalou que a súa situación mellorara respecto a hai trinta anos ao adoptarse medidas favorábeis.
A situación actual das linguas minorizadas do Estado francés pairou sobre o desenvolvemento do encontro. Ese mesmo día publicábase un comunicado de Régions et peuples solidaires denunciando que Hollande viña de se negar a subscribir a CELRM, en contra do que prometera na campaña electoral. O comunicado comeza dicindo que o bipartidismo á francesa fai que no relativo ás linguas a canción sexa sempre a mesma “Palabras, palabras” podería ser o título.” O convidado basco falou da situación en Iparralde, da actitude do subprefecto de Baiona que se dirixira ao municipio de Hendaia para lembrarlle que o Estado francés non permite subvencionar con diñeiro público a construción dunha ikastola ou de que se están pechando, por falta de apoio, as radios comunitarias. Os corsos denunciaban que a súa lingua non tiña espazo nos medios de comunicación, a penas segundos. A estas denuncias sumábase as do deputado alsaciano ou o de Guyana e o convidado bretón, quen informou da coordinación entre as linguas de Francia para procurar a ratificación da CELRM, mentres que o occitano informaba de que neste momento a lingua está presente nas escolas, mais contan só cuns 1000 falantes, cada vez de maior idade.
Os corsos denunciaban que a súa lingua non tiña espazo nos medios de comunicación, a penas segundos
Fronte a estas intervencións manifestei que a lingua galega, malia non se atopar na situación dalgunha das linguas referenciadas, tiña hoxe o seu maior nivel de ameaza no goberno. No goberno galego e no español, ambos os dous responsábeis dunha lexislación restritiva especialmente no ensino, nun contexto social en que se xeralizou a rutura da transmisión interxeracional e a nosa lingua é cada vez menos falada entre os máis novos, situación que, analizada á luz das intervencións realizadas polos expertos na primeira parte do encontro, poñía moitas incógnitas sobre o futuro. E isto, malia ser o Estado español un dos asinantes da CELRM que incumpre sistematicamente.
Do goberno español e do aragonés, tamén do PP, falou o convidado do CHA, quen tamén incidiu no incumprimento da CELRM e sinalou a última aberración: confeccionar unha única normativa para o aragonés e o catalán de Aragón.
Ao remate da sesión, e despois da intervención das diferentes linguas presentes (mesmo un convidado que falou da situación do esloveno en Italia) as conclusións foron, como cabía agardar, que para o sobrevivencia das diferentes linguas europeas, e do mundo, cómpre o apoio dos gobernos, a súa presenza no ensino e na administración, de tal xeito que todas as persoas poidan usala, incrementar os recursos, apoiar a tradución, o cine, os medios de comunicación, etc. Puntos en común para linguas minorizadas en diferentes situacións e que vén o seu futuro desde diferentes prismas.
Foi un encontro enriquecedor que a bo seguro terá o seu reflexo no informe europeo que se elabore para a protección das linguas.
**Crónica da participación da AELG no Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario