por Tati Mancebo na Praza Pública:
Que o inventor do sistema de coordenadas cartesiano teña sido a mesma persoa que afirmou que a alma se sitúa na glándula pineal, resulta chocante. Descartes estivo tan atinado nun aspecto como para influír poderosamente no desenvolvemento do cálculo moderno, como desatinado noutro. "Somos así de limitados" díxome Antonio Escohotado nunha ocasión.
É fácil solidarizarse coa situación das linguas mapuches desde Galiza porque América fica lonxe, non se esixe argumentación a unha obviedade e, sobre todo, non xera confronto cunha parte do contorno social máis próximo, porque a súa defensa non redunda nunha perda de privilexios; simplemente hai algunhas persoas que denuncian a situación destas linguas minorizadas e unha maioría indiferente.
Ignorantes cando menos parécenme as persoas que denuncian opresión do galego sobre o castelán sen querer decatarse de que todas as linguas son igualmente importantes e deben gozar dos mesmos dereitos; parece mentira que teñamos que seguirlles lembrando este punto a estas alturas. Moitas destas persoas que agora protestan acostumaban declararse indiferentes cara ao galego até que sentiron que perdían algo.
Eu non podo escolarizar os meus fillos en galego, os escasos medios de comunicación na miña lingua resisten a base do esforzo heroico dalgunhas persoas. A maioría dos médicos non falan a miña lingua, nin os notarios, nin os xuíces, nin a policía, nin o persoal dos bancos. Tampouco podo ir ao cinema en galego, nin sempre obter impresos oficiais se os demando na miña lingua. Cando quixen crear unha sociedade, a súa constitución demorou máis días do normal por requirirmos a escritura en galego, e periodicamente hei de escoitar a aparente pregunta sobre por que falo galego se en castelán nos entendemos todos sen problema. E aínda queren facerme crer que hai persoas infravaloradas ou limitadas nas súas liberdades por expresarse en castelán na Galiza?
Até onde eu sei no noso país non existe tecido cultural en castelán, precisamente porque os seus potenciais axentes sempre tiveron os ollos postos en Madrid; acceden a premios, axudas e a unha rede española con base na capital que, para os que facemos cultura en galego, nunca estivo aberta, ben polas limitacións formais de boa parte das convocatorias públicas e privadas, ben porque aínda sen estas existiren, na práctica Madrid sempre estivo de costas viradas para as culturas chamadas periféricas ou de provincias.
Intúo que Marta Rivera de la Cruz nin sequera é consciente da falsidade das súas declaracións públicas, da irresponsabilidade en que está a caer cando opina desde a máis absoluta ignorancia sobre a situación do galego e do castelán na Galiza. Quero crer que, de coñecer algo máis a realidade que está a falsear, o seu xuízo non sería o mesmo, a non ser que no seu ánimo prevalecese a cobiza particular sobre os valores culturais dunha parte do pobo ao que dalgún modo difuso pertence. Que valor ten unha declararse demócrata cando antepón filias e fobias persoais ao ben común e aproveita altofalantes para dar opinións sectarias por verdades absolutas?
A escolla de Marta Rivera de la Cruz por parte da Xunta para homenaxear a Rosalía, así como, xa de paso, o nomeamento de Sutil como novo director do AGADIC, paréceme unha ofensa feroz á cultura galega, unha estratexia violentísima en favor da ruptura social na Galiza e un paso previo cara ao ermo cultural máis absoluto que o PP está a construír tanto en Galiza como en España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario