Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 11 de marzo de 2013

Unha democracia "feudal"

polo levantador de minas, Alfredo Ferreiro, en Praza Pública:

Hai algún tempo pensaba en escribir de que modo vivimos nunha democracia «feudal». Pensaba falar de como os novos señores, donos do grande capital, encirran os políticos para que loiten entre eles e a vitoria determine quen vai muxir os recursos comúns no seu beneficio. Os políticos non son todos así, ben é certo, mais a maioría son simples recadadores de votos para unha determinada facción do poder, unha sorte de monteiros dos grandes señores que exhiben o chamariz da democracia para cazar o voto do pobo cada catro anos. Continuaba a reflexión cos bos tempos que nesta conxuntura ultra-dereitista está a vivir outro estamento medieval: a Igrexa. De como fica libre de pagar impostos polos seus negocios, e de como sobrevive chuchando como parasito de institucións sostidas polo Estado laico, como os hospitais e as escolas.
Era unha reflexión que me conducía a observar que o Antigo Réxime que estaba a ficar eliminado na Segunda República, renaceu na segunda metade do século XX e mesmo se perpetuou subrepticiamente nos acomodos pactados na Transición. O «mandiño», aquel mal endémico do pobo galego que o poeta Manuel Antonio denunciaba na súa inspirada xuventude, vivía a súa enésima encarnación en todos eses carrexadores de votos e malbaratadores de postos públicos que pairan como abutres desde os primeiros tempos da democracia actual. Así as cousas, e sen facer ningún alarde de coñecemento histórico cheguei a pensar: o que nos fai falta é unha Revolución Francesa galega.
Nestes pensamentos andaba cando a monarquía, representada no nome da Real Academia Galega, voltaba a colocar o seu brasón na actualidade mediática. A situación tornouse realmente paradoxal, porque mesmo me vin recoñecendo que a tal institución, se ben tiña nacido coa mellor intención e logo pasado por unha decadencia posterior ben longa, nos últimos anos despertara o interese da sociedade polo seu compromiso con aqueles obxectivos cos que foi fundada. Chegados a este punto, non vou ser eu quen defenda que a RAG é unha institución obsoleta, esencialmente porque estimo que neste momento resultaría arriscado prescindir dun referente con tamaño capital cultural e simbólico acumulado. A miña argumentación vai por outra parte.
Non quero entrar a valorar se no seu interior, ou mesmo no grande cadro de institucións culturais, existen capeliñas ou bandos en confronto. Resúltame deplorábel a mera hipótese de pensar niso. Nas actuais circunstancias, en que a lingua galega continúa a desangrarse, nada me din tampouco vellas batallas de personalidades en activo sobre orientacións galeguistas tomadas hai cincuenta anos. As políticas acordadas en tempos recentes, mesmo coa dereita españolista galega, están a ser laminadas cada día por un goberno que se ampara na falta de cohesión social, un dos froitos da miseria intelectual que nos regalou o franquismo. Agradecidos por estaren vivos, a maioría dos nosos avós entenderon sempre que as disputas intelectuais eran entretementos da burguesía, mais a falta de riqueza intelectual e artística implica unha ausencia de criterio á hora de valorar o profundamente humano, deixando a porta franca para o abuso simbólico primeiro, e o físico despois.
Hai só trinta anos que creamos unha televisión e unha radio en galego, unha Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e as profesoras de galego pasaron a ser un sector indiscutibelmente activo nos centros de ensino. E foi precisamente cando estes froitos, nacidos dun esforzo secular, pasaron a ter certa relevancia política que aparecen as reaccións da dereita española. Porque debemos entender que a estratexia de ocultación dos progresos do galeguismo ten a ver cos logros atinxidos por este. Por iso, actitudes como a que o goberno galego mostra convidando en exclusiva a unha escritora antigaleguista nun día de homenaxe a Rosalía de Castro, resultan provocacións que nos deben marcar o camiño a seguir. Un camiño que supoña un investimento da nosa enerxía en proxectos que nos unan e que optimicen as nosas mellores cualidades como cultura. Porque se non facermos o que é preciso, poderemos vernos en breve cunha triste maleta á porta dunha reserva cultural indíxena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario