Méndez Ferrín é o noso primeiro valor literario e un exemplo de patriota. Soubo tecer complicidades institucionais fóra do ámbito do galeguismo sen abdicar da súa firme defensa da nosa lingua, como amosou co recurso xudicial contra do Decreto do plurilingüismo que acadou a sentenza favorábel do TSXG.
Mais a súa presidencia non deu chantado os alicerces dunha xestión moderna e profesionalizada da Academia, que vén esixida tanto polos requirimentos da renovación democrática e da nova cultura cidadá de xestión do público como pola propia complexidade dos programas e a magnitude de recursos da RAG, que xa non é aquel clube de amigos de outrora. Dende a presidencia de D. Paco del Riego, a Academia foi quen de resintonizar coa sociedade, mais agora sonlle esixíbeis altos estándares de transparencia na xestión. Porque é unha institución privada, pero depende do financiamento público e ten recoñecida por lei alta autoridade no eido lingüístico, de maneira que ten que amosar a máxima obxectividade, transparencia e eficiencia, máis aínda tendo en conta que o galego ten poderosos inimigos empeñados en desprestixiar os escasos apoios institucionais de que dispón.
Por caso, é lóxico que a Academia sexa a primeira en defender a actual normativa, pero é esencial construírmos pontes para tentar integrar o reintegracionismo (malia que non goce do monopolio da verdade nin teña sido sempre o paradigma da oportunidade), como fixeron os Departamentos de Lingua Galega das tres Universidades na súa proposta da normativa de consenso arestora vixente. Sexa como for, un Presidente da Academia ha ser fléxibel e facer gala dun talante institucional na súa reacción ante as demandas sociais, ao contrario do que aconteceu cando o manifesto ‘O Xogo das Cadeiras’ a prol dunha presenza máis equitativa das mulleres na RAG.
Son, pois, tempos de liderados modernos e colexiados, de xestións eficientes e profesionalizadas, de sensibilidade ante as demandas sociais e da máxima transparencia no tratamento do público. Tamén na Academia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario